InicioSociedadeO acusado de asasinar a un okupa co que vivía di que...

O acusado de asasinar a un okupa co que vivía di que non estaban enfadados e apunta a un cabreo con outro compañeiro

Así o sinalou durante a súa declaración no primeiro día do xuízo con tribunal de xurado por este caso que leva a cabo durante toda esta semana na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O acusado de asasinar a un okupa co que convivía en Vigo asegurou que non estaba enfadado coa vítima no momento dos feitos e apuntou a que o falecido e un terceiro compañeiro de habitaba a casa si estaban encabuxados. Así o sinalou durante a súa declaración no primeiro día do xuízo con tribunal de xurado por este caso que leva a cabo durante toda esta semana na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

O home, para o que Fiscalía pide ata 20 anos de prisión por un delito de asasinato con aleivosía por supostamente acoitelar e matar ao outro home, só contestou ás preguntas da súa avogada. Segundo o seu relato dos feitos, todo ocorreu na madrugada do 17 de xullo de 2023. Tras saír de traballar foi á festa de Bouzas, onde se atoparía co falecido, o cal estaba só e bébedo. Tal como explicou, era unha persoa con problemas de alcol e púñase agresivo cando bebía.

Nun momento dado, fóronse xuntos da festa andando, chegando a Praza da Industria, onde o procesado quedou nun banco durante uns 20 minutos, mentres a vítima marchou por outro camiño. Cando o acusado chegou á casa que okupaban “non había ninguén”, relatou. Despois, chegaría o terceiro inquilino da vivenda, que lle agarraría a man e diríalle que apuñalaran ao outro home. Por iso, foron á rúa e atoparon ao falecido. Ademais, asegurou que viu como este terceiro home se limpaba as mans cos seus propios ouriños.

Preguntado sobre se discutira coa vítima, como defende Fiscalía, o acusado asegurou que non, pero que si tiña coñecemento de que o falecido e o terceiro inquilino da casa si tiveran un enfado. A vista continuará esta tarde e durante toda a semana. O caso provén do Xulgado de Instrución número 4 da urbe e, segundo o escrito de acusación do Ministerio público, o home é autor dun delito de asasinato con aleivosía, ao acoitelar e matar á vítima.

FEITOS

En concreto, sempre segundo Fiscalía, os feitos ocorrerían na madrugada do 17 de xullo de 2023, cando o acusado e o falecido volvían camiñando xuntos desde as festas do barrio de Bouzas ata o domicilio que ambos os okupaban. Na contorna da praza da Industria, tras unha discusión, continuaron o camiño por separado. Foi sobre as 03.20 horas cando se reencontraron no exterior do domicilio. Alí, o acusado, utilizando un coitelo de máis de 28 centímetros que collería no interior da vivenda, atacaría á vítima, cravándollo ata en catro ocasións nas costas, no tórax, no peito e no brazo.

Fiscalía considera que o acusado “actuou coa intención de acabar coa vida” da vítima, a cal “dado o seu profundo estado de embriaguez e o sorpresivo do ataque, non tivo posibilidade algunha de repeler a agresión”. A vítima, tras o apuñalamento, apenas puido camiñar 200 metros ata a rúa Coruña, onde faleceu “por un shock hipovolémico como consecuencia das feridas de arma branca, sendo a última delas mortal e incompatible coa supervivencia, ao penetrar a cavidade torácica, perforar o saco pericárdico e penetrar no corazón”, recolle Fiscalía, pedindo 20 anos de prisión para o acusado, así como o pago dunha indemnización á nai do falecido de 60.000 euros.

ÚLTIMAS

“Tiven que vivir na rúa dentro dun coche, co meu fillo menor de idade e dous gatos”, di unha estafada

Un estafador reincidente, condenado ata en tres ocasiones por casos similares, asegurou que descoñece...

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...