InicioSociedadeO Sergas nega o colapso das Urxencias en Vigo e asegura que...

O Sergas nega o colapso das Urxencias en Vigo e asegura que a atención está garantida

Sanidade admite unha presión asistencial alta pola gripe, pero afirma que se resolve sen incidencias significativas grazas aos reforzos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Sergas saíu ao paso das denuncias do persoal e do alcalde de Vigo sobre un suposto colapso do servizo de Urxencias da área sanitaria, e asegurou que, aínda que a presión asistencial está a ser “alta”, a atención á poboación está a resolverse “sen incidencias significativas” grazas ás medidas de reforzo. Nun comunicado, Sanidade subliñou que a actual situación non é “extraordinaria”, senón que é habitual nesta época, debido á gripe, as infeccións respiratorias e o Nadal, “como está a ocorrer en toda España”.

Así mesmo, fontes sanitarias apuntaron que a área de Vigo conta cun plan de continxencia “que inclúe un importante reforzo das Urxencias e a habilitación de máis camas cando é necesario”. Respecto diso, indicaron que, neste intre, quedan 15 camas dispoñibles no hospital Meixoeiro. No caso de Urxencias, o Sergas sinalou que os pacientes son atendidos en base á chamada triaxe de Manchester, que “permite asistir en primeiro lugar aos pacientes de maior gravidade, e lembrou que está prevista unha ampliación das Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, para a que xa se está deseñando un Plan de reforma que “está moi avanzado”.

Con respecto á Atención Primaria, Sanidade sinalou que hai variación con respecto ás demoras de citación nos diferentes centros de saúde, pero asegurou que a tardanza media para os médicos de familia e pediatras da cidade sitúase en 4,6 días. Finalmente, insistiu en que, grazas á planificación e ás medidas adoptadas, xunto co “esforzo” dos profesionais, “todos os pacientes teñen asistencia sanitaria garantida” e non queda “ninguén sen atender”. “Os que demandan atención ordinaria son atendidos na mesma semana, os urxentes no mesmo día e os que requiren ingreso hospitalario son hospitalizados”, conclúe o comunicado.

ÚLTIMAS

Acampada pola Vivenda de Vigo destaca a boa acollida da veciñanza: “traen comida e outros materiais”

A Acampada pola Vivenda de Vigo mantense na Praza de Compostela da cidade e,...

Cargos de Vox critican o “acoso” que sofren e van á Acampada de Vigo a buscar bulla

Vox denunciou este mércores os "episodios de violencia" que tiveron que sufrir nos últimos...

O BNG denuncia os salarios “estratosféricos” que propón o goberno de Caballero

O BNG de Vigo mostrou este mércores a súa oposición á subida do 5,5%...

Caballero pide reunirse xa con Xunta e Deputación sobre o financiamento do Mundial e esta pídelle coñecer proxectos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a insistir en pedir un encontro coa...