A comarca do Deza será o escenario da cuarta edición da expo-feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, que terá lugar o vindeiro venres 30 de maio en Lalín. Por primeira vez, a feira celebrarase fóra das cidades nas que se asentan os campus da Universidade de Vigo, co obxectivo de descentralizar a divulgación científica e contribuír ao impulso do desenvolvemento local. Con máis de 20 actividades interactivas, a feira busca espertar a curiosidade científica e fomentar as vocacións STEM entre as crianzas e a mocidade, sen perder de vista o público xeral. A través de obradoiros, experimentos, charlas, arte e espectáculos, a xornada convida a descubrir que a ciencia tamén se fai fóra dos laboratorio e está presente na vida diaria, ao tempo que pretende achegar referentes femininos no ámbito investigador, visibilizando o traballo das científicas da UVigo.
Con diferentes actividades ao longo da xornada, a feira terá nesta ocasión como sede o interior e o exterior do edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, que este venres acollía a presentación deste evento, na que participaron o alcalde de Lalín, José Crespo; as vicerreitoras de Investigación e Transferencia, Belén Rubio; e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e a concelleira de Igualdade, Carmen Canda.
VOCACIÓN DE CIENCIA
Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da Universidade, dentro do programa anual de actividades ‘Ciencia de Ida e Volta’, esta feira conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello, lembrou Rubio, quen destacou que o seu obxectivo é achegar “o traballo que facemos na Universidade a toda a cidadanía e, en particular, aos nenos e nenas”. Con esa idea, tras tres edicións en Vigo e Pontevedra e que foron “un éxito” en termos de participación, neste 2025 avogouse por “chegar a zonas máis afastadas dos campus”, neste obxectivo, sinalou Rubio, de “espallar o noso coñecemento eespertar vocacións científicas” entre a mocidade e, nomeadamente, entre as nenas.
Nesa mesma liña, Valderrama salientou a importancia de outorgar “visibilidade á figura da muller científica”, a través dun evento que permite un contacto directo coas investigadoras, contribuíndo a “ese labor fermoso de sacar a ciencia ás rúas, cunha linguaxe moi próxima”. José Crespo, pola súa banda, puxo de relevo a importancia de levar “esta iniciativa fóra das cidades”, convertendo Lalín “na capital científica galega o día 30”, aspecto no que tamén incidiu Bastos, quen destacou que celebrar este evento en Lalín “é un paso máis para democratizar o acceso á ciencia” na provincia. A deputada provincial lembrou tamén que, se ben, “as mulleres representan a maioría do alumnado universitario, seguen sendo minoría” nas titulacións deste eido, “e non é por falta de capacidade ou de intereses, senón polo peso dos estereotipos, dos roles de xénero e das barreiras sociais que seguen condicionando as eleccións educativas das máis novas”, o que fai necesario “mostrar referentes á mocidade”, engadiu Canda.
ACTIVIDADES
A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais encargouse de debullar o programa dunha xornada que arrancará, pola mañá, coa visita á feira de 180 alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria de cinco colexios do municipio, os CEIP Varela Buxán, Vicente Arias de la Maza, Xesús Golmar, Manuel Rivero e Xoaquín Loriga. En paralelo, preto de 60 estudantes de 4º da ESO participarán en obradoiros sobre desinformación, matemáticas ou sostibilidade global e local.
Pola tarde, a feira abrirá as súas portas a toda a cidadanía, con entrada libre e gratuíta. Desde as 16.00 horas, 24 obradoiros e stands interactivos ocuparán distintos espazos do exterior e interior do edificio sociocultural para ofrecer experiencias participativas: xogos divulgativos, experimentos, tecnoloxías innovadoras, retos matemáticos, arte, troco de obxectos, e ata unha maqueta de satélite ou un monopraza fabricado por estudantado universitario.
O programa inclúe tamén, a partir das 16.15 horas presentacións exprés de diferentes proxectos da Universidade de Vigo, centradas na Rede de Ciencia Cidadá de Galicia na Rede de Escolas Azuis Galegas, así como unha charla sobre os insectos como a alimentación do futuro. Ás 17.00 horas será o momento dos faladoiros animados, que afondarán en temáticas que van da enerxía comunitaria local á valorización de residuos vitivinícolas en cosmética ou a presentación da publicación Quero ser investigadora 5, da UCC+i
Ás 18.30 h terá lugar a charla de clausura, ‘Fala que sente: percibindo emocións a través da melodía das linguas‘, que contará con interpretación en lingua de signos. Como colofón, ás 19.15 horas, pechará a xornada o espectáculo teatral Elemental, unha mestura de ciencia, humor e música para toda a familia, protagonizada por Manuel Vicente, César Goldi e Juanjo Fernández.
A expo-feira científica contará, ademais, con actividades artísticas, como un espectáculo de danza contemporánea que explora a conectividade ecolóxica, e obradoiros especiais con inscrición previa, nos que as persoas participantes poderán crear libros de artista ou coñecer as escrituras do pasado.