Os expedientes da Cidade da Xustiza de Vigo danados por unha filtración de auga, no punto de mira do BNG

O BNG anunciou este martes que levará ao Parlamento galego os expedientes da Cidade da Xustiza de Vigo que resultaron danados por filtracións de auga a mediados do pasado mes de decembro.

Expedientes da Cidade da Xustiza de Vigo danados por unha filtración de auga / ALTERNATIVAS NA XUSTIZA

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou este martes que levará ao Parlamento galego os expedientes da Cidade da Xustiza de Vigo que resultaron danados por filtracións de auga a mediados do pasado mes de decembro, feito que denunciou o sindicato Alternativas na Xustiza, organización dependente da Central Unitaria de Traballadoras (CUT).

A deputada Carmela González sinalou que o anuncio forma parte dunha batería de iniciativas do BNG para esixir explicacións ao Goberno galego reclamar medidas que eviten que se poidan repetir este tipo de sucesos que afectan o funcionamento da administración xudicial.

“Por mor das choivas producidas o pasado mes de decembro resultaron afectados diversos expedientes xudiciais, algúns que poderían ser irrecuperables, cunha absoluta carencia de medios para atender esta situación. Non só a ausencia de espazo para albergar os expedientes, senón tamén a inexistencia de deshumidificadores e calefactores que permitan a conservación e coidado da documentación xudicial“, denunciou González.

A deputada nacionalista sinalou que “o pasado 24 de maio de 2022 procedeuse á inauguración oficial da denominada Cidade da Xustiza de Vigo aínda que xa se advertía que a infraestrutura non estaba terminada nin en condicións de ser utilizada”.

Neste senso, González tamén lembrou que a rehabilitación e acondicionamento para usos xudiciais tivo un custo superior aos 40 millóns de euros e tivo sobrecustos superiores ao 30 % do orzamento inicial.

“OS DOCUMENTOS FORON RESTAURADOS”

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press aseguraron que “a avaría foi solucionada e os documentos foron restaurados adoptándose as medidas de protección requiridas polo arquiveiro provincial, que é o que toma as decisións técnicas, como experto na materia”.

Para a recuperación dos arquivos danados instalouse un deshumidificador e papel secante e non se requiriron doutros medios técnicos“, comentaron desde a Administración autonómica.

Así mesmo, desde a Administración autonómica aseguraron a Europa Press que, a partir do 9 de xaneiro, instalaranse cortinas naquelas oficinas que as solicitaron, así como a posibilidade de novas obras na Cidade da Xustiza de Vigo unha vez se realice o traslado de todos os xulgados ao novo edificio.