O grupo municipal do BNG anunciou este martes que solicitará a convocatoria dunha Xunta de Portavoces extraordinaria e urxente para que o goberno dea explicacións sobre a suspensión da licitación do servizo de bus urbano, un contrato de 470 millóns de euros cuxo procedemento quedou suspendido sen que se coñezan os motivos, nin quen o decidiu nin durante canto tempo. Nunha rolda de prensa, o voceiro municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, cualificou de “sorprendente” e “preocupante” o anuncio da suspensión dese proceso de licitación, e sinalou que é “especialmente anómalo” non saber quen adoptou a decisión “e, especialmente grave, non saber a motivación”.
Así, ábrese un escenario de “inseguridade xurídica” e “risco de nulidade” do procedemento nun servizo público esencial, e cando xa se coñecen as ofertas e hai un informe de valoración. Así mesmo, lembrou que esta licitación xa vén marcada por un incumprimento dos prazos. “O Concello tivo moito tempo para preparar este contrato”, apuntou Pérez Igrexas, que tamén lembrou que a concesión do bus urbano está prorrogada desde 2020, e incidiu en que resulta “irregular” que non se informase á Mesa de Contratación sobre as supostas “complexidades” que levaron a suspender o procedemento.
Na mesma liña, sinalou que tampouco se sabe por canto tempo se prolonga a suspensión do procedemento. “Non queremos pensar que van prorrogar a concesión ‘sine die’, ata despois das eleccións municipais”, ironizou. De feito, indicou que a última vez que se abordou o concurso na Mesa foi en xullo pasado, cando se deu a coñecer o informe de valoración do sobre B e se abriu o sobre das ofertas económicas. Ademais, na próxima reunión do órgano de contratación, prevista para o 1 de outubro, tampouco figura na orde do día nada relativo ao servizo de bus urbano.
“Non sabemos cal é a complexidade (alegada polo goberno local para suspender a licitación)”, indicou o voceiro nacionalista, que tamén sinalou que, como vogal da Mesa, solicitará ter acceso a toda a información e pedirá unha Xunta de Portavoces extraordinaria. Finalmente, Pérez Igrexas insistiu en que “é o momento” de abordar unha posible remunicipalización do servizo de bus urbano. “Estamos a tempo de evitar unha equivocación histórica”, recalcou, en alusión a un novo contrato que, segundo denuncia o BNG, non supón mellorar nin as frecuencias nin o mapa de rutas, nin tampouco ofrece outras vantaxes para os usuarios e para a mellora da mobilidade na cidade.
O PP ESIXE A CABALLERO “DAR A CARA” POLA SUSPENSIÓN DO CONTRATO
O grupo municipal do PP de Vigo reclamou ao alcalde, Abel Caballero, e ao concelleiro Javier Pardo que dean “a cara” tras a suspensión, por parte do goberno municipal, da licitación do novo contrato de bus urbano na cidade, valorado en case 470 millóns de euros, porque ata agora o que fixeron foi “escorrer o vulto” e non aclararon a razón para tomar esta medida. En declaracións remitidas aos medios, a portavoz municipal e presidenta local do partido, Luisa Sánchez, lamentou que, 24 horas despois de que se informase da suspensión “por sorpresa” na Plataforma de Contratación do Estado, “o alcalde da cidade continúa sen dar a cara”. “Nin el nin ninguén do seu goberno, que segue agochado detrás dun escueto comunicado e un ‘whatsapp’ cunha frase do gabinete de comunicación escorrendo o vulto”, constatou.
“Non abonda con dicir que ‘as propostas dos licitadores son complexas e é necesaria unha aclaración pola súa parte’ porque iso e nada é o mesmo. O que hai que dicir é que está pasando realmente”, proclamou. Nese sentido, Luisa Sánchez cuestionou: “Acaso non é certo que o servizo de contratación solicitou en agosto un informe ao Instituto Galego de Consumo e da Competencia respecto dunha posible existencia de indicios de prácticas colusorias neste procedemento? Acaso non é certo que dito informe obra en poder do Concello desde o 8 de setembro?”.
Segundo remarcou a portavoz popular, “esas son as preguntas que debería ter contestado xa o alcalde ou o concelleiro responsable deste contrato” e incidiu en que “se o proceso fose impecable, non habería ningún motivo para non facelo”, ao tempo que advertiu de que, de confirmarse esas irregularidades, todo o procedemento podería ser invalidado. Neste escenario e ante o “apagón informativo” do goberno local, Luisa Sánchez urxiu a Javier Pardo a convocar “de urxencia” unha rolda de prensa ante os medios para aclarar a situación ou pedirán que compareza na Comisión Informativa de Contratación.
“Desde logo, a paralización deste concurso abre un proceso de incerteza e inseguridade xurídica respecto da renovación dun servizo absolutamente fundamental para a mobilidade da cidade durante os próximos dez anos. Un megacontrato por importe de 470 millóns de euros, que esixe que o goberno de Abel Caballero poña fin ás evasivas e dea a cara”, sentenciou. A portavoz popular volveu criticar a “incapacidade manifesta ou a falta de vontade do goberno de Abel Caballero” para sacar adiante o novo contrato do servizo.
