InicioSociedadePiden 2 anos de cárcere por homicidio imprudente para o condutor que...

Piden 2 anos de cárcere por homicidio imprudente para o condutor que embestiu a unha motorista en Coruxo en xullo de 2023

O mozo obtivera o carné días antes e mentiu no exame psicotécnico, ao ocultar que estaba medicado por un TDAH.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía pide dous anos de cárcere e retirada do permiso de conducir por 4 anos, para un mozo que embestiu a unha motorista en xullo de 2023, ao invadir o carril contrario na estrada PO-552, á altura da parroquia de Coruxo en Vigo. Segundo figura no escrito de acusación pública, o condutor, que será xulgado este xoves na sala do Penal 2 da cidade olívica, circulaba por esa estrada, onde a velocidade está limitada a 70 quilómetros de por hora, en dirección Vigo.

Ao chegar a un recta no punto quilométrico 3.500, o condutor comezou a invadir de forma lenta e paulatina, a unha velocidade constante duns 70 quilómetros por hora. En dirección contraria circulaba unha motorista que, ao ver o coche, tentou frear e virar á esquerda, pero que non puido evitar o impacto, falecendo no lugar. O Fiscal expón que o mozo, que obtivera o permiso de conducir só uns días antes, non realizou manobra algunha para evitar a colisión.

“MENTIU DELIBERADAMENTE”

O acusado estaba diagnosticado de TDAH, e tiña pautada unha medicación, con todo, no exame psicotécnico para a obtención do carné ocultou este dato. Así, “mentiu deliberadamente” e negou ter diagnosticada enfermidade algunha ou consumir medicación psicoactiva. Todo iso, a pesar de que o seu psiquiatra lle advertiu da incidencia da medicación nas análises de tóxicos. De feito, as probas que realizaron tras o accidente deron positivo en anfetaminas.

DELITO E PENA

A Fiscalía considera ao mozo autor dun delito de homicidio por imprudencia grave, e pide que sexa condenado a 2 anos de prisión e que se lle retire o carné por 4 anos. Así mesmo, solicita que o procesado e a compañía aseguradora do coche indemnicen solidariamente aos pais, irmán e parella da vítima con cantidades que suman máis de 200.000 euros.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...