InicioPolíticaAprobada unha modificación de crédito de 32 millóns para "a cidade máis...

Aprobada unha modificación de crédito de 32 millóns para “a cidade máis feliz de España”, fronte ás “agonías”

PP e BNG critican a xestión orzamentaria do goberno local, que lles afea: "moléstalles que a cidade vaia ben"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno do Concello de Vigo aprobou este martes, nunha sesión extraordinaria e cos únicos votos favorables do grupo de goberno (PSOE), unha modificación e un suplemento de crédito por un importe total de case 32 millóns, que se destinarán ao pago da compensación a Vitrasa polas perdas derivadas da pandemia de Covid, certificacións e revisións de prezos de obras, novas actuacións e cumprimento de varias resolucións xudiciais.

O grupo socialista defendeu que esta modificación de crédito pon de manifesto a boa saúde financeira do Concello de Vigo, xa que se fai con cargo a remanentes, fronte ás críticas dos grupos da oposición –a quen o goberno local tacha de “agoreiros e aguafiestas”–, que lamentan a “nefasta xestión” e a falta de execución orzamentaria do goberno encabezado por Abel Caballero.

Así, o concelleiro de Facenda, relatou os investimentos que se farán con estes fondos extraordinarios: destinaranse 1,1 millóns de euros a dar cumprimento a unha sentenza do TSXG, que obriga ao Concello a facerse cargo das obras de mellora e reparación do Paseo de Bouzas; tamén se pagarán 6,8 millóns recolleitos na sentenza relativa á resolución do contrato dos aparcadoiros de Castelao, Rosalía de Castro e Jenaro de la Fuente, unha situación “herdada do anterior goberno do PP”; e pagarase máis de medio millón de euros á SGAE por outra sentenza e por débedas pendentes.

Un terzo do diñeiro destinarase a abonar a Vitrasa (concesionaria do bus urbano) a compensación polas perdas derivadas da pandemia, un total de 12,1 millóns de euros, e o resto utilizarase para sufragar revisións de prezos de obras xa en marcha ou finalizadas, para completar o pago de actuacións como o ascensor HALO, ou para levar a cabo traballos de humanización e melloras en varias rúas da cidade.

O portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, sinalou que a decisión do pleno supón “máis humanizacións e máis actuacións para a cidade máis feliz de España”, e criticou que os grupos da oposición, PP e BNG, son “unhas agonías e uns aguafiestas” a quen “lles molesta que a cidade vaia ben”.

López Font arremeteu especialmente contra o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Iglesias, a quen advertiu de que “non ten valor o que diga” porque “igual mañá xa non é portavoz”. Respecto diso, novamente lembrou os últimos resultados electorais: “temos 50 puntos máis que vostedes”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Mentres, a concelleira do PP, Patricia García, cualificou como “sospeitoso” que o goberno local, unha vez máis, teña que “forzar unha modificación de crédito” para sufragar, entre outras cuestións, o encarecemento de varias obras na cidade. “Son vostedes os reis do sobrecusto”, proclamou.

Así mesmo, a edila ‘popular’ fixo fincapé na “nefasta xestión” que o goberno vigués fai do orzamento, cun elevado índice de inejecución de partidas, a pesar dos “anuncios e autobombo”.

Pola súa banda, o BNG presentou unha emenda parcial á proposta de modificación de crédito levada a pleno. Os nacionalistas propuxeron a mobilización doutros 25,4 millóns de euros “para atender ás necesidades reais” dos vigueses.

Segundo explicou o portavoz, Xabier Pérez Iglesias, na súa intervención, ese crédito adicional destinaríase a implementar un plan de investimentos en barrios e parroquias (12,5 millóns), a duplicar a partida do Plan de Emprego Municipal (con 1,2 millóns), a axudas sociais extraordinarias (6 millóns), a un plan municipal de aluguer (2,25 millóns), a financiar os billetes de bus a parados, persoas vulnerables e menores de 14 anos (un millón) e a “cumprir a promesa de Abel Caballero” de construír o chamado ‘Anel verde’ nos montes de Vigo.

A proposta do BNG foi rexeitada polo goberno, que a cualificou como “utópica e irreal” e afeou que os nacionalistas pretenden que Vigo “asuma competencias da Xunta”.

Finalmente, a modificación de crédito recibiu luz verde do pleno, co voto favorable da maioría socialista, a abstención dos edís do PP e o voto contrario do BNG.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...