Ti cres que a xente está contenta coa xestión que estás facendo da explosión de Paramos?
Eu penso que está moderadamente satisfeita con esa xestión. Non está contenta porque, obviamente, ata que vexa a súa casa reconstruída pois a xente non vai a estar contenta, evidentemente. Están disgustados pero o concello está facendo todo o posible para tenta satisfacelos. Claro, entre iso e unha satisfacción plena, hai moita distancia. Ti pensa que moitos non teñen casa pero o certo é que o concello está botando unha man. Estamos avanzando no desentullo, contratamos un arquitecto xerente que está coordinando as actuacións na oficina de atención e na zona. E, por iso creo que a xestión está sendo afectada e os afectados así o teñen transmitido. E iso non significa, lóxicamente, que pidan máis e que non estean plenamente satisfeitos.
Falas con eles?
Si. Manteño o contacto con eles e están as asembleas. Agora convoquei unha nova asemblea para o último sábado do mes. E nelas estou a súa plena disposición. Non só se trata de que eu lles informe do que fai o concello, senón de que eles me informen a min algunhas cousas que están fallando.
Precisamente, nalgunhas cousas que eles puxeron de manifesto nesas protestas que tiveron lugar en Tui, é a lentitude do papeleo e que o diñeiro ofrecido pola Xunta era escaso
Son 109.000 euros, máis enxoval. En total, 125.000 euros. Pero, é certo que para algunha casa que non teña seguro e que estea moi afectada pois igual non chega.
Pois son unhas poucas as que están así?
Ben. As que están moi afectadas e non teñen seguro non son moitas. As que teñen seguro ou non están tan afectadas non teñen moito problema. O problema está nas que están moi tocadas e non teñen seguro. Sobre todo, a casuística é a de segundas vivendas, moi afectadas e sen seguros. E eran casas que, relativamente, eran moi grandes. E esas, é certo que quedan nunha situación máis comprometida.
E como se está comportando a oposición?
Ben… Pois podemos poñerlle un cinco por ser xenerosos.
Ousexa, un aprobado raspado?
Si. Un aprobado raspado. O certo é que a oposición está sendo moi irresponsable co seu comportamento. Ben é certo que non é o caso do de Paramos. Neste caso déronse conta de que non podían ir ao desgaste aínda que algunha formación está extremadamente atento a calquera cousa para utilizala políticamente. Pero sabemos como as gasta a extrema esquerda neste tipo de situacións. E son moi duros nunha administración porque gobernan uns e moi blandos noutra porque gobernan os seus ou outros que apoian. Pero, insisto, a súa actitude neste tema non está sendo moi negativa e non me podo queixar da actitude da oposición no tema de Paramos en particular.
ANGROIS
Fanse cinco anos do terrible accidente do Alvia en Santiago. Ti alí perdeches a un ser querido, a túa nai… Que lembranzas tes dese tráxico día?
Lembranzas moi negativas. Do día pois poucas, a verdade. Entereime por Twitter do accidente pero non sabía que a miña nai collera ese tren e marchei para cama sen saber que ela ía nese tren. Pola mañá, cando acendín o teléfono pois xa tiña chamadas da miña irmá na que dicía que a nosa nai ía nel. Así que os dous tiramos para Santiago.
E que pasou para que un tren, supostamente tan moderno como ese, descarrilara?
Foi un cúmulo de erros en cadea. Para min o problema parte da modificación do proxecto orixinal que fixo o Goberno central sendo ministro José Blanco, a comezos do 2011, dez ou once meses antes da inauguración da liña e na que houbo unha rebaixa substancial das características da liña co obxectivo de lograr inaugurar a tempo. Para min ese é o momento chave do que logo parten todos os erros en cadea.
Entón houbo prevaricación?
Pois houbo un interese político de inaugurar e iso levou a unha decisión irresponsable que é pasar por alto requisitos fundamentais de seguranza. Por exemplo, que o RTMS estivera instalado só na recta e non en toda a liña; as carencias de seguridade que xa puñan de manifesto varios estudos nese cambio de liña. Evidenemente non facía falla ser un gurú político para ver que o PSOE ía perder as eleccións nos comicios de finais de 2011 e que xa apuntaban os inquéritos polo desgaste da crise. Por iso había un interese claro de inaugurar e iso levou a decisións irresponsables nas que se comprometeu a seguridade da vía.
Falas, sobre todo, do goberno do PSOE, de Pepe Blanco, pero o PP non tivo tamén responsabilidades?
Si, claro. Quizais non tanto políticas, pero si técnicas, coa desconexión do RTMS, entre Adif e Renfe. Pero si que hai responsabilidades aí, claro.
Hai unha comisión de investigación no Congreso activada, agora, cinco anos despois. Cres que se dirimirán responsabilidades?
