A catedrática Carmen García Mateo presenta este mércores ante os medios de comunicación a súa candidatura ao Reitorado da Universidade de Vigo (UVigo), tras coñecerse hai semanas que a actual vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, tamén se presentará ás eleccións do centro académico para suceder ao ata agora reitor, Manuel Reigosa.
Durante a presentación da candidatura dixo que espera ser a primeira muller que dirixa a institución para “darlle un rumbo novo” e “pasar da improvisación á solvencia”. Así o sinalou este mércores nunha rolda de prensa, onde presentou a súa candidatura asegurado que a UVigo pode aspirar a dar un “salto de calidade” e pasar “de mirar cara adentro” para “ter peso fora” e ser “influente” e con “voz propia”.
Ela reivindicou que dá este “paso adiante” como cabeza visible dunha candidatura ao ter unha experiencia ás súas costas de máis de 35 anos de carreira profesional dando clases no centro académico. Con todo, puxo en valor que o seu é un proxecto “colectivo”, que pretende contar co coñecemento de todas as persoas que conforman a universidade chegadas de todos os campus.
Para García Mateo, no último mandato a UVigo rexistrou unha perda de influencia, sobre todo na contorna política. Así, lembrou que o ano que vén tocará negociar a planificación financeira plurianual das universidades galegas, polo que é necesario un equipo “forte” para esta “nova etapa”.
García Mateo é catedrática do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo tras obter o seu título de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade Politécnica de Madrid, onde se doctorou en 1993. Desde 1987 é profesora da UVigo. As súas áreas de investigación son a tecnoloxía da fala en galego e español, a segmentación de audio e o recoñecemento biométrico de persoas. É coautora de máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais e dirixiu 10 teses doutorais. Ela liderará a candidatura de Nós Universidade nas eleccións de maio de 2026, ás que tamén se presentará Belén Rubio pola plataforma H2040, á que pertence Manuel Reigosa.
