O xefe de equipo do estaleiro Cardama, un dos acusados pola morte dun operario en novembro de 2022, recoñeceu os feitos que se lle imputan e rompeu a chorar durante a terceira sesión do xuízo, asegurando que leva o ocorrido “cargando estes anos”. Durante a vista, varios responsables da empresa insistiron en que os empregados do estaleiro eran os encargados de cargar a peza no camión, pero non de asegurala, xa que —segundo afirmaron— “non é a nosa actividade”.
O primeiro en declarar foi o responsable de seguridade de Cardama, quen explicou que o persoal do estaleiro realiza a carga e descarga das pezas, pero non as trinca ao vehículo de transporte. Na mesma liña pronunciouse o xefe de buque ao que ía destinada a peza, que asegurou que Cardama “nunca” se encarga de asegurar a carga ao camión e que non lle consta que haxa persoal na empresa con formación específica para facelo.
“Asegurala concierne ao condutor, entendo”, insistiu, engadindo que, se detectase algún problema, podería avisar aos superiores, pero que en 40 anos na empresa nunca tivo que asegurar unha peza a un camión. Tamén o director de produción, acusado só pola acusación particular e non pola Fiscalía, mantivo a mesma versión e afirmou que o transportista é quen debería asegurar a carga, ao ser quen ten a formación necesaria. Os tres acusados referíronse tamén ao cable de aceiro que había no chan, que segundo a acusación puido influír no accidente, aínda que sostiveron que non supuña un risco para a seguridade.
“TODO FOI MOI RÁPIDO”
O único acusado que admitiu a súa responsabilidade foi o xefe de equipo, que relatou entre prantos o sucedido o 24 de novembro de 2022. Segundo explicou, recibiu ordes do director de produción e do xefe de buque para cortar o tráfico interno e permitir a entrada do camión co material. Para iso contou coa axuda doutro traballador, mentres a vítima permanecía na zona. “Todo foi moi rápido”, afirmou, asegurando que se asegurou de que non houbese vehículos, pero que descoñecía que o operario estaba alí.
O acusado explicou tamén que a peza parecía estable cando foi colocada no camión e que incluso ofreceu axuda ao condutor para asegurala, aínda que este rexeitou a súa oferta. Tras o accidente, estivo máis dun ano e medio de baixa por depresión, abandonou o seu emprego no estaleiro e marchou de Galicia. “Non son capaz de traballar en Vigo”, lamentou, asegurando que tampouco volveu aceptar postos con responsabilidade noutras empresas.
UNHA PEZA DE SETE TONELADAS
Os feitos ocorreron na mañá do 24 de novembro de 2022, cando se trasladaba unha peza de sete toneladas para introducila no interior do estaleiro nun camión. Segundo a Fiscalía, a peza estaba colocada en posición vertical e con risco de envorco, e na zona atopábase a vítima, un traballador dunha empresa auxiliar de 42 anos. Ademais, no chan había un cable de aceiro empregado o día anterior nunha operación de varada que non fora retirado. Ao pasar por enriba do cable, o camión balanceouse e a peza perdeu estabilidade, caendo lateralmente e esmagando ao operario, que faleceu no acto.
A Fiscalía sostén que non se delimitou correctamente a zona de manobra nin se despexou de persoas, e que o encargado da operación non cumpriu coas medidas de seguridade necesarias. Por iso acusa a tres responsables do estaleiro —xefe de buque, xefe de equipo e responsable de seguridade e saúde— dun delito contra os dereitos dos traballadores en concurso cun homicidio por imprudencia grave, polos que solicita tres anos de prisión e inhabilitación. Ademais, pide que os acusados indemnicen á familia da vítima con máis de 600.000 euros. O xuízo continuará este venres coa última sesión.
