InicioPolíticaA concelleira de Urbanismo afea a "actitude" da Xunta a catro días...

A concelleira de Urbanismo afea a “actitude” da Xunta a catro días da reunión de Rueda e Caballero

Segundo subliñou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, "a única responsable" de que non poida desenvolverse Navia "é a Xunta", xa que "non hai nin un só trámite pendente do Concello.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo afeou este venres “o fondo e as formas” das declaracións da delegada da Xunta, Ana Ortiz, sobre os temas que Rueda exporá na reunión con Abel Caballero do próximo martes, e reclamou “que cambie de actitude” e que acuda ao encontro “coa mellor predisposición de acordar e colaborar”.

Así o trasladou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que se referiu ás cuestións avanzadas por Ana Ortiz e que a Xunta porá sobre a mesa na reunión do martes (desbloqueo da ETEA, reforma das pistas de Balaídos, saneamento de Teis, etc.). Segundo Caride, a Xunta “teno fácil” se quere que se desbloqueen esas actuacións, e o que debe facer é “porse as pilas e facer o seu traballo”.

No caso da ETEA, sinalou que o Concello “segue á espera” de que a Xunta lle envíe o proxecto e os recursos económicos para que sexa a administración municipal a que execute a obra de urbanización; e no saneamento de Teis, asegurou que o Concello segue esperando unha resposta á súa proposta de “facer un gran investimento” de 3 millóns, cofinanciado a partes iguais entre Xunta, Vigo e fondos europeos.

Con respecto ás pistas de atletismo de Balaídos, María José Caride apuntou que o goberno vigués “segue esperando que a Xunta entenda que son (unhas instalacións) supramunicipais” e que debe comprometerse a financiar “integramente” a súa mellora. Por outra banda, a concelleira referiuse tamén á construción de 1.600 vivendas en Navia e a urbanización da ampliación deste barrio, a pesar de que Ana Ortiz non mencionou nada respecto diso.

Caride subliñou que “a única responsable” de que non poida desenvolverse Navia “é a Xunta”, xa que “non hai nin un só trámite pendente do Concello. “Se de algo é responsable o Concello é de colaborar, para emendar problemas que non foron capaces de resolver”, proclamou. A edila socialista insistiu en que o alcalde acudirá á reunión do martes “coa mellor predisposición de colaborar e acordar” e pediu á Xunta a mesma actitude, que “abandone os malos tratos á cidade” e que se abra a “unha nova etapa de colaboración”.

Con todo, matizou, as declaracións realizadas nas últimas horas (en alusión á rolda de prensa de Ana Ortiz) “tanto na forma como no fondo, non parecen unha boa noticia na procura de negociación”. “Espero que de aquí á próxima semana a Xunta cambie de actitude e chegue con mellor predisposición de acordar e colaborar coa cidade”, sentenciou.

ÚLTIMAS

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...

Un xulgado de Vigo falla contra a Sareb e permite a un veciño de Privada Moderna quedar no seu piso

A praza 7 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo fallou en...