A lista ‘Vigo Pode’, encabezada por Xaquín Pastoriza Cerviño, presentouse este domingo para as primarias de Podemos na cidade, co obxectivo de “impulsar un cambio”, cara un “modelo de cidade máis democrático, transparente e participativo“. O tamén secretario xeral de Podemos en Vigo avogou por que a cidadanía poida “tomar decisións sobre aspectos como o urbanismo e os orzamentos municipais”.
A lista encabezada por Pastoriza, profesor de Historia, está conformada tamén por Iria Sotelo, enfermeira; Óscar Lomba, traballador do SERGAS; Noemí Pernas, contable; Óscar González, traballador inmobiliario e membro do Consello de Coordinación de Podemos Galicia, e María Isábel González, directora da escola teatral Vagalume, entre outros.
As votacións telemáticas están abertas ata o mércores 6 de febreiro ás 18,00 horas e están convocadas a participar todas as persoas inscritas en Podemos en Vigo. Os resultados publicaranse o 7 de febreiro.
A presentación produciuse no mesmo día no que o denominado Grupo de Traballo Municipal de Vigo de Podemos solicitou a “anulación inmediata” do proceso de primarias na cidade, debido á súa “invalidez”.