InicioSociedadeOs acusados de delito ambiental nunha cementeira de Redondela evitan o cárcere...

Os acusados de delito ambiental nunha cementeira de Redondela evitan o cárcere tras pagar 80.000 euros en indemnizacións

Inicialmente negaron a súa responsabilidade pero chegaron un acordo coas acusacións, que supón unha rebaixa substancial da pena.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os dous responsables dunha empresa de cementos e formigóns instalada en Redondela, Jorge C.A. e Ana Rosa P.D., acusados dun delito contra o medio ambiente polos ruídos que xeraba a actividade da planta, e de catro delitos de lesións (polos prexuízos aos membros dunha familia que vivía á beira), recoñeceron finalmente os feitos e, tras un acordo de conformidade, e o pago de indemnizacións por 80.000 euros, lograron unha rebaixa nas penas solicitadas pola Fiscalía e eludirán a prisión.

O xuízo por estes feitos comezou o pasado 21 de febreiro na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, e nese momento ambos negaron a súa responsabilidade nos feitos e acusáronse mutuamente. Así, Jorge C.A. negou ter ningunha capacidade de decisión na empresa e asegurou que descoñecía os requirimentos feitos desde o Concello ou as notificacións policiais para cesar na actividade, e afirmou que tampouco sabía que a empresa fora sancionada e precintada, e que eses precintos rompían sistematicamente facendo caso omiso dos mandatos de paralización.

Do mesmo xeito, Ana Rosa P.D. descargou toda a responsabilidade no outro acusado, do que era parella nese momento, afirmou ante o tribunal que Jorge C.A. era o verdadeiro dono da compañía e o que tomaba as decisións, aínda que fose o seu tío residente en Brasil, como “home de palla”, o que figuraba como administrador. Nesa primeira sesión do xuízo tamén compareceron os membros da familia denunciante, que confirmaron todos os prexuízos de saúde e danos sufridos pola actividade da empresa, polos ruídos e vibracións constantes, verteduras e outras molestias, que tamén corroboraron as testemuñas policiais.

RECOÑECEMENTO DOS FEITOS

Na xornada deste xoves, con todo, as partes alcanzaron un acordo co ministerio Fiscal, que modificou as súas conclusións para introducir as atenuantes de dilacións indebidas (o procedemento incoouse en 2015 e a tramitación tivo varias paralizacións) e de reparación do dano, xa que os acusados abonaron integramente as indemnizacións aos prexudicados, que suman 80.000 euros.

Deste xeito, os acusados recoñeceron os feitos e foron condenados á pena de 2 anos de cárcere e multa 633 euros por un delito contra o medio ambiente, na súa modalidade de contaminación acústica, así como a inhabilitación para o exercicio de actividade profesional relacionada cos feitos axuizados e xeradora de ruído durante un ano. Así mesmo, foron condenados ao pago de multas que suman 1.800 euros por catro delitos de lesións, e ao pago das costas procesuais.

Inicialmente, a Fiscalía pedía para cada un deles, por eses delitos, 6 anos de cárcere, multa de 5.400 euros, e inhabilitación profesional por 2 anos e medio. O tribunal ditou sentenza na sala e declarouna firme. Ademais, tras acordo das partes, acordouse suspender a execución da pena de cárcere por un período de 3 anos, a condición de que se acredite o pago da responsabilidade civil (xa acreditado pola parte denunciante) e de que os procesados non delincan nese tempo.

ÚLTIMAS

Vigo inviste máis da metade en luces de Nadal que todo o resto de cidades galegas

As sete cidades galegas destinarán máis de 4,4 millóns de euros ao gasto en...

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...