InicioPolíticaCarmela Silva, ante outra invitación da Xunta ao acto sobre o AVE:...

Carmela Silva, ante outra invitación da Xunta ao acto sobre o AVE: “Pedirán perdón aos vigueses por ter que ir a Madrid por Santiago?”

"Lémbrolles que nesa (primeira) resposta pedímoslles que asumisen as prioridades da cidade e que, se pedían perdón por deixala sen tren de alta velocidade, aínda que fóra con 20 anos de atraso, estariamos dispostos a falar", expón a tenente de Alcalde, Carmela Silva.

PUBLICADO O

- Advertisement -

goberno de Vigo respondeu á segunda invitación realizada desde a Xunta (polos conselleiros de Presidencia e de Infraestruturas, Diego Calvo e María Martínez Allegue) advertindo de que a posición municipal quedou “ben clara” na resposta remitida hai uns días á primeira invitación e reiterando que a Xunta debe “asumir as prioridades da cidade” e o PP debe “pedir perdón” por deixar a Vigo sen AVE.

Na misiva, a tenente de Alcalde, Carmela Silva, denuncia a “mentira flagrante” da Xunta por non recoñecer que xa houbo unha resposta á invitación o pasado 6 de novembro. “Por se non o leron con atención, lémbrolles que nesa resposta pedímoslles que asumisen as prioridades da cidade e que, se pedían perdón por deixala sen tren de alta velocidade, aínda que fóra con 20 anos de atraso, estariamos dispostos a falar”, expón Silva. Con todo, a concelleira socialista insistiu nos argumentos do goberno local, lembrado que foi o PP “con Aznar primeiro, e con Rajoy e Ana Pastor despois”, e con Núñez Feijóo na Xunta, o que “excluíu” a Vigo da posibilidade dun AVE directo á Meseta, priorizando a conexión por Ourense, Santiago e A Coruña.

Tras reiterar que a liña por Cerdedo “si avanzou” con Zapatero e agora co goberno de Pedro Sánchez, tamén se referiu ao AVE Vigo-O Porto e ao saída sur, e acusou ao PP de “ocultar que é posible grazas ao actual alcalde, Abel Caballero”. “A súa desvergoña política é tal que nesa pretendida convocatoria de defensa do AVE tentan silenciar que foron vostedes os que castigaron a esta cidade. Pedirán perdón á cidadanía por ter que ir a Madrid por Santiago?”, incidiu Silva, que repetiu que os ‘populares’ deberían, nesa concentración, “asumir os seus erros e pedir perdón, aínda que sexa con 20 anos de atraso”.

Finalmente, a tenente de Alcalde lembra que Abel Caballero “xa ten convocadas varias concentracións en defensa do tren de alta velocidade “e en defensa da dignidade da cidade” que o PP “ataca continuamente”. “En calquera caso, como lles trasladei na resposta do 6 de novembro, se asumen as prioridades da cidade, piden perdón e esixen responsabilidades políticas aos causantes que aínda están en activo, estaremos dispostos a falar de todas estas cuestións”, conclúe a carta.

CABALLERO CHAMA A ACUDIR AO CONCERTO REIVINDICATIVO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este mércores un chamamento aos cidadáns para que acudan o próximo 26 de novembro ao concerto reivindicativo que convocou para defender o AVE directo entre a cidade e Madrid por Cerdedo. “Non queremos dar a volta en tren por Santiago, con 50 minutos de atraso e a humillación de non ter unha liña directa. Por iso facemos este concerto reivindicativo con ACOPOVI (Asociación de Corais Polifónicas de Vigo), para dicirlle a todo o mundo que Vigo quere o AVE directo por Cerdedo”, proclamou, nunhas declaracións remitidas aos medios.

Segundo subliñou o rexedor olívico, “Vigo xera máis viaxes en AVE que ningunha outra cidade de Galicia” e a área viguesa xera máis demanda que a área que cobre a actual liña Ourense-Santiago-A Coruña. Por iso, convocou á cidade a participar nese concerto reivindicativo, que terá lugar na Porta do Sol ás 20.00 horas do próximo 26 de novembro. Ademais, están convocados outros dous concertos, un o 11 de decembro para reclamar o AVE Vigo-O Porto e o saída Sur, e un terceiro o 3 de xaneiro, en defensa dunha nova autovía en túnel de Vigo ao Porriño.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...