InicioSociedadeO Sergas intercambia aos xerentes de Vigo e Ourense tras as protestas...

O Sergas intercambia aos xerentes de Vigo e Ourense tras as protestas e dimisións na área viguesa

Destaca que Rubial "culmina unha exitosa etapa de catro anos" en Vigo, onde pediron a súa marcha e dimitiron unha vintena de xefes de servizo

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou este venres o cambio dos ata agora xerentes das áreas de sanitarias de Vigo, Félix Rubial, e Ourense, Julio García Comesaña, que intercambiarán xerencias co fin de “acometer novos retos”.

O cambio de xerencia en Vigo prodúcese despois de que unha vintena de xefes de servizo de Atención Primaria dimitise e de diversas protestas e folgas para denunciar a situación de sobrecarga neste nivel asistencial, pola que pediron a substitución de Rubial, ao que non recoñecían como interlocutor no conflito.

Nun comunicado de prensa, o Sergas informou de que Félix Rubial Bernández foi nomeado responsable da EOXI de Ourense e Julio García Comesaña novo xerente da área de Vigo. “Con estes nomeamentos o Sergas aposta por adaptar a dirección das dúas EOXIs aos obxectivos de completar a integración da Atención Primaria e a Atención Hospitalaria e a implantación efectiva do plan galego de Atención Primaria.

Para o Sergas, Félix Rubial, que exerceu de director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2012 e 2015, data na que se puxo á fronte da xerencia viguesa, “culmina unha exitosa etapa de catro anos durante a que pilotou na área de Vigo o proceso de reordenación asistencial máis complexo que se cometeu en España”.

“Esta vertebración consolidou o modelo de especialización avanzada dos hospitais Nicolás Pena, Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro, convertendo este último nun centro de vangarda avalado por todos os indicadores asistenciais, tecnolóxicos, docentes e investigadores”, explicou a Administración sanitaria autonómica.

Ao mesmo tempo, no marco de Atención Primaria, fronte ás críticas de profesionais da área de Vigo, o Sergas incidiu en que “se incrementou a capacidade resolutiva dos centros de saúde e concentrouse a construción de novas infraestruturas” que, engadiu, “permitiron completar un novo mapa máis ordenado, mellor dotado e dimensionado para afrontar os novos retos sanitarios“.

Neste sentido, para o Servizo Galego de Saúde, “baixo a premisa o paciente é o primeiro”, Rubial “introduciu tamén varias medidas encamiñadas a priorizar a humanización na actividade asistencial”.

NOVA ETAPA

Na súa nova etapa en Ourense, Rubial “aborda o desenvolvemento do plan funcional e de espazos do CHUO”, destacou o Sergas, así como as “distintas actuacións de mellora e reforma proxectadas tanto no ámbito hospitalario, en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, como nos centros de saúde da área ourensá”, apostilou.

Mentres, Julio García Comesaña, que exercía de xerente de Ourense desde marzo de 2018 e “conta cunha ampla traxectoria profesional”, indicaron as mesmas fontes, “acomete unha nova etapa na que se desenvolverán os obxectivos da Estratexia XXI para a área de Vigo”, completarase a reforma integral do Hospital Meixoeiro, seguirase desenvolvendo o proxecto de humanización da área sanitaria e priorizarase o remate dos novos centros de saúde proxectados, detallaron.

A Consellería de Sanidade valorou que como xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, García Comesaña “reforzou a aposta do Sergas por un dos principais polos de referencia para a investigación e innovación sanitaria no desenvolvemento de proxectos de I+D+i”. Ademais, lembrou que desde a dirección do Complexo Hospitalario de Vigo “participou na reordenación da área sanitaria de Vigo, que se desenvolveu nos últimos anos”.

ÚLTIMAS

Cazan ‘in fraganti’ tres ladróns cando tentaban asaltar unha vivenda no barrio vigués de Balaídos

A rápida intervención policial e a colaboración cidadá evitaron que se consumase un novo...

Unha conferencia revela como a arte do século XIX construíu a imaxe histórica de Vigo

O historiador da arte e membro do Instituto de Estudos Vigueses, José Luis Mateo,...

O Celta recibe o selo nacional de transparencia e divulgación non financeira de mans do Consello Xeral de Economistas e LaLiga

O Consello Xeral de Economistas de España (CGEE) e LaLiga distinguirán o vindeiro luns,...

Abel Caballero convoca o pleno extraordinario do caso Saltamontes o 19 de xuño pero elude a súa comparecencia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, convocou para o próximo 19 de xuño o...