InicioSociedadeA Xunta dá luz verde a 2.000 vivendas protexidas no Ofimático de...

A Xunta dá luz verde a 2.000 vivendas protexidas no Ofimático de Vigo

O Goberno galego aproba o segundo proxecto de interese autonómico da Estratexia de Só Residencial, anuncia investimentos en aluguer accesible, avais hipotecarios para menores de 36 anos e novas actuacións urbanísticas e sociais en distintos concellos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno galego deu luz verde na súa reunión semanal ao proxecto de interese autonómico (PIA) para habilitar chan residencial na zona do Ofimático de Vigo, onde se prevé a construción de arredor de 2.000 vivendas protexidas. Trátase do segundo PIA que consegue a aprobación inicial dentro da Estratexia de Só Residencial, tras o proxecto do barrio Sacro Corazón de Lugo. Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta estratexia busca habilitar terreos para levantar 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 de prezo libre. Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou que o Executivo autonómico avanza “sen descanso no obxectivo de facilitar o acceso á vivenda”.

UN NOVO BARRIO NO OFIMÁTICO DE VIGO

O Consello autorizou desenvolver solo no ámbito do SUB 405 Ofimático, unha superficie de 21 hectáreas situada na parroquia de Santa Cristina de Lavadores. A ordenación prevé un novo barrio con arredor de 2.000 vivendas, zonas verdes, servizos e espazos de lecer, cun investimento autonómico de 22 millóns de euros para a urbanización. As vivendas integraranse en bloques residenciais de entre 4 e 7 plantas, con algún edificio puntual de maior altura. O proxecto inclúe tamén usos comerciais, unha residencia xuvenil, aparcadoiros e equipamentos comunitarios, así como medidas de plantación e conservación de árbores. No marco desta estratexia, Rueda lembrou que a Xunta ten en marcha 12 proxectos de interese autonómico en 11 concellos, entre eles Vigo, A Coruña, Santiago, Arteixo, Ourense, Pontevedra, Lugo, O Porriño, Marín, Ribadeo e Vilagarcía.

‘A PINGA DE LEITE’ E ATENCIÓN ÁS FAMILIAS

Tamén en Vigo, a Xunta prevé licitar esta semana as obras de mellora do edificio ‘A Pinga de Leite’, cun orzamento superior a 570.000 euros e un prazo de execución de seis meses. O inmoble acollerá unha escola infantil, un novo Punto de Encontro Familiar e unha unidade de atención temperá e postemprana.

MÁIS FONDOS PARA ALUGUER E MOBILIZACIÓN DE VIVENDAS BALEIRAS

Rueda informou ademais de que o programa ‘Fogar Vivo’ contará en 2026 con máis de 2,7 millóns de euros, case o triplo que o ano anterior, para mobilizar vivendas baleiras cara ao mercado do aluguer accesible. As axudas poderán chegar ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán para rehabilitación —incluíndo como novidade a renovación de electrodomésticos—, 2.000 euros adicionais para familias novas ou con dependentes e 3.000 euros destinados a seguros de impago e danos durante os primeiros anos do contrato.

AVAIS HIPOTECARIOS PARA MENORES DE 36 ANOS

A Xunta tamén avalará ata 5 millóns de euros en préstamos hipotecarios para menores de 36 anos que adquiran a súa primeira vivenda habitual. O programa permitirá cubrir ata o 20 % do custo da vivenda, facilitando que a hipoteca poida alcanzar o 100 % do importe. Poderán acceder persoas con ingresos entre 2 e 5,5 veces o Iprem, ampliables a 6,5 Iprem en compras conxuntas. O prezo máximo das vivendas situarase entre 180.000 e 260.000 euros, segundo o concello.

ÚLTIMAS

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...

O PP de Vigo esixe a auditoría das contas de Bembrive mentres o Goberno local cualifica as acusacións de “falsas”

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, esixiu ao rexedor, Abel Caballero, que...

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab para o lanzamento dun novo satélite

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab, que pretende...

Catro tartarugas mariñas, rescatadas e trasladadas á UCI de Nigrán tras aparecer debilitadas no litoral galego

Catro tartarugas mariñas foron trasladadas á UCI das instalacións da Coordinadora para o Estudo...