InicioPolíticaFernández-Tapias ve a Caballero angustiado por perder 20.000 votos

Fernández-Tapias ve a Caballero angustiado por perder 20.000 votos

A candidata 'popular' lembrou que Abel Caballero perdeu un 20 % dos apoios cultivados hai 4 anos, cando os electores lle outorgaron 20 concelleiros e un 67,6 % dos sufraxios.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A candidata á Alcaldía de Vigo e presidenta do PP local, Marta Fernández Tapias atribuíu o “ataque sen sentido” do alcalde en funcións e candidato socialista, Abel Caballero, ao PP e a ela mesma á “angustia” que xerou no rexedor a perda de 20.000 votos o pasado domingo, e a perda de influencia en institucións como Deputación ou FEMP, e “en dous meses, na Zona Franca”.

Nunhas declaracións remitidas aos medios, Fernández-Tapias sinalou que ese “ataque gratuíto” ten “dúas lecturas”. Por unha banda, “queda patente a arrogancia que lle impide detectar o punto de inflexión rexistrado nestas eleccións” e, por outro, “denota claramente os seus nervios polas presións internas” no seu partido tras a perda de apoio electoral, e tras “perder a Deputación de Pontevedra, a presidencia da FEMP e probablemente estea a piques de perder a Zona Franca”.

A candidata ‘popular’ lembrou que Abel Caballero perdeu un 20 % dos apoios cultivados hai 4 anos, cando os electores lle outorgaron 20 concelleiros e un 67,6 % dos sufraxios (este domingo obtivo o 62,7 % e 19 edís) e “isto marca claramente un cambio de ciclo”, e que os socialistas tamén se quedaron sen maioría na Deputación grazas ao “esforzo” do PP para recuperar tres deputados.

“E aínda por riba xa non presidirá a FEMP, xa non será o alcalde de todos os alcaldes, como lle gustaba presumir, e acabáronse os seus paseos por Madrid para facerse fotos que non tiñan ningún rédito para os seus cidadáns”, proclamou Fernández-Tapias, que engadiu: “Tampouco será o alcalde máis votado de España, nin de Europa nin do mundo, e estou segura de que iso lle produce unha verdadeira angustia”.

A candidata do PP insistiu en que Caballero está a ser “presionado” polo seu propio partido pola “perda de peso específico” nas institucións e porque os socialistas “non esquecen” que o alcalde olívico en funcións fixo campaña en lugares como Mos, O Porriño, Cangas ou Redondela, onde o PSOE perdeu forza fronte ao crecemento do PP.

Finalmente, apuntou que os socialistas “perderán en dous meses a Zona Franca”, como consecuencia dunhas eleccións xerais convocadas “precisamente polo retroceso do PSOE en toda España, en Galicia, en Pontevedra e tamén en Vigo”. “Os números están aí (…), empeza o principio do fin”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Vigo aproba a taxa turística: custará entre 0,80 e 2 euros por noite segundo o aloxamento

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este venres o proxecto...

En liberdade provisional os tres detidos na operación antidroga de Vigo

O tribunal de instancia de Vigo, sección de Instrución, praza 4, decretou a posta...

Vigo reforza o servizo de extinción de incendios coa incorporación de 30 novos bombeiros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este venres o nomeamento...

Belén Rubio coloca o campus de Pontevedra no centro do seu proxecto para liderar a UVigo

A candidata á reitoría da Universidade de Vigo pola agrupación H2040, Belén Rubio, situou...