O ex alcalde pedáneo de Bembrive, en Vigo, ingresou na prisión da Lama nos últimos días, segundo confirmaron fontes xudiciais consultadas por Europa Press. O socialista Roberto Ballesteros foi condenado a dous anos e dous meses de cárcere por prevaricación, falsidade e malversación e, a finais de xaneiro, envióuselle un auto no que se lle requiría a súa entrada en prisión de forma voluntaria, baixo apercibimento de que, de non facelo, daríase traslado ás forzas e corpos de seguridade do Estado.
Xa en xuño de 2022 a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ordenara o ingreso en prisión ao desestimar un recurso de súplica do condenado, e despois de varios intentos anteriores de evitar o cárcere. A entrada en prisión postergouse pero, unha vez esgotadas todas as vías de recurso, en xaneiro a Audiencia marcoulle un prazo para que se fixese efectiva a pena de cárcere.
Roberto Ballesteros foi condenado en maio de 2017 a 7 anos de inhabilitación por retirarlles, nunha decisión ilegal, as retribucións aos vogais do PP na Xunta Veciñal de Bembrive. Posteriormente, en abril de 2021, foi condenado por pagar unha obra que non se chegou a executar, polos delitos de falsidade documental, prevaricación e malversación; nese caso a sentenza foi de dous anos e dous meses de prisión, e 7 anos de inhabilitación (e tamén foi condenado un construtor como cooperador necesario).
En marzo de 2022, nunha terceira causa, Roberto Ballesteros aceptou 9 anos de inhabilitación por prevaricación administrativa, pola adxudicación de varias obras ‘a dedo’ por valor de case 800.000 euros, entre 2013 e 2016. Dáse a circunstancia de que o posterior alcalde pedáneo de Bembrive e sucesor de Ballesteros, o tamén socialista Marcos Castro, foi condenado a 12 anos de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación, pola adxudicación irregular de varios contratos para a subministración de sidra destinada á Festa da Sidra desta parroquia, nos anos 2019 e 2020.