A compañía aérea Binter iniciou este luns o reforzo da súa programación entre Vigo e Canarias para a tempada de verán, coa incorporación de dúas frecuencias adicionais entre a cidade olívica e o arquipélago. En concreto, os novos voos unirán os luns e os xoves Vigo co aeroporto de Gran Canaria, ata acadar un total de 13 frecuencias semanais entre ambos os destinos. Deste xeito, Binter conecta Vigo e Canarias todos os días da semana, con dobre frecuencia en seis deles.
Segundo sinalou a compañía nun comunicado, a aeroliña opera voos con Gran Canaria os luns, martes, mércores, xoves, venres e domingos, mentres que a conexión con Tenerife se mantén a diario. A empresa destacou ademais que estes voos manteñen unha das características diferenciais de Binter: a posibilidade de chegar ao mesmo prezo a calquera dos aeroportos canarios, ao ofrecer de balde os voos interinsulares en conexión. Desta forma, os pasaxeiros poden aproveitar os máis de 220 traxectos diarios que a compañía realiza entre as diferentes illas do arquipélago.
