A área sanitaria de Vigo reduciu o tempo medio de espera para unha cirurxía aos 63,9 días, isto supón 11 xornadas menos que un ano antes, segundo datos publicados este martes polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) con cifras a 30 de xuño de 2023. Segundo destacou o xerente da área, Javier Puente, trátase do mellor resultado conseguido nos últimos anos, mellorando así a demora media de antes da pandemia, que era de 74,4 días en xuño de 2019.
“Por primeira vez conseguimos superar o efecto da pandemia na actividade asistencia, conseguindo uns resultados mellores que no mesmo período de 2019 e que na media galega. Representa un logro moi significativo, xa que hai que lembrar que Galicia é a segunda comunidade española cos mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica dentro do Sistema Nacional de Saúde”, reivindicou Puente en rolda de prensa.
Así, o tempo de espera medio en Vigo para intervencións de prioridade 1, as de maior gravidade, sitúase nos 18,5 días, mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, que o establece en menos de 30 días. As de prioridade 2 quedan cunha espera de 68,3 días, 12 menos que en xuño de 2022. Para Puente, trátase duns tempos “moi moi bos”, que se unen a que o tempo medio de espera para unha consulta externa sitúase nos 38,7 días, un dato similar ao de hai un ano.
MÁIS ACTIVIDADE CIRÚRXICA
Estes resultados, segundo explica o Sergas, foron posibles polo incremento da actividade asistencial. Así, no primeiro semestre de 2023 os profesionais levaron a cabo un total de 17.710 intervencións, o que supón 1.637 máis que entre xaneiro e xuño de 2022 (+ 10 %). A pesar da folga vivida nos primeiros meses do ano, Puente destacou que o plan posto en marcha polo Sergas permitiu estender as sesións cirúrxicas ao horario de tarde, tanto en xornada ordinaria como extraordinaria, o que facilitou un aumento das operacións.
En canto á Atención Primaria, os centros de saúde da área de Vigo atenderon uns 3,1 millóns de consultas nos seis primeiros meses de 2023, en comparación cos 3,2 millóns do mesmo período de 2022. Do total, un 75 % foron presenciais, a pesar de que Puente recoñeceu que aínda hai unhas 20 prazas sen médicos, que son cubertos polo resto de profesionais. Tamén se reduciu o tempo de espera para probas diagnósticas, con 69,9 días de media, 7 xornadas menos que en 2022.
En canto ás urxencias, rexistráronse entre xaneiro e xuño máis de 231.000, das que unhas 130.000 foron nos puntos de atención continuada (PAC) e case 101.000 no Hospital Álvaro Cunqueiro. Destas, contabilizáronse 22.463 ingresos, cunha estancia media de 7,2 días hospitalizados. Neste centro naceron uns 1.400 bebés, uns 60 menos que un ano antes. “Seguiremos traballando nesa liña de mellora continua, co obxectivo prioritario e esencial de avanzar na accesibilidade dos cidadáns ao sistema sanitario, reto do Sergas no que todos estamos comprometidos”, sentenciou Puente.