O portavoz do BNG no Concello de Vigo e candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, fixo este luns un chamamento a “aglutinar” na formación nacionalista o voto daqueles vigueses que queren “un cambio” tras case dúas décadas de goberno de Abel Caballero. Así o trasladou nun encontro cos medios no que participou tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e no que Pérez Igrexas lamentou que Vigo “leva demasiado tempo atrapada entre a resignación e a propaganda”. Para o edil nacionalista, as eleccións municipais de maio de 2027 son unha “enorme oportunidade” para “abrir un tempo novo” na cidade, tras unha etapa de “inercia e inmobilismo” que, ao seu xuízo, reduciron Vigo a ser “un parque temático” de Abel Caballero.
Neste sentido, insistiu en que o BNG é a “alternativa” ao modelo do actual alcalde, cun proxecto que busca “recuperar a cidade para vivir e non só para mirar”, así como utilizar os “enormes recursos” municipais para atender as “necesidades reais” da xente en materia de vivenda, inclusión social ou mellora dos servizos públicos. Pérez Igrexas lembrou unha vez máis o alto grao de inexecución orzamentaria do Concello, que cifrou en 137 millóns de euros só en 2025. Uns fondos que, segundo indicou, “son escolas infantís e bibliotecas que non se abriron ou vivendas que non se rehabilitaron”, entre outras necesidades sen atender. “É o prezo da desidia”, lamentou, en referencia a un goberno local que, segundo criticou, “anuncia e promete, pero non fai”.
UN CICLO DE MAIORÍAS ABSOLUTAS “LETAL PARA A DEMOCRACIA”
Fronte a esta situación, Pérez Igrexas situou o BNG como a forza que pode levar Vigo á “seguinte pantalla”, recuperando o seu papel de “motor” de Galicia no ámbito económico, industrial, social e cultural. Para iso, defendeu que a formación nacionalista debe ser “determinante e decisiva” a partir dos próximos comicios locais, coa meta de poñer fin a un ciclo de maiorías absolutas do PSOE de Abel Caballero que, ao seu xuízo, se demostrou “letal para o progreso e a democracia”. Segundo denunciou, ese modelo reflíctese nunha sorte de “ditadura ao estilo romano”, cun rexedor que goberna “encastelado nunha sala de prensa sen xornalistas”, que non asiste aos debates plenarios e que está “máis preocupado pola viralidade” que por atender as necesidades da cidadanía.
Preguntado por unha posible coalición doutros grupos de esquerda —Movemento Sumar Galicia, Esquerda Unida, Podemos, Anova e Verdes Equo—, Pérez Igrexas matizou que o BNG é partidario de “someterse ao exame directo dos veciños”, respondendo coas súas propias siglas. Nesa liña, insistiu en que “o importante” é concentrar o voto que quere cambio no BNG, porque a realidade demostrou, segundo sinalou, que “hai votos que queren un xiro nas políticas municipais que se poden quedar sen representación”. “Nesta oportunidade de 2027 non se pode perder nin un voto que queira cambio (…) e a mellor maneira é aglutinar o voto no BNG”, remarcou.
O candidato nacionalista subliñou a traxectoria ascendente da formación nas últimas citas electorais, cun fito histórico nas eleccións galegas de 2024, nas que foi a forza máis votada na cidade. De cara ao vindeiro ano, o BNG pretende converterse en forza “decisiva”, algo que, recoñeceu, “non será fácil”. Con todo, o aspirante á Alcaldía valorou que “os avances sempre se empurran desde abaixo” e que o BNG é a “única forza á alza” en Vigo. “Imos con toda a ambición, sen límites nin teitos, con confianza na nosa alternativa e, sobre todo, no pobo, nos nosos veciños”, proclamou, antes de ofrecer a man “a todos os vigueses que non se resignan e que saben que Vigo merece moito máis”, así como aos máis de 100.000 veciños que non foron votar nas últimas eleccións municipais.
PONTÓN PIDE DEIXAR ATRÁS AS “LOITAS DE EGOS”
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou a designación de Pérez Igrexas por unanimidade, por parte da asemblea local, para repetir como candidato á Alcaldía. Pontón lembrou que o concelleiro xa demostrou “con feitos” o seu compromiso con Vigo e a súa capacidade de traballo, estando “a pé de rúa” cos colectivos sociais, escoitando as necesidades dos veciños e traballando “en positivo” para facer “propostas solventes”.
Así, destacou as alternativas que o grupo municipal do BNG puxo sobre a mesa en defensa dos servizos públicos, do futuro industrial da cidade, dun urbanismo ao servizo das persoas, do acceso á vivenda e da atención aos barrios e parroquias. “Vigo necesita abrir unha etapa que deixe atrás as confrontacións inútiles, as loitas de egos que non levan a ningún sitio e que fan perder oportunidades”, proclamou Ana Pontón. A portavoz nacional do BNG reiterou que a maior cidade de Galicia “necesita un proxecto de futuro” con propostas para “mellorar a vida da xente”.
“Hai que cambiar confrontación por cooperación, ruído por diálogo e a discriminación da Xunta do PP por colaboración construtiva; romper ese círculo vicioso que fai que Vigo quede atrás”, proclamou. Pontón engadiu que, nese camiño, “o BNG foi a verdadeira alternativa”, porque non só fiscalizou o labor do goberno local, senón que tamén puxo propostas enriba da mesa. Finalmente, tras eloxiar o “compromiso, capacidade e coñecemento da cidade” de Pérez Igrexas, de quen dixo que “ten Vigo na cabeza e no corazón”, subliñou que o impulso da cidade pasa por un BNG que dea “un gran salto adiante”.
Compartir:
- Compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Share on X (Se abre en una ventana nueva) X
- Share on LinkedIn (Se abre en una ventana nueva) LinkedIn
- Share on Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Share on WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Share on Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon
- Share on Bluesky (Se abre en una ventana nueva) Bluesky
