O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a criticar este venres o voto contrario do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) e instou ao deputado Néstor Rego a “que explique por que o BNG vota con Vox en contra da cidade“.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico subliñou que as contas presentadas polo Goberno e aprobadas nas últimas horas no Congreso recollen “todo” o que el pediu para Vigo, e subliñou que, ademais, hai unha autorización de crédito extraordinario por 275 millóns para compensar as perdas no transporte público en todo o país.
Con respecto ás críticas de Néstor Rego sobre a posición do alcalde e do PSOE, que non apoiaron emendas do BNG para incrementar en 45 millóns os investimentos na área viguesa, o alcalde apuntou que “o que lle pasa ao señor Rego é que non coñece Vigo“.
CRÍTICAS AO CENTRO DE SAÚDE DE BOUZAS
Caballero,volveu a criticar este venres as obras do novo centro de saúde de Bouzas, que leva a cabo a Xunta nunha parcela cedida polo Concello en 2008, e reiterou que o goberno galego “reduciu” tanto o proxecto que se converteu nun “minicentro de saúde”, “unha casiña case de xoguete”, na que haberá que entrar “de perfil”.
Así o manifestou o rexedor nunha rolda de prensa, e en referencia á visita que este venres prevé realizar á obra o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. “Aconséllolle que entre de perfil, porque de fronte non cabe, non se vaia a lesionar”, ironizou Caballero.
O alcalde insistiu en que a obra leva “10 anos de atraso” e que, ademais, ao reducir as súas dimensións e servizos, o centro de saúde non poderá atender “nin sequera á poboación de Bouzas”. “Non haberá pediatra sen asistente social”, denunciou, e criticou que a Xunta “nin sequera tivo a cortesía” de convidar ao goberno local á visita.
Por outra banda, e en relación coa pandemia de COVID, tras constatar que a incidencia segue baixando na cidade de Vigo (con 219 casos por 100.00 habitantes nos últimos 14 días), o alcalde cuestionou que o conselleiro de Sanidade “diga unha cousa” no Consello Interterritorial e Feijóo “diga outra aos medios”. “Voulle a dar un consello ao señor Feijóo: non critique as medidas sanitarias porque iso xera desconcerto, sexa prudente e deixe de facer política coa saúde”, afirmou o rexedor