InicioPolíticaCaballero reivindica a estabilidade política da cidade, que permite "non estar sometido...

Caballero reivindica a estabilidade política da cidade, que permite “non estar sometido á chantaxe de grupos minoritarios”

O alcalde asegura que o apoio cidadán ao seu proxecto "está a crecer" e promete "responder" a esa "confianza".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance este venres da súa acción de goberno e repasou as liñas de traballo do goberno local para os próximos meses, á vez que reivindicou a “estabilidade política” na cidade, que permite “non estar sometido á chantaxe de grupos minoritarios”. Así o trasladou o rexedor, en declaracións aos medios, tras manter unha reunión de traballo cos 18 edís do PSOE que, xunto a el mesmo, forman o goberno municipal, no recentemente restaurado Pazo da Raposeira.

Caballero presumiu de que Vigo ten unha estabilidade política “que todos os concellos de Europa envexan” e que lle permitiu, entre outras cousas, aprobar 18 orzamentos de forma consecutiva, que significaron “o avance da cidade”. “A estabilidade política é o acougo (…), non estar sometido ás chantaxes de grupos minoritarios. Nesta cidade a chantaxe de grupos minoritarios exerceuse continuamente, e pasaron cousas tales como que unha circunvalación acabou nun semáforo, porque un grupo dixo que non se podía facer un túnel (…), foi unha das grandes idioteces desta cidade”, proclamou.

“APOIO INMENSO” QUE ESTÁ “A AUMENTAR”

Por outra banda, o alcalde subliñou que el e os membros do seu goberno son “conscientes do inmenso apoio da cidade” ao seu proxecto, e prometeu que o goberno vai seguir “respondendo”. “Son consciente de que ese apoio está a aumentar e asumo a responsabilidade”, remarcou. Respecto diso, asegurou que, se houbese eleccións agora mesmo, o seu grupo superaría os últimos resultados das municipais de 2023, que lle deron 19 concelleiros, e prometeu que os socialistas responderán “á confianza que depositaron” os vigueses neles.

PROXECTOS DE GOBERNO

Tras a reunión mantida no Pazo da Raposeira, Abel Caballero fixo un repaso dos principais logros e retos do seu goberno local. Así, tras pór en valor o “éxito incontestable” do Nadal, a política social, o programa de bolsas de inglés, as humanizacións ou a instalación de ramplas, avanzou que o goberno municipal espera ter aprobado nas próximas semanas o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Caballero tamén avanzou que o Concello será un “axente activo”, xunto ao Sepes, na construción de vivenda pública e na posta a disposición de vivendas de aluguer accesible.

Igualmente, lembrou que, nos próximos meses, poranse en marcha proxectos como a nova piscina de Teis ou a reforma da Avenida de Madrid, e engadiu que a cidade seguirá reclamando grandes infraestucturas, como a nova autovía en túnel ao Porriño, ou o AVE directo a Madrid por Cerdedo, que é “irrenunciable”. Sobre o AVE Vigo-O Porto, remarcou que o propio ministro Óscar Puente “ten dúbidas” que Portugal estea comprometido con esa obra para chegar ao prazo de 2030. “Portugal non está no O Porto-Vigo, pero España si. E agora, que di Rueda? Vai pedir desculpas?”, cuestionou, tras lembrar que a Xunta convocou un acto para reclamar esa conexión ferroviaria, asegurando que o país veciño dáballe prioridade.

ÚLTIMAS

Os traballadores do lixo de Vigo van á folga indefinida desde este domingo tras fracasar a negociación

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do...

Piden 4 anos e medio de cárcere para a edil de Seguridade de Vigo polo caso Saltamontes

As acusacións particulares do chamado caso Saltamontes de Vigo, que representan aos pais e...

Un baionés recolle 60.000 sinaturas para esixir ao Goberno e a UE a obriga de introducir sensores antiabandono nas sillas infantís

Despois do falecemento de outra nena de dous anos este fin de semana en...

O Goberno de Vigo impulsará unha declaración institucional en apoio á Global Sumud Flotilla

O goberno de Vigo impulsará unha declaración institucional de apoio á Global Sumud Flotilla,...