A expresidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, abandonou este luns o pleno municipal durante a moción proposta polo PP sobre a súa “rabecha” polo edificio do ente provincial na cidade, despois de que a Concellaría da propia Silva decidise restrinxir o convenio de cesión deste inmoble.
En concreto, o edificio, de titularidade municipal, foi cedido á Deputación durante o mandato de Carmela Silva ata 2029. Con todo, agora que os socialistas perderon o organismo provincial, o Concello reclama parte do mesmo. Por iso, desde o PP presentaron unha moción no pleno de Vigo reprobando a actuación de Silva e dos deputados socialistas, criticando a “rabecha” e o uso das institucións como un “casarío”.
Foi a portavoz local do PP, Marta Fernández-Tapias, a encargada de defender esta iniciativa, lamentando as intencións de Silva e ironizando con que aos socialistas esquecéuselles incluír no convenio de cesión unha cláusula na que se especificase que o documento deixaría de ter validez se o PSOE perdía a Deputación.
“Non sabe levar que perdeu a Deputación. A escusa de querer apostar pola cultura por parte do goberno local dáme ata risa”, engadiu Fernández-Tapias en relación a Silva. A portavoz do PP subliñou a importancia de que a Deputación teña sede en Vigo para atender aos cidadáns e criticou que Silva abandonase a sala no momento desta moción para así “non dar explicacións”.
Desde o BNG, Xabier Iglesias asegurou que o edificio foi no seu momento un “capricho” de Carmela Silva, polo que o Bloque sempre defendeu un uso cultural do mesmo.
Durante o pleno, do cal tamén se ausentou o alcalde, Abel Caballero, desde o PSOE recriminaron os “malos” resultados do PP en Vigo e aseguraron que o que pretende Fernández-Tapias é ter un despacho mellor ao quedar co edificio da Deputación, xa que ela é tamén vicepresidenta do ente provincial.
“Para rabecha e derrota a súa (por Fernández-Tapias), que tivo o peor resultado electoral de todas as cidades de Galicia. O terceiro peor resutlado dos 61 concellos de Pontevedra”, indicou Yolanda Aguilar.
Ela dixo que aos vigueses non lles importa o despacho de Tapias, senón que os cidadáns están preocupados por saber que vai facer o PP desde a Deputación en Vigo. “Saber se van romper con todo o feito na pasada lexislatura desde a Deputación, se van manter o investimento na reforma do estadio de Balaídos, no aeroporto de Vigo”, engadiu.
Tapias respondeu que non ten necesidade algunha dun novo despacho e insistiu en que é un “erro” esta decisión do Concello. A pesar de todo, a moción non saíu adiante, xa que foi rexeitada tanto polo PSOE como polo Bloque.