O alcalde de Vigo convocou un pleno extraordinario para este xoves co fin de trasladar o apoio do Concello á construción do novo tramo en túnel da A-52, entre a cidade e O Porriño, e para reclamar á presidenta do PP vigués, Luisa Sánchez, e ás senadoras ‘populares’ Nidia Arévalo (alcaldesa de Mos) e María José Pardo, que “pidan perdón” pola súa “oposición” á obra e por lanzar “o bulo” de que Abel Caballero foi responsable da construción da autovía cando era ministro.
Na súa proposta para o pleno, o goberno local pide a realización desa infraestrutura, unha “reclamación histórica”, para paliar a alta sinistralidade da actual autovía A-55 e a acusa ao PP de pretender frear o proxecto “exactamente igual” que cando “arrebatou” a Vigo unha caixa de aforros, deixou a cidade sen AVE directo a Madrid, cando “quixo pechar o aeroporto”, ou cando “paralizou” a declaración de Cíes como Patrimonio da Humanidade ou a creación da área Metropolitana.
Tras afirmar que, o pasado 26 de febreiro, PP e BNG “votaron en contra da nova autovía Vigo-O Porriño en túnel” (‘populares’ e nacionalistas deron o si a unha moción do PP que reclamaba liberar a peaxe da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño, e buscar unha alternativa para unha nova autovía con menos impacto no territorio), denunciaron o “bulo” difundido polo PP de que Caballero promovera a A-55, a pesar de que, como ministro de Transportes, “non tiña competencias en materia de estradas”.
Por todo iso, o PSOE propón ao Pleno que proclame o seu “apoio total” á nova A-52, e que o goberno de España analice todas as alegacións e deseñe un trazado para unha autovía “funcional e segura”. Igualmente, reclaman que Luisa Sánchez, e as senadoras Nidia Arévalo e Pepa Pardo “se desculpen e pidan perdón a Vigo” pola súa oposición a este proxecto e por lanzar ” o bulo responsabilizando a Abel Caballero da construción da A-55″.
“PLENO TRAMPA”
Ante esta convocatoria, o grupo municipal do PP denunciou que o goberno de Abel Caballero pretende celebrar “un pleno extroardinario trampa” para “obrigar” aos ‘populares’ a votar contra a ampliación da A-52. “Volve demostrar que prefire a confrontación ao acordo”, constatou a concelleira Luisa Sánchez. Sánchez insistiu en que o seu grupo non se opón á obra, senón que reclama unha alternativa menos daniña para o territorio e para os veciños, e que pide a supresión da peaxe na AP-9 mentres a nova autovía non estea concluída.
Tras lembrar que o pleno xa abordou esta cuestión, a edila do PP sinalou que o alcalde persegue coa sesión extraordinaria “inventarse inimigos cos que xustiticar a súa incapacidade para lograr unha A-52 con menos afección e a peaxe gratuíta”. Ademais, denunciou que Caballero “prégase” ao que lle “ordenan desde Madrid” ao oporse a estas alternativas, e prolongar “a tortura” que sofren os usuarios da actual A-55, unha autovía cuxa construción foi licitada “por un goberno socialista do que el formaba parte”.
“CARREIRA KAMIKAZE” E “AXUSTE DE CONTAS” DO ALCALDE
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG sinalou que o pleno extraordinario convocado para o xoves é “un capítulo máis na carreira kamikaze do alcalde por impor o seu proxecto da nova A-52 por enriba de decenas de miles de veciños e veciñas”. Para o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, é “insultante” que a proposta do PSOE pida ao Goberno analizar as alegacións, ao mesmo tempo que reclama “apoio total” para a obra; e tamén censurou o “oportunismo” do PP, por apoiar unha PXOM que inclúe esta infraestrutura.
“Este pleno parece un intento de axuste de contas de Caballero, cando en realidade as posicións están claras: PSOE e PP queren unha ampliación da autovía e só discrepan por intereses partidistas, mientres que o BNG mantemos desde o inicio que a mellor alternativa é liberar de peaxes a AP-9, e por iso nos opomos a este proxecto”, resolveu o edil do BNG, que reiterou que a obra é “innecesaria” e que terá graves afeccións na parroquia de Bembrive.