Inicio Blog Páxina 519

A Guarda será escenario para a proxección da película de animación ‘Valentina’

0

O concello pontevedrés da Guarda acollerá este sábado a proxección da película de animación ‘Valentina’ no marco da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo.

Así, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, o obxectivo é achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

Desta forma, o salón de actos do Centro Cultura acollerá ás 20,30 horas o pase de ‘Valentina’, dirixida por Chelo Loureiro e finalista dos Mestre Mateo na categoría de películas de animación.

A película mostra a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down.

O Comité de Empresa de Vitrasa denuncia a apertura de expedientes sancionadores polas convocatorias de folga

O Comité de Empresa de Vitrasa denunciou “represión sindical” coa apertura de expedientes sancionadores relacionados coas xornadas de folga convocadas durante o Marisquiño.

Tal e como explicaron nun comunicado, censuran que a dirección “fai trampas” cos servizos mínimos, “tal e cmo constatan as sancións impostas pola Inspección de Traballo”. Lembran que o decreto de servizos mínimos publicado polo Concello para as xornadas de folga dos pasados días 12 e 13 de agosto establecía a saída dun único vehículo na liña de noite, pero a empresa “pretendía pór en circulación catro autobuses”.

Por iso, algúns membros do comité e varios traballadores “impediron de forma totalmente pacífica e en presenza da propia policía a saída de tres vehículos que non constataban no decreto”.

Por mor disto, denuncian