Eu non creo nas comisións parlamentarias. Non hai ningunha na historia de España que chegara a unha conclusión clara. Pero é positivo que se celebre porque pon o tema na axenda pública e obriga aos reponsables políticos a tentar explicar que aconteceu aí e por tentar levantar conciencia na sociedade e volver a poñer na axenda para que non volva pasar e para establecer cales foron as causas. E aí quero felicitar de corazón á Plataforma de Afectados, a Jesús (Domínguez), sobre todo, e ao seu equipo porque o traballo que fixeron nos últimos cinco anos é excepcional e eu atribuolle a eles que hoxe teñamos unha comisión de investigación no Congreso… O que moveron na Axencia Europea do Ferrocarril con informes que son fundamentais no curso da investigación xudicial e que mantiveron viva a investigación e obrigaron ao xuíz a imputar a cargos de Renfe e Adif. E todo isto foi polo traballo da plataforma en calidade, cantidade e en perseverancia.
Falas desta plataforma, de Jesús, pero lembras que pouco despois do accidente xurdiron dúas plataformas, en parte enfrontadas, porque unha delas non buscaba tanto responsabilidades políticas. Cres que iso foi un tema político?
Jesús estivo no hospital varios meses e montouse unha asociación de persoas que sairan ilesas. Eu non vou a criticar a ninguén, pero é obvio que todo o protagonismo na loita e defensa dos intereses dos afectados foi da plataforma liderada por Jesús.
E cres que vai rematar con algunha dimisión?. Blanco xa saíu criticando que se lle apunte a el cando non ten a culpa…
Eu penso que as responsabilidades políticas de Blanco son claras.
E de Ana Pastor?
É certo que un ministro non está no día a día de todas as decisións técnicas. Eu, que estou nun nivel da administración moi baixo, podo facerme unha idea das súas decisións. Un ministro non adopta decisións técnicas, pero si políticas. Está na data de inauguracións de obras porque ten unha relevancia política tremenda. Non está se se conecta ou desconecta un sistema, pero si ten moito que ver na xestión posterior dun accidente motivado por esas eivas. E, por iso, son tamén moi crítico coa administración posterior do PP porque non contribuiu e fixo esforzo no esclarecemento desta traxedia. Pero a responsabilidade política directa do PP ou de Ana Pastor no accidente penso que está máis diluída que a de José Blanco porque foi el o que decidiu a modificación do proxecto, a reducción do proxecto en termos de seguridade co obxectivo de poder inaugurar a tempo durante o seu mandato.
E non terá que ver que responsabilices máis ao PSOE que ao PP porque agora gobernas cos populares en Tui?
Non, non… Eu tamén lle boto en cara ao PP que logo non se implicou no esclarecemento do accidente.
Rematando con isto. Cres que as vítimas, as persoas afectadas como pode ser o teu caso, vos dades por satisfeitas coas explicacións?
Eu penso que grazas ao traballo da plataforma estamos preto dese obxectivo. É unha loita manida entre David e Goliat e aquí está metido o estado. E o estado foi neglixente e, como tal, non contribuiu a tratar de esclarecer as causas do accidente que tiñan que ver con decisións adoptadas polo propio estado.
Ousexa, queda aínda camiño por facer?
Si, aínda queda algo.
Ti agora es alcalde de Tui e, polo tanto, tes responsabilidades públicas. Cambiou o teu xeito de pensar sobre xestión de catástrofes desde que ocupas este cargo?
O que aconteceu é que aquí tivemos un triste suceso.
Efectivamente, vou por aí, pola explosión de Paramos…
Claro, pois comparando a min o de Angrois marcoume en moitos sentidos e, desde logo, pois tamén me marcou na xestión da traxedia de Paramos e como a estou levando. Por iso eu, desde o primeiro momento, fixen unha xestión directa e transparente cos afectados. Convoquei asembleas, que moita xente me desaconsellou facelas, que me podían partir a cara nelas. Pero eu non teño nada que ocultar e eu teño que dar a cara polos meus veciños e iso foi o que tentei facer. Eu penso que é unha xestión sen precedentes, precisamente, pola súa transparencia, polo seu nivel de implicación e porque unha administración tan pequena como o Concello de Tui tivera que liderar este asunto cun apoio importante, e hai que dicilo, da Xunta de Galicia. Pero, practicamente o liderato correspondeulle ao Concello de Tui que é unha administración moi pequena e cuns recursos moi limitados e penso que se está facendo ben e cun gran nivel de compromiso e transparencia. En liñas xerais, os veciños creo que están contenos e, máxime, se partimos cos apoios que eu tiven nesa parroquia que foron moi pouquiños.
MOCIÓN DE CENSURA
Pero tamén se entende que estean un pouco picados contigo porque ti es alcalde por unha moción de censura?
