InicioVigo e contornaVigoXabier Pérez será o cabeza de lista do BNG en Vigo para...

Xabier Pérez será o cabeza de lista do BNG en Vigo para as eleccións municipais

Baixo a lema 'Vigo máis alá', Xavier Pérez Igrexas quere que Vigo avance cara a unha cidade de iguais en positivo, cun firme compromiso co feminismo, e moi comprometido coas necesidades reais dos vigueses.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este xoves de forma pública ao seu candidato á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, de cara ás próximas eleccións municipais do mes de maio.

O acto, que tivo lugar en AC Hotel by Marriott, contou coa presenza da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón; a deputada galega e responsable local do BNG de Vigo, Carmela González, e o concelleiro e candidato á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas.

Baixo a lema ‘Vigo máis alá’, Xavier Pérez Igrexas quere que Vigo avance cara a unha cidade de iguais en positivo, cun firme compromiso co feminismo, e moi comprometido coas necesidades reais dos vigueses.

Despois de anos de inercia paralizante dun goberno municipal absolutamente incapaz é momento de dar a Vigo un novo impulso, é hora de resetear a cidade. Fronte a quen só pode ofrecer máis do mesmo, o BNG vai levar a Vigo máis aló, máis aló do parque temático, as luces de Nadal e do dinoseto. Máis aló dos titulares, as promesas incumpridas importantes para a cidade como a Saída Sur e as actuacións virais en estudios televisivos cun proxecto en positivo que vai pór ás persoas no centro e que vai atender as necesidades reais dos vigueses pondo fin ao abandono que padecen os nosos barrios e parroquias avanzando cara a unha cidade de iguais”, sinalou Igrexas.

Pérez Igrexas deu a coñecer a súa folla de ruta de face ás próximas municipais que se celebrarán en apenas 192 días. Entre as súas liñas marcadas están a súa intención de converter ao Concello de Vigo nun “auténtico paracaídas social” para “combater a crecente pobreza e empobrecemento e facilitar o acceso social á vivenda”.

Tamén puxo en valor o seu “firme compromiso” co feminismo e coa defensa da comunidade LGTBI, a procura dun Vigo “máis verde” e comprometido co medio ambiente, a aposta por máis servizos públicos baixo xestión pública, a defensa do benestar animal, ademais de impulsar o comercio local e a industria da cidade para facer de Vigo “o pulmón industrial de Galicia” e converter á cidade olívica na “capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións”.

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo enfróntase ás próximas municipais co “firme compromiso de seguir traballando duro a pé de barrio xunt aos movementos sociais falando con todos” e con ambición “aspirando a todo”.

Pola súa banda, Ana Pontón agradeceu o traballo de Pérez Igrexas ao longo do actual mandato en defensa dos intereses de Vigo. “A cada crítica, Xabier formulou unha proposta en positivo. A cada problema unha solución a favor da cidade. Así é como o BNG entende a política mentres outros se perden nun enfrontamento inútil que está a facer perder moitas oportunidades á cidade de Vigo. Vigo merece moito máis que ser o campo de batalla de egos políticos, merece políticas que pensen en grande e no futuro desta cidade”, sinalou.

A líder do BNG tamén avogou polo diálogo para mirar cara adiante. “O futuro de Galicia non se entende sen un Vigo puxante, que avance e para iso hai que cambiar o ruído pola negociación, hai que acabar coa discriminación do Goberno do PP e apostar por unha colaboración construtiva a favor dos vigueses. Hai que romper con ese círculo vicioso que fai que Vigo quede atrás e non poida avanzar e para logralo é importante que o BNG teña un papel determinante no futuro de Vigo despois dunhas municipais nas que imos a por todas, sen pornos límites e coa convicción de que contamos co mellor proxecto”, engadiu.

Por último, Carmela González destacou a “cohesión e unidade do BNG en Vigo plamada na elección de Xabier Pérez Igrexas como candidato á alcaldía de Vigo de forma unánime”. “Non terá a viralidade doutro pero é o mellor candidato á alcaldía de Vigo”.

ÚLTIMAS

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...