InicioSociedadeAbel Caballero no Land Rober: "O retorno económico do Nadal en Vigo...

Abel Caballero no Land Rober: “O retorno económico do Nadal en Vigo é de 1.000 millóns de euros”

Evitou dicir o día exacto do acendido, que se especula xa con que será o 18 de novembro. "Non podo dicir o día para que non se me adianten outras cidades e o fagan antes", bromeu, asegurando que "se digo que isto se vai poñer en Vigo, xa nolo copian".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Abel Caballero, o arqui coñecido alcalde de Vigo, visitou na noite deste xoves 21 de setembro o programa da TVG ‘Land Rober Tunai Show‘, e, como era de esperar, soltou varias perliñas que non deixaron indiferente a ninguén. Sen dúbida, cifrar o retorno económico do Nadal en Vigo en “1.000 millóns de euros”, foi un dos que máis chamou a atención, mesmo de Roberto Vilar, que bromeu recordándolle a ‘equivocación’ que tivera no seu momento ao contabilizar visitas e persoas que asistiron o pasado ano ao Nadal vigués: “Non te equivocarías de cifra outra vez, Abel?”.

E o rexedor defendeu a súa posición, como xa fixera, de que cando dixo “6 millóns de persoas visitando a cidade”, non se refería a persoas individuais, senón a visitas, pois “cando unha persoa vai dous días alternos, conta como dúas visitas, non como unha”. “Nós temos contratados os servizos dunha empresa, Telefónica, que polo posicionamento móbil pode saber que ti estiveches tal día e a tal hora na Porta do Sol, e queda rexistrado“, explicou Abel Caballero, que así defendeu o dato aportado.

A maiores, recordou que “as luces xa levan poñéndose dúas semanas”. “Pero ti non as poñerás, non?”, díxolle Roberto Vilar, ao que el contestou con retranca: “Eu tamén”. Aínda que evitou dicir o día exacto do acendido, que se especula xa con que será o 18 de novembro. “Non podo dicir o día para que non se me adianten outras cidades e o fagan antes”, bromeu, asegurando que “se digo que isto se vai poñer en Vigo, xa nolo copian”. Porque, como tantas veces proclamou (e onte non foi unha excepción): “Vigo é o mellor Nadal do mundo”, ata o punto de que “hai quen especula con que o Belén se fixo en Vigo”, non en Xerusalén.

E, como non, Roberto Vilar tamén lle preguntou polo custe das luces, que este ano pasaron a ser 11,5 millóns de luces LED, despois de comezar no 2017 con 9 millóns. Preguntándolle primeiro ao público a ver se o acertaban, houbo quen non se quixo mollar; “10 millóns”, dixo un; “30.000 euros”, dixo outra, que foi a que se quedou máis cerca, segundo lle confirmou Caballero“Consume máis un campo de fútbol intermedio cunha capacidade dunhas 30.000/40.000 persoas no mes de xaneiro que Vigo en todo o Nadal coas luces”, concluíu o rexedor da urbe olívica. 

AOS 77 ANOS, PROMETE SER ALCALDE OUTROS 25

Aos seus 77 anos o que leva sendo alcalde de Vigo dezaseis e promete selo por outros 25 (ou así o dixo no Land Rober), amosou unha vitalidade que semella levar innata. Co sorriso por bandeira, afirmou que “o que importa non é a idade, é a saúde, e eu téñoa moi boa, de feito nunca fun positivo en covid, só padezo algo da gorxa, con algunhas afonías”.

“Ti madrugas, non? Ás seis da mañá polo menos”, díxolle Roberto Vilar, ao que el contestou que “ás 7 ou 7 e cuarto levántome, ás oito estou no despacho, almorzo un café con leite mentres leo os xornais e comezo o traballo, como ao mediodía algo de fruta e á noite si que máis tranquilo ceno con Cristina (a súa muller), falamos, miramos o teu programa (guiño ao Land Rober: “que ben me quedou iso”) e logo son dos que durmo instantáneo e do tirón. Cando sona o despertador maldígoo, porque non me gusta nada madrugar, pero aínda así madrugo“, contou Caballero.

ADIVIÑAR ALCALDES, FOTOS CON CANTANTES E ATA UN TIK TOK

O alcalde de Vigo prestouse a participar en varios xogos propostos polo programa. Nun deles, e en calidade aínda de presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (Fegamp), tiña que adiviñar de que partido eran catro alcaldes só con velos. O certo é que non lle foi moi ben, acertando ao quinto ou sexto intento, agás o do seu partido, ao que si coñecía. Tamén se lle expuxeron seis fotos nas que aparecía con famosos cantantes que pasaran polo escenario de Castrelos e tiña que adiviñar cales non eran reais, algo que fixo sen dificultade. Sting, Rafael, Jared Leto, Dani Martín e Rafa Nadal (único deportista da proba) posaron xunto a Caballero, non así Melendi, pois ao seu concerto non puido asistir.

Mesmo se prestou a participar nun ‘sketch’, iso si, facendo del mesmo. Na historia, no momento das probas das luces de Nadal unha veciña quedaba sen electricidade na casa e dábase a casualidade de que era a súa veciña, polo que o chamaba e el aparecía, proclamando ‘Música e luz’ para deixar claro que era Abel Caballero de verdade. E tamén bailou, como experto teloneiro, un tik tok de Aitana, ‘Las babys‘, xunto ao resto de colaboradores. Non lle quedou nada por facer.

INVITACIÓN AO ACENDIDO A ROBERTO VILAR E CONCERTO DOS GEMELIERS 

Cunha invitación pendente a Roberto Vilar (“se ves a Vigo o día do acendido, acendemos xuntos”) e cun medio contacto cos Gemeliers (que se prestaron para ser contratados para calquer concerto na cidade), Caballero deixou claro que máis aló das cores políticas “o meu partido chámase Vigo”. Ao grito de ‘Viva Vigo!’ puxo a todo o público en pé coreando: “Son os mellores do mundo”, proclamou. 

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...