Pero, entón que pasa?… O goberno era deles. Era unha cuestión patrimonial de que o goberno era deles?. Entón iso demostra que se nove concelleiros mandan máis que oito pois hai un problema. Pero toda a responsabilidade dese cabreo e rabieta posterior corresponde a que ten a rabieta. Toda. Aquí hai unha lexislación, hai unha posibilidade de que os concelleiros elixan un novo alcalde se teñen maioría e sen facer o contrario do que dixeron os electores. Eu podo entender un cabreo se o PP pacta co BNG, por exemplo. Pero aquí hai unha serie de concelleiros de centro-dereita que pactaron cun partido liberal que xa dixo despois das eleccións que podía apoiar ao centro esquerda ou ao centro dereita se hai un proceso de renovación nesa dereita.
E houbo esa renovación?
Por suposto.
E cres que esa renovación foi froito da túa presión?
De tres dimisións de líderes dun partido non hai precedentes na historia de Galicia. Os tres cabezas de lista.
A costa de que o PP quedara desfeito…
Iso é un xuízo de valor que fas ti e terá que contestalo o PP.
E agora no PP hai renovación?
Agora temos unha opción no concello sen precedentes na historia de Galicia. Nunca vin eu tres dimisións da tacada. E eu teño estado na deputación e che podo dicir que nunca vin que tanto o PSOE ou o BNG cortan a palabra aos cinco minutos e non deixan falar á oposición. Eu dou tempo ilimitado. O que pasa é que está demostrado que hai algúns que non saben utilizar a liberdade que se lles concede, pero eu non poño límite ao uso de palabras, como fai a deputación. Pero tamén é certo que a liberdade conleva responsabilidade. E iso é o que pido en aras desa participación e transparencia que eu sempre defendo.
Pero iso non o dis de cara á galería?
Mira…. A proba é que a plataforma de afectados pola explosión de Paramos ten a súa oficina en dependencias municipais e eu considero lóxico que isto sexa así. E non hai precedentes disto, nin que a plataforma de afectados sexa membro de pleno dereito do gabinete de crise que se montou a instancias do concello. Estamos marcando un antes e un despois e converténdonos nun referente en xestionar este tipo de crise.
Será referente pero eu vexo lóxico e normal que se faga isto e que o faga a administración…
Si, pero é a primeira vez que se fai.
En todo caso é estrano que dous concelleiros gobernen sobre o conxunto de 17, non?
Dous non gobernamos. Somos oito agora.
Pero digamos que dous sodes os que tedes a voz cantante, non?, os de C21?
Dous, pero somos a terceira forza política do concello e a segunda do goberno. O anterior alcalde era a segunda forza política e lembremos que tampouco gañou as eleccións porque quen gañou as eleccións foi o señor Rocha. Ousexa que os que agora din que ten que gobernar a forza máis votada están dicindo que Rocha tiña que ser alcalde. Hai que lembrar que Cabaleiro (PSdeG) foi segundo e Rocha (PPdeG), primeiro. Así que se queren que goberne a lista máis votada, tería que ser a do señor Rocha. E iso hai que lembrarllo.
E como está sendo ese goberno con dous concelleiros de C21, catro do PP, dous de Cidadáns Tudenses e un de APPTui?
Pois teño que agradecerlle a todos os compañeiros do PP, e ao resto, a vontade construtiva e a xenerosidade, en particular do concelleiro Castronegro, o tenente alcalde, que nunca fixeron o máis mínimo intento de obstruír ou paralizar nada.
E ti cres que a moción de censura non terá repercusión nas vindeiras eleccións?
Pois os cidadáns decidirán. As elucubracións sobran e eles decidirán.
C21
C21 entendo que se volverá presentar?
Si
E en solitario, contigo como cabeza de lista?
Entendo que si.
Para rematar. Como está C21?
Pois todo o mundo sabe que somos un partido moi pequeno.
Tan pequeno como que só tedes os dous concelleiros en Tui, non?
Si,si… Ainda que sexamos un partido de ámbito autonómico o certo é que somos pequenos e dependemos moito do que aconteza en Tui.
E ides presentarvos noutros concellos?
Penso que volveremos facelo tamén en Santiago. Con todo eu estou moi absorvido pola cuestión local, agora coa alcaldía. Agora temos un novo secretario xeral, Xaime Requeixo. Xa é o terceiro secretario xeral da historia do partido.
E ides facer algo o 25 de xullo?
Imos facer aquí en Tui unha comida.
Unha comida?. Iso sona a política rancia..
Será un acto, cun discurso e logo unha comida.
E os valores seguen sendo os mesmos?
Si, galeguismo e liberalismo. Seguimos defendendo os mesmos valores. Non somos nin marxistas de Carlos, nin marxistas de Groucho.