InicioPolíticaCaballero levará ao pleno seis esixencias á Xunta: voos para Peinador, máis...

Caballero levará ao pleno seis esixencias á Xunta: voos para Peinador, máis fondos para Vigo e reforzo sanitario

O alcalde reclama que a Xunta e a Deputación cofinancien conexións aéreas desde o aeroporto vigués e pide nove millóns para a cidade “en concepto de máis poboada de Galicia”.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este sábado que o seu goberno levará ao próximo pleno do Concello, previsto para este luns, media ducia de peticións á Xunta sobre distintos asuntos. Entre elas figuran o financiamento de voos desde o aeroporto de Peinador ou a consignación de nove millóns de euros para Vigo “en concepto de cidade máis poboada de Galicia”.

Unha das reclamacións que o goberno local trasladará ao pleno será pedirlle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que explique á cidadanía por que, segundo Caballero, “a enganou dicindo que non pagaba a compañías aéreas desde o aeroporto de Santiago”. “Era unha mentira. Confesou que si, que pagaba e, polo tanto, non pode negarse de ningún xeito a financiar liñas para operar desde Vigo”, censurou o rexedor.

COFINANCIAMENTO PARA VOOS DESDE PEINADOR

Caballero reclamará tamén á Xunta e á Deputación de Pontevedra que cofinancien, xunto co Concello, voos desde a terminal viguesa. A proposta do alcalde é que cada unha das institucións achegue un terzo do total para impulsar as conexións aéreas desde Peinador.

 NOVE MILLÓNS POR SER A CIDADE MÁIS POBOADA

Da mesma maneira, o goberno local incluíu na orde do pleno a petición xa formulada este mes polo alcalde para que o Goberno galego consigne nove millóns de euros para Vigo. Caballero reclama esta cantidade “en concepto de cidade máis poboada de Galicia” e en analogía coa partida que a Xunta concede a Santiago de Compostela, á que outorga tres millóns de euros pola súa capitalidade.

REFORZO DA ATENCIÓN PRIMARIA

O Concello tamén lle esixirá á Xunta que cubra “de forma inmediata” todas as prazas vacantes de Atención Primaria en Vigo. Ademais, pedirá que se garanta a “cobertura integral” das baixas médicas e das vacacións do persoal sanitario. Caballero solicitou tamén a apertura de novos ambulatorios “para atender toda a demanda da cidade” e que se habilite o Hospital Nicolás Peña como medida de reforzo urxente ata que abran os novos centros.

APOIO AO CELTA BALONCESTO FEMININO

Por outra banda, o alcalde demandará á Xunta que achegue 200.000 euros ao Celta Baloncesto Feminino, “a mesma cantidade que vai achegar o Concello de Vigo o vindeiro ano”. “Imos demandar tamén que cubra os gastos correspondentes á fase de acceso á Primeira División que se celebrou en Vigo, que pagou integramente o Concello”, advertiu.

POSTOS NO CONSERVATORIO SUPERIOR

Por último, o goberno vigués urxirá á Administración autonómica a que “manteña todos os postos” de conserxería do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Caballero asegurou que se van eliminar dúas prazas e reclamou que se garantan os medios necesarios “para que o centro estea aberto toda a tarde, como estaba ata agora”. Con estas propostas, o goberno local busca situar no pleno municipal unha batería de reclamacións á Xunta en materia de transporte aéreo, financiamento, sanidade, deporte e servizos educativos.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...