InicioCulturaA gala dos Martín Códax da Música aposta pola superación da pandemia...

A gala dos Martín Códax da Música aposta pola superación da pandemia “como oportunidade para dignificar a profesión”

A oitava edición do certame premiou a dezaoito proxectos musicais e ao técnico Pablo Barreiro, que resultou galardoado co Premio Honorífico.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Preto de catrocentas persoas gozaron a pasada noite de maneira presencial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra da oitava edición dos Premios Martín Códax da Música. A gala, que tamén foi retransmitida online, non só supuxo a entrega de premios aos dezaoito proxectos musicais vencedores, senón que se converteu no “desexado punto de encontro para as músicas e músicos de Galicia tras máis de dezaoito meses de pandemia”.

Así, dende a entidade organizadora da gala Músicas ao Vivo, expresouse a “enorme alegría” de poder realizar o evento nun auditorio repleto de xente e tamén a esperanza de que a superación da crise sanitaria sexa unha oportunidade para dignificar a profesión.

Os nomes dos proxectos premiados neste 2021 desveláronse ao longo da gala: A banda da Loba, Moon Cresta, Brais Morán, N.E.O, MJ Pérez, Wöyza, The Skarnivals, Allova, Alberto Vilas, María Toro, Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Caamaño & Ameixeiras, Lamas / De Miguel / Romero, Radio Bulebule (Paco Nogueiras), Bafana Bafana, Coro da Ra, Banda de Música de Chantada e o programa de radio O recanto do Corcovado.

Con todo, había premios xa coñecidos e difundidos antes da celebración da gala que, malia a ausencia do efecto sorpresa, recibiron algúns dos aplausos máis cálidos da noite. Ese foi o caso dos Organistrum extraordinarios de 2021 a festivais e salas de concertos, que non se someteron ao escrutinio do xurado nin ás posteriores votacións das socias e socios de Músicas ao Vivo pola difícil situación que atravesaron no último ano. Dese xeito consideráronse premios de carácter extraordinario e foron concedidos á sala de concertos Mardi Gras da Coruña e ao Festival Jazz de Ría.

Doutra banda, “unha figura moi querida polo colectivo musical galego” como é a de Pablo Barreiro, foi quen de recibir “a ovación máis longa da noite”. O produtor, compositor e técnico de son, responsable durante máis de tres décadas do arquivo sonoro da Radio Galega, considerado unha figura histórica da música do país, recibiu o Premio Honorífico desta oitava edición. “Este premio vén dos músicos, é o mellor premio que un técnico de son pode obter. Non hai maior galardón que o músico se recoñeza no noso traballo”, sinalou Barreiro que recolleu a estatuíña da man de Xoán Allegue, director das Bodegas Martín Códax, e da concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces.

ÚLTIMAS

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...

A Plataforma fronte á Masificación Turística pide unha moratoria de licenzas para VUT

A Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo dirixiuse por carta...

O PP de Vigo pide a Caballero que deixe as “ambigüidades” sobre a biblioteca de Teis

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu ao alcalde, Abel Caballero,...