InicioPolíticaCaballero carga contra Rueda pola AVE Vigo-O Porto e culpa a Portugal...

Caballero carga contra Rueda pola AVE Vigo-O Porto e culpa a Portugal do atraso até 2038 mentres o Eixo Atlántico esixe datos

O alcalde de Vigo asegura que o prazo do 2030 era “unha mentira imposible” e defende que España cumpre cos estudos, mentres o Eixo Atlántico pide á Xunta “transparencia” e evitar datas alarmistas sen informes públicos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este martes que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “como Saulo, xa caeu do cabalo e xa viu o mundo”, ao recoñecer que a conexión de alta velocidade entre Vigo e O Porto non estará lista até o ano 2038, aínda que atribuíu este atraso ao Goberno de Portugal.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico insistiu en que “esa conexión non vai estar antes do 2038” e asegurou que o motivo principal é que Portugal “non chega a tempo e á mesma velocidade que o pode facer España”. Pola súa banda, a Xunta vén atribuíndo o incremento dos prazos aos atrasos nos tramos españois, como a saída sur ferroviaria e o trazado entre O Porriño e a fronteira portuguesa.

Caballero afirmou que leva anos advertindo desta situación: “Díxenllo durante anos: Portugal non dá a velocidade que ten que dar”, criticando que Rueda regresase de reunións con responsables lusos mantendo a previsión do 2030. “Todos sabiamos que era unha mentira, unha barbaridade pretender o imposible”, proclamou.

O alcalde asegurou que “entende” a posición portuguesa, xa que a súa prioridade actual é o eixo ferroviario O Porto-Lisboa, lembrando que o país veciño “non ten nin un só quilómetro de Alta Velocidade”. Con todo, defendeu que o Goberno central está a cumprir cos compromisos no lado español da fronteira.

Segundo explicou, a saída sur ferroviaria de Vigo “vai en tempo e forma” e o estudo informativo atópase “próximo a rematar”, cun horizonte que situou arredor do mes de novembro deste ano. Ademais, indicou que tamén está en marcha o estudo do tramo entre O Porriño e o río Miño, aínda que recoñeceu que existe un obstáculo clave: “non está acordado cal é o punto de encontro” entre ambos países.

Caballero concluíu defendendo que o Goberno de España “está a responder aos prazos que deu” e que continúa avanzando nos estudos técnicos necesarios para unha infraestrutura estratéxica que, segundo reiterou, seguirá condicionada polos ritmos de Portugal.

EIXO ATLÁNTICO

Pola súa banda, o Eixo Atlántico solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que faga público “con urxencia” o estudo “no que se basea para afirmar que a liña ferroviaria O Porto-Vigo atrasarase até 2038“. Faio nun comunicado despois de que, tras o Consello deste luns, se insitiese por parte do Goberno galego en que se demorará até ese ano por “atrasos” nos tramos do Saída Sur de Vigo e entre O Porriño e a fronteira lusa.

Segundo o Eixo Atlántico, “estes datos non coinciden en absoluto cos da entidade e constitúen unha afirmación que, de non ser certa, sería perigosa e irresponsable”. Para Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, “é inaceptable” lanzar “datas alarmistas sen facer público ningún estudo que as apoie”, asegura despois dun informe avaliado pola Xunta o luns e no que se recolle que só no que se refire ao Saída Sur de Vigo a publicación do estudo informativo ampliouse dous anos sobre o prazo contraactual inicial.

Queremos coñecer os datos reais porque pode xerar desánimo e confusión entre a cidadanía”, sostén o secretario xeral do Eixo Atlántico. Ademais, indica que, segundo os datos do Eixo Atlántico, “o único desfasamento real está vinculado ao estudo informativo previo do Saída Sur de Vigo e á reedificación do trazado da estación de Vila Nova de Gaia”.

ÚLTIMAS

Evacuada unha pasaxeira ferida do buque oceanográfico vigués Sarmiento de Gamboa

Unha persoa que navegaba no buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa resultou ferida mentres realizaba...

Vigo reclamará a Audasa máis de 138.000 euros polo IBI da AP-9

O Concello de Vigo reclamará á concesionaria da AP-9, Audasa, o pagamento de 138.345...

O TSXG revisa este luns a condena de 13 anos e medio polo crime de Coia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia celebrará...

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...