InicioPolíticaA Garda Civil incáutase de vídeos do Concello da Cañiza polo baleirado...

A Garda Civil incáutase de vídeos do Concello da Cañiza polo baleirado de documentos sensibles

O PSOE denuncia este "baleirado" 48 horas antes do pleno no que foi investido o socialista Luís Piña, tras 40 anos de gobernos do PP

PUBLICADO O

A Garda Civil incautouse, por orde xudicial, das gravacións das cámaras de seguridade do Concello da Cañiza (Pontevedra), tras a denuncia interposta polo PSOE pola retirada, en coches particulares, de varios archivadores con documentación municipal.

Segundo fontes do PSOE desta localidade, os vídeos de seguridade foron requiridos no marco das dilixencias iniciadas despois de que o PSOE presentase ante a Garda Civil unha denuncia pola ‘saída’ de documentos en arquivadores e cartafoles, en vehículos de traballadores municipais.

Así, o partido lembrou que os feitos tiveron lugar ao mediodía do pasado xoves, cando “varios veciños” avisaron a cargos do PSOE da Cañiza dos “movementos” que se estaban producindo ás portas do Concello.

Dous coches particulares estacionados, ao parecer propiedade de traballadores municipais, estaban a ser cargados con arquivadores. Un deles abandonou o lugar sen que, polo momento, se coñeza onde se dirixía nin cal foi o destino deses documentos.

A operación de ‘carga’ do segundo vehículo foi abortada por axentes da Garda Civil, que foron alertados por unha concelleira do PSOE. Aínda que, nun primeiro momento eses documentos foron precintados e quedaron baixo custodia da Policía Local, a autoridade xudicial reclamounos e xa están á súa disposición.

Segundo explicou o PSOE, trátase de arquivadores, en total uns 30, que conteñen información relativa a dietas da Alcaldía dos últimos anos, así como memorias sobre a Festa do Xamón, e outros documentos que inclúen datos sensibles como listas de nomes, DNI, etc.

O PSOE denunciou que este “baleirado” de documentos se produciu 48 horas antes da celebración do pleno no que foi investido alcalde o socialista Luís Piña, tras 40 anos de gobernos do PP.

Os socialistas aseguraron que o “desencadeamento” desta actuación do anterior goberno local foi unha chamada do concelleiro electo de Ciudadanos, que tiña previsto reunirse co candidato do PP, Miguel Domínguez. Este edil trasladou ao anterior alcalde que suspendía o encontro porque xa chegara a un acordo de investidura co PSOE.

“Ante as evidentes consecuencias da noticia, Domínguez comezou a baleirar o despacho da Alcaldía, con tal ímpeto, que debeu contaxiar a máis dun traballador do Concello que, seguindo o exemplo do entón aínda rexedor, comezaron a cargar arquivadores das oficinas do Concello para os seus vehículos particulares”, ironizou o PSOE da Cañiza.

ÚLTIMAS

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...

Traballadores de ambulancias de Vigo, Cangas e Moaña: “Á Xunta só lle interesa prestar un servizo o máis barato posible”

Traballadores da empresa Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte sanitario e urxente en...

O Concello de Vigo fala de decisión técnica sobre a paralización da talla da Falperra e non de presión veciñal

O Concello de Vigo remitiu este xoves un comunicado aos medios no que asegura...