Estes días nos que se celebra o Orgullo LGTBIQ internacionalmente, os concellos da provincia de Pontevedra non se quedaron atrás e organizaron diferentes iniciativas ao respecto, moi distintas entre elas, dende o festivo e a celebración ata o formativo/ divulgativo, pasando pola denuncia de inxustizas.
Entre eles, destacamos ao Concello de Ponteareas, que coa axuda dos comerciais da zona repartiu postais informativas para a poboación, Tomiño co seu festival Agro-LGTB, Bueu cunhas xornadas a prol da diversidade afectiva e sexual, A Guarda…
Ponteareas
Con motivo do Día Internacional LGBTQI (lesbianas, gais, bisexuais, trans, queer ou intersexuais), a concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade de Ponteareas repartiu entre a cidadanía postais informativas que visualizan a discriminación que sofren as persoas “que non se ciñen aos estereotipos que ocultan a diversidade”.
Termos como heteronorma, “que defende a visibilidade única da heterosexualidade”, diversidade, orgullo ou o propio acrónimo LGBT son definidos nestas postais que pretenden e perseguen a igualdade e normalización de todas as opcións personais.
Na busca do respecto e do coñecemento, a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, promoveu esta iniciativa que se completou coa actuación no auditorio municipal o día 29 de A Panadería coa obra “Elisa e Marcela”. Unha obra rescatada do ano 1901 que
relata o casamento de dúas mulleres na igrexa de San Xurxo.
bueu
O Concello de Bueu puxo en marcha esta semana, do 28 ao 30 de xuño, as I Xornadas
pola diversidade afectivo – sexual, cun programa que se estendeu ata este sábado e que
buscaba “crear conciencia do dereito de cada persoa a ser quen é”.
A finalidade deste programa é “achegar uns coñecementos mínimos da diversidade
sexual e do dereito a expresar esa diversidade”, tal e como destacou Inés del Río. Así
pois, o Concello apostou por estas xornadas que tiveron un carácter eminentemente
divulgativo pois “é preciso que como cidadanía teñamos formación na loita LGTBI e o
papel das institucións é defender a diversidade como unha riqueza humana máis”,
rematou a concelleira nacionalista.
Os actos oficiais arrancaron este xoves coa colocación da bandeira multicolor no balcón da Casa Consistorial, seguido dunha sesión de cine con cinco curtametraxes que tratan o tema da diversidade e que foron seleccionadas pola Asociación FICBUEU: “Change in the weather” (2015), dirixida por Muiris Crowley, “De vuelta” (2015), de Gabriel Dorado, “En la azotea” (2015), de Damiá Serra, e “Fumando Espero” (2017) de J.A. Blanco.
O venres, a Sala Domínguez Búa acolleu unha charla divulgativa na que se falou sobre a “Diversidade sexual: dereitos e adversidades”, coas intervencións de Inés del Río, membro de Médicos do Mundo-Galicia que falou sobre a diversidade de xénero na infancia e na adolescencia; Adriana Echeverría, de Amnistía Internacional, que presentou a loita polos dereitos LGTB no mundo; e Diego Quintela Sesar, de Avante LGTB, que abordou a situación en Galicia e o proxecto do que forma parte.
O sábado os actos trasladáronse á Praza Massó, cun coloquio literario con Eva Mejuto arredor do seu libro 22 segundos (Xerais) no que relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.
Unha obra que busca “visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas”.
tomiño
O Concello de Tomiño celebra este sábado a primeira “Festa Agro LGTBI”; unha iniciativa lúdico-festiva organizada polo Grupo de Voluntariado Local, en colaboración co Concello, que “xorde da necesidade de visibilizar a persoas homosexuais, bisexuais e transexuais no rural”.
A actividade ten lugar este sábado no Mercado Municipal, propoñendo un modelo de celebración alonxada do consumismo e lecer nocturno. É un encontro dirixido a todos os públicos, que comezou ás 11h30 da mañá e rematará sobre as 20.00h coa lectura do manifesto.
A celebración conta cunha sesión vermú artesá, conferencias, obradoiros, animación infantil, concertos, teatro, danza, sesión DJ e actividades sorpresa.
a guarda
Dende o pasado mércores a balconada principal do consistorio local da Guarda luce a bandeira do Orgullo LGTBI, imaxe deste colectivo, nun acto no que se impulsou a tolerancia e igualdade entre as persoas, sexa cal sexa a súa orientación sexual.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes e a
concelleira de Servizos Sociais, Mª Teresa Vicente, amosaron o apoio do concello á
comunidade LGTBI.
O Concello da Guarda súmase deste xeito ao manifesto aprobado pola Xunta de Goberno
Local da FEMP, co compromiso dos gobernos locais e o seu papel de garantir unha
igualdade efectiva de todas as persoas co fin de dar visibilidade ao valores universais coma
a igualdade, o respecto, a diversidade, a liberdade e a non discriminación.