InicioSociedadeRebaixan a 14 anos a pena de cárcere que piden para o...

Rebaixan a 14 anos a pena de cárcere que piden para o presunto asasino do hostal de Mondariz, que admitiu os feitos

Un anaco de coitelo recuperado do cranio da vítima e o ADN achado nun calcetín apuntan ao acusado.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía e a acusación particular rebaixou a 14 anos de cárcere a pena que solicitan para Miguel Anxo G.M., como presunto autor do asasinato do seu veciño de habitación nun hostal de Mondariz, tendo en conta que o procesado recoñeceuse como autor dos feitos no xuízo celebrado contra el na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra. O acusado xa admitiu na primeira xornada do xuízo, que conta con tribunal de xurado, que eran certos os feitos que se lle imputan. Non entanto, dado que a pena que se lle pide é elevada, foi necesario manter a práctica da proba, trámite que se completou este martes.

Así, na segunda xornada do xuízo declararon varias testemuñas, entre eles a responsable do hostal onde ocorreron os feitos, en xaneiro de 2021, que confirmou que a última vez que falou coa vítima, José Luís Faro, foi o 16 de xaneiro. Ademais, tamén explicou que, de forma simultanéa a perder a pista á vítima, o acusado abandonou de forma apresurada o hostal, marchándose sen avisar e sen entregar as chaves.

Outra das testemuñas, amigo da vítima, declarou que José Luís tiña mala relación co acusado, porque este lle molestaba con ruídos, ou pedíndolle tabaco continuamente. Segundo engadiu, a vítima manifestoulle “moitas veces” que tiña medo de Miguel Anxo, que ameazara con “pasarlle pola pedra” cando se decatou de que trasladara á xerente do hostal as súas queixas.

O sarxento instrutor da investigación, do grupo de Homicidios da Comandancia de Garda Civil de Pontevedra, relatou como se activaron as pescudas e como, no marco das indagacións, comprobaron que o acusado deixou o hostal de Mondariz o 18 de xaneiro, e trasladouse a Vigo na súa “fuxida”, onde permaneceu en dous hoteis ata o 23 de xaneiro, cando foi detido (ao día seguinte de que se atopase o cadáver de José Luís nun galpón anexo ás instalacións do hostal no que ambos vivían).

A Garda Civil sostén que o asasinato se produciu entre o 17 e o 18 de xaneiro, e na inspección do lugar do crime atopáronse salpicaduras de sangue na habitación da vítima, no corredor e nunha varanda, e todo pareceu indicar que o asasino trasladou o cadáver lanzándoo desde esa varanda do primeiro piso e, posteriormente, arrastrándoo ata o galpón, onde foi atopado días despois.

Do mesmo xeito, esta testemuña explicou que puideron comprobar que Miguel Anxo comprou un coitelo de cociña nun bazar de Ponteareas días antes do asasinato e os propios investigadores adquiriron un igual, que logo se remitiu aos expertos forenses para que o comparasen coas feridas que presentaba o corpo da vítima (“entre 80 e 90” coiteladas, segundo o informe pericial).

Finalmente, esta testemuña explicou que, na habitación do acusado no hostal, puideron comprobar danos nun armario, realizados cun coitelo, a modo de “ensaio dun apuñalamento”; e que o acusado tiña antecedentes por outros comportamentos violentos, incluídas unhas lesións e unha intervención dun coitelo que levaba encima, meses atrás.

PROBAS FORENSES

Con respecto aos peritos forenses, os facultativos que fixeron a autopsia explicaron ante o tribunal que o corpo de José Luís presentaba múltiples feridas incisas, case todas concentradas nas costas, e tamén coiteladas no cranio, o abdome e unha cadeira. A vítima faleceu por hemorraxia masiva interna e externa. Por outra banda, os expertos explicaron que, do cranio da vítima, extraeron a punta dun coitelo, que estaba recuberta por unha pintura branca, idéntica á que tiña o coitelo que a Garda Civil adquiriu no mesmo bazar que visitara o acusado.

O informe de imputabilidade do procesado conclúe, segundo explicaron os forenses que o elaboraron, que Miguel Anxo padece unha enfermidade, esquizofrenia paranoide, que puido minguar as súas capacidades volitivas, é dicir, o control dos seus impulsos. Con todo, non afectou á súa capacidade intelectiva, e podía distinguir o que está ben do que está mal. Finalmente, peritos do Instituto Nacional de Toxicoloxía confirmaron o achado de perfil xenético compatible co do acusado, mesturado con sangue da vítima, nun calcetín que foi recuperado do cadáver de José Luís.

INFORMES FINAIS

Á vista das probas e da propia confesión do acusado, que non quixo declarar nin tampouco exerceu o seu dereito a pronunciar a última palabra, as acusacións pediron que se lle aplique, ademais da atenuante de alteración psíquica, a circunstancia atenuante de confesión. Deste xeito, rebaixaron de 17 a 14 anos a pena de cárcere que se solicita. Así mesmo, a acusación particular retirou a petición no que respecta ás indemnizacións aos irmáns da vítima, que reclamarán pola vía civil.

Mentres, o avogado da defensa mantivo, por unha cuestión formal, a súa petición de libre absolución e, subsidiariamente, en caso de condena, que se apliquen as atenuantes solicitadas polas acusacións. O tribunal de xurado foi citado para este mércores, momento en que se lles entregará o obxecto de veredicto e as instrucións pertinentes. A partir de que comecen as deliberacións, os membros do xurado quedarán incomunicados.

“VAINA A VOLVER A LEAR”

Ao termo do xuízo, dous das irmás da vítima, Loli e Tere Faro, explicaron ante os medios que acudiron ao xuízo en representación dos 9 irmáns de José Luís, e tamén da súa nai, falecida en novembro de 2021. “A miña nai empezou todo isto, pero non puido aguantar, e morreuse poucos meses despois”, explicou unha das irmás.

Así mesmo, subliñaron que, coa súa presenza, queren facer público o seu apoio ao seu irmán falecido, que “non está só”, e loitar para que se faga xustiza, aínda que recoñeceron que, impóñase a pena que se impoña ao acusado, nada lles devolverá a José Luís. “Todo nos vai a parecer pouco”, puntualizaron. Por outra banda, advertiron de que o acusado é unha persoa “non apta para estar libre na rúa” e preguntáronse “que pasará” cando saia de prisión. “Vaina volver a liar, diso estamos seguras”, lamentaron.

ÚLTIMAS

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...

Atascos na A-55 en ambos os sentidos á altura de Mos ao rexistrarse dous accidentes sen feridos

A A-55 volveu a rexistrar longos atascos na mañá deste venres en ambos os...

Desacordos “estratéxicos” fixeron que Tavares saíse de maneira “amigable” de Stellantis

O exconselleiro delegado de Stellantis, Carlos Tavares, volveu a falar tras a súa saída...