InicioSociedadeDesaloxada a antiga nave de Pescanova en Beiramar por orde xudicial tras...

Desaloxada a antiga nave de Pescanova en Beiramar por orde xudicial tras anos de abandono e risco

A Policía Local de Vigo, coa colaboración da Policía Nacional, evacuou máis de vinte persoas sen fogar dun inmoble en estado ruinoso no que o Concello alerta de perigo para a vida e a integridade das persoas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Local de Vigo, coa colaboración de efectivos da Policía Nacional, procederon este luns ao desaloxo da antiga nave de Pescanova en Beiramar, unhas instalacións frecuentadas por persoas sen fogar, en cumprimento dun auto xudicial. A nave leva anos sen actividade e nela pasaban a noite persoas en risco de exclusión. Ante os riscos existentes e as condicións de falta de salubridade, o Concello requirira en numerosas ocasións á propiedade para que adoptase medidas de seguridade, pero esas actuacións non chegaron a executarse.

MÁIS DE VINTE PERSOAS EVACUADAS SEN INCIDENCIAS

No operativo desenvolvido este luns, que se levou a cabo sen incidencias, foron evacuadas da estrutura máis dunha vintena de persoas. Ata o lugar desprazouse tamén persoal dos servizos sociais municipais para ofrecer ás persoas desaloxadas recursos de hixiene, comedor e albergue, ademais de citas para derivalas aos servizos axeitados, segundo explicaron fontes do Concello.

O CONCELLO ACUDIU AOS XULGADOS TRAS OS INCUMPRIMENTOS DA PROPIEDADE

Despois de requirir sen éxito á propiedade para que pechase e asegurase a nave, o Concello acabou acudindo en febreiro pasado aos xulgados para poder actuar de forma subsidiaria sobre o inmoble. Nun auto do 26 de marzo, o Tribunal de Instancia de Vigo, sección do contencioso-administrativo, praza 2, autorizou a execución forzosa da resolución municipal que ordenaba aos propietarios adoptar medidas de protección e o tapiado dos ocos.

UN INMOBLE EN ESTADO RUINOSO E CON RISCO PARA A VIDA DAS PERSOAS

O xulgado considera que concorren os requisitos para permitir a entrada e o desaloxo da nave, ao tratarse da “morada dunha pluralidade indeterminada de persoas que residen nel de modo supostamente irregular” e que “se atopa nun estado precario de conservación”. “En particular, os informes técnicos municipais poñen o acento no mal estado da edificación, ruinoso, con perigo de desprendemento de cornixas e fachadas”, expón o auto. Neste sentido, a resolución xudicial subliña que “resulta indispensable por esta orde o desaloxo total do inmoble, e posteriormente, o tapiado dos seus accesos”, xa que o simple precinto sería insuficiente para acadar “o propósito último desexado, que é preservar a integridade e a vida das persoas”.

INCENDIOS, PELEXAS E MESMO A APARICIÓN DUN CADÁVER

O xulgado incide tamén en que os informes policiais incorporados á causa “poñen de manifesto as numerosas incidencias que xeran os frecuentes conatos de incendio que tiveron lugar no edificio, as pelexas, incluso a aparición dun cadáver”. Esta última referencia alude ao achado, o pasado novembro, dun home falecido tras precipitarse desde unha altura no interior das instalacións. Tras o desaloxo das persoas que se atopaban na nave, a Policía Local permaneceu custodiando a zona para evitar novos riscos e á espera de que se executen os traballos de tapiado do inmoble.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...