Non pasaron nin 24 horas dun dos máis graves accidentes de Vigo dos últimos anos, e PP e PSOE comezan a responsabilizarse mutuamente do acontecido durante a caída dunha das estruturas do peirao de Vigo durante o último concerto do Marisquiño. Unha situación que se debe a que as dúas administracións con implicacións, Autoridade Portuaria e Concello de Vigo, están en mans de populares e socialistas.
De feito, o Porto de Vigo anunciaba este que encargará de inmediato un estudo técnico para coñecer as causas do derrube dun tramo do paseo na dársena do porto deportivo. O presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, lembraba que a construción dese paseo foi unha obra de Zona Franca nos anos 90 (dentro do polémico proxecto ‘Abrir Vigo ao Mar’) e, segundo un acordo institucional desa época, o mantemento da zona correspondería ao Concello de Vigo, polo que é “unha zona complexa de administrar”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo,Abel Caballero, en rolda de prensa, quería deixar claro que os terreos nos que tivo lugar o accidente son competencia da Autoridade Portuaria, e non do Concello, polo que descargou todas as responsabilidades neste organismo.
Non está dacordo con esta análise a voceira do PP en Vigo, Elena Muñoz, que xa denunciaba hai unhas semanas nas redes sociais o estado desta estrutura e responsabilizaba ao concello do seu mantemento e do seu “lamentable estado”. Unhas críticas que volvía repetir este luns, acusando directamente a Caballero de ser o responsable.
En Marea e BNG
Non pensan o mesmo En Marea e o BNG, que responsabilizan ao Porto de Vigo e ao Concello por igual. Desde Marea Vigo salientan que as dúas institucións tiñan que ter arranxado esta cuestión con anterioridade e non levar 20 anos de enfrontamento entre administracións, así como de Portos do Estado.
“Estas administracións tiña que ter atendido as súas responsabilidades e se non tiñan claro de quen dependía o mantemento, terían que ter acudido aos xulgados para aclarar a situación” sinalaron tanto o voceiro de En Marea, Luís Villares, e o de Marea de Vigo, Rubén Pérez. Tamén desde o BNG, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini reclamou que se “investiguen as causas” e “analizar o ocorrido”.
Os organizadores
Pola súa banda, os organizadores do Marisquiño din que cumprían as condicións de seguridade requiridas pola lexislación. “Estamos a disposición das autoridades competentes para todo o que poidan necesitar”, indicaban.
O certo é que o acontecido no festival pode implicar a varias partes. Ao Porto correspondíalle ceder o espazo e esixir un seguro de responsabilidade civil, que a organización di que xa tiña. O control do evento sería responsabilidade da organización do festival que, á súa vez, tiña permisos do concello para realizar o evento.