InicioPolíticaPP e BNG esixen a Caballero que "dea a cara" no pleno...

PP e BNG esixen a Caballero que “dea a cara” no pleno sobre Guns N’ Roses e interveña para dar explicacións

Consideran que "está obrigado" a dar explicacións porque "apostar polo silencio sería moi revelador. Quen cala, outorga".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os grupos municipais do PP e do BNG de Vigo esixiron ao alcalde, Abel Caballero, que “dea a cara” e interveña este xoves no pleno extraordinario que se celebrará para abordar a “demoledora” sentenza xudicial sobre o concerto de Guns N’ Roses na cidade olívica porque consideran que “está obrigado” a dar explicacións. En rolda de prensa, o portavoz municipal ‘popular’, Miguel Martín, reclamou ao alcalde que faga uso da súa potestade para falar “cando queira e sen ningún tipo de limitación de tempo” co obxectivo de ofrecer explicacións tras a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Vigo que condenou ao Concello a pagar case 2 millóns de euros á promotora do grupo estadounidense.

Para o PP, sería “indecente e do todo reprobable” que o rexedor socialista permanecese calado, sobre todo despois de falar no estudo dunha televisión nacional do “escándalo”. “Apostar polo silencio sería moi revelador. Quen cala, outorga”, apuntou Martín. Por iso, segundo recollen nun comunicado, lanzou unha batería de preguntas que, ao seu xuízo, debería contestar Caballero na sesión extraordinaria deste xoves, que arrincará ás 09.00 horas. Por exemplo, pediu ao alcalde que aclare de que falou co presidente de Live Nation España na Alcaldía o 20 de outubro de 2022 e por que esa reunión non figurou na súa axenda oficial. Tamén solicitou que explique se, tras o encontro, deu orde ao entón concelleiro de Festas, Pablo Estévez, de negociar os detalles da contratación de Guns N’ Roses e se aprobou o envío dunha carta de interese.

Miguen Martín pregúntase tamén como é posible que a promotora do grupo anunciase a celebración do evento sen contar cos permisos municipais para iso ou como se explica que o goberno local negociase os pormenores dun acordo “de forma absolutamente irregular” sen abrir un só expediente administrativo. “Desde logo, non é aceptable, baixo ningún concepto, que, mes e medio despois de coñecerse esa sentenza xudicial, Abel Caballero aínda non comparecese neste concello para dar as explicacións que está obrigado a dar polo seu cargo. Porque este é un asunto moi grave. E non vale gardar silencio ou esconderse detrás de comunicados de prensa ou do seu portavoz municipal”, engadiu Martín.

O edil ‘popular’ lembrou que os acordos rexistrados de cara ao pleno monográfico deste xoves piden a reprobación de Caballero, a dimisión ou destitución de Patricia Rodríguez e Pablo Estévez, a creación dunha comisión de investigación e a implantación no Concello de Vigo de ferramentas que promovan a transparencia e preveñan posibles casos de corrupción. Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, asegurou que Caballero “non vai poder seguir fuxindo” do “escándalo”, reivindicado que o alcalde terá que “dar respostas” en “primeira persoa”. “O uso irregular de case 2 millóns de euros para entregarllos a unha empresa privada á marxe de todos os procedementos legais (…) merecen unha explicación”, subliñou Igrexas, esixindo “responsabilidades” aos socialistas. Con todo, o portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, enviou un audio aos medios de comunicación indicando que o Concello “non pagou nin un só euro” polo concerto. “Parece que o BNG e o PP queren que paguemos”, engadiu, lembrando que a sentenza está recorrida para “defender os intereses dos cidadáns”.

ÚLTIMAS

O conselleiro de Sanidade sobre a próxima entrada en vigor do novo contrato de Povisa: “Ninguén vai obrigado”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril --o...

O Sergas ten que pagar 60.000 euros á familia dun vigués por unha “deficiente” atención tras un infarto

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Sergas a pagar 60.000...

Ciencia cidadá: convidan á cidadanía para crear o primeiro banco nacional de area de praia

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) impulsou Iberarenum, un proxecto...

A UVigo crea un videoxogo con IA para a detección temperá do Alzheimer

Investigadores do grupo AtlantTIC da Universidade de Vigo presentaron un innovador videoxogo impulsado por...