InicioPolíticaPP e BNG unen os seus votos para pedir ao Goberno "alternativas"...

PP e BNG unen os seus votos para pedir ao Goberno “alternativas” ao trazado da A-55 por afeccións en Vigo e Mos

Denuncian a "grave afección" que provoca a parroquias de Vigo como Bembrive, e de Mos como Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga, "a efectos de buscar unha solución definitiva e a longo prazo".

PUBLICADO O

- Advertisement -

PPdeG e BNG uniron os seus votos para pedir ao Goberno central “novas alternativas” ao trazado proposto da autovía das Rías Baixas (a A-55) pola “grave afección” que provoca a parroquias de Vigo como Bembrive, e de Mos como Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga, “a efectos de buscar unha solución definitiva e a longo prazo”. Este é o segundo dos tres puntos dunha iniciativa que foi aprobada este mércores no pleno do Parlamento, impulsada polos populares e apoiada polos nacionalistas, pero que contou co ‘non’ do PSdeG.

Este apartado, o segundo, centrou o debate na Cámara autonómica, aínda que a proposición non de lei tamén reitera (nun primeiro punto) a demanda ao Executivo da transferencia a Galicia da titularidade da AP-9. Xunto a esta solucitude, pide iniciar, “con carácter inmediato, negociacións coa concesionaria da autoestrada AP-9 a fin de, o máis axiña posible, liberar de peaxe o tramo Vigo-Porriño, para abordar de forma urxente a seguridade da A-55, por ser a solución máis rápida, inmediata e economicamente mais viable ao problema da sinistralidade nesta vía“.

Por último, o texto tamén esixe do Goberno a “inmediata apertura dun período de interloución, institucional e técnica, con todos os concellos afectados para definir a actuación de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura adecuada e segura para a mobilidade da zona”. No debate, a popular María Felisa Rodríguez avisou de que se está “ante un grave problema para Mos e para Vigo”, unha autovía “de baixa calidade e esnaquizando o territorio”. “Só pido unha cousa: que deixen de impor e o ordena e mando e defendan a Vigo, porque xa sabemos que a Mos non o van a facer”, remarcou.

O socialista Carlos López Font acusou á deputada do PP de “catastrofismo” e “falsidades” antes de argumentar que “unha obra desta envergadura sempre terá afectados”, pero o seu partido avoga, segundo dixo, por “compaxinar o interese público desta actaución con todas as garantías para os afectados e tentar que sexan os menos posibles”. Pola súa banda, a nacionalista Alexandra Fernández, que expuxo outra emenda e denunciou a problemática de seguridade viaria na zona, adiantou o seu voto a favor “na medida en que solicita que se reabra o estudo” do proxecto. “Pedimos a inmediata paralización da súa tramitación e que se inicie un novo estudo”, incidiu.

CABALLERO INSISTE NA AMPLIACIÓN DA A-52

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu en que a ampliación da A-52 ata a cidade olívica “vaise a facer” e calculou este mércores que haberá “ao redor de 15” afectados pola mesma. Así saíu ao paso o rexedor olívico nun audio difundido aos medios de comunicación despois de que o PPdeG e o BNG unisen os seus votos para pedir ao Goberno “alternativas” ao trazado da ampliación da A-52 pola “grave afección” que provocará a parroquias de Vigo e de Mos.

Respecto diso, o alcalde asegurou que desta maneira os ‘populares’ e os nacionalistas manifestan “abertamente que non queren autovía en túnel ao Porriño”, a pesar de que o Goberno pretende investir case 400 millóns nela. “O Bloque sempre di que non a todo o que sexa progreso, pero o PP sempre di que non a Vigo”, lamentou, asegurando que o goberno local e o Executivo central “defenderán” aos afectados, “que ao final serán ao redor de 15”. Ante estas palabras, o PP de Vigo criticou que Caballero pretenda “intoxicar”, reivindicando que desde hai case 30 anos os ‘populares’ queren unha alternativa á A-55 “co mellor trazado posible” que teña as menos afeccións posibles e que se escoite aos afectados.

Ademais, o concelleiro Miguel Martín urxiu que se poña fin á peaxe da AP-9 no tramo entre Puxeiros e O Porriño, que discorre case paralelo á A-55. Tamén o Concello de Mos mostrou o seu rexeitamento ao actual trazado que propón o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable para a ampliación da A-52, asistindo xunto con veciños ao debate da iniciativa no Parlamento. “A solución sinxela, rápida, eficaz e máis económica é a liberación da peaxe da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño, que ten todas as conexións posibles para canalizar por distintos accesos a entrada á cidade de Vigo e a todos os polígonos industriais, zonas portuarias ou ao hospital Álvaro Cunqueiro”, reivindicou a concelleira de Mos e deputada autonómica Felisa Rodríguez.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...