InicioSociedadeO Tribunal de Vigo condena ao Consulado de Venezuela por despedir de...

O Tribunal de Vigo condena ao Consulado de Venezuela por despedir de forma improcedente a unha empregada

A legación diplomática deberá reincorporar á administrativa ou aboarlle unha indemnización de máis de 27.000 euros tras un fallo que fixa que as entidades estranxeiras non poden situarse á marxe da lexislación española.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A xustiza galega marca un importante precedente de control sobre as delegacións diplomáticas estranxeiras. A xuíza da sección do Social do Tribunal de Instancia de Vigo condenou de forma firme ao Consulado de Venezuela na cidade olívica a readmitir ou, no seu defecto, indemnizar con máis de 27.000 euros a unha empregada tras declarar a ilegalidade do seu despedimento por improcedente. O fallo xudicial argumenta que a representación consular non logrou acreditar en ningún momento as causas disciplinarias alegadas na carta de rescisión.

DICUSIÓN POLAS TAXAS E DESPEDIMENTO SEN PROCEDEMENTO

A traballadora prestaba os seus servizos para o Consulado venezolano na cidade de Vigo dende o ano 2015, desempeñando tarefas na categoría de administrativa. Segundo explicou a través dun comunicado Antonio Herdeiro, socio de BGILAW en Vigo e representante legal da demandante, o conflito laboral estalou no mes de outubro de 2025. O despedimento executouse despois de que a muller mantivera unha discusión relacionada coa implantación dun novo sistema de cobro de taxas consulares, sumado a unha breve ausencia durante o seu tempo de descanso regulamentario. A carta de despedimento imputáballe de forma directa faltas de desobediencia e abandono do posto de traballo.

Malia as alegacións da delegación caribeña, a maxistrada determinou na súa resolución que non se seguiu o procedemento esixido para un despedimento disciplinario. Do mesmo xeito, a xuíza constatou que os feitos imputados non foron acreditados e rexeitou a nulidade do caso ao non existir unha causa real de discriminación. Por todo isto, a resolución xudicial declarou a total improcedencia da extinción do contrato.

A INMUNIDADE NON É UN ESCUDO CONTRA OS DEREITOS LABORAIS

O letrado Antonio Herdeiro amosou a súa satisfacción polo contido dunha resolución que supón o restablecemento dos dereitos da traballadora. “Esta resolución reafirma que ningún empregador (tampouco un consulado estranxeiro) pode situarse á marxe da lexislación laboral española”, reivindicou o avogado, quen fixo fincapé en que a muller sufriu un despedimento sen causa e sen procedemento.

Herdeiro subliñou que o fallo da xustiza viguesa supón un precedente de gran relevancia en materia de relacións laborais con representacións diplomáticas. “A sentenza deixa claro que a inmunidade non pode utilizarse como escudo para vulnerar dereitos laborais básicos”, engadiu o representante legal, quen incidiu en que esta resolución actúa como unha garantía de protección para todos os traballadores contratados en España por parte de entidades e institucións estranxeiras.

ÚLTIMAS

A Fundación Laxeiro expón unha serie de debuxos inéditos cunha gran forza expresiva

A sede da Fundación Laxeiro, na Casa das Artes de Vigo, expón desde este...

Ciencia de Ida e Volta en cafés de Pontevedra, Vigo e Ourense por parte do alumnado sénior da UVigo

Exercer de embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento. Esa será a misión...

Caballero esixe á Xunta 9 millóns ao ano para Vigo por ser “a cidade máis importante de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiulle este martes á Xunta de Galicia que,...

O BNG leva á Valedora a negativa de Caballero a comparecer polo caso Saltamontes

O grupo municipal do BNG en Vigo presentou unha queixa ante a Valedora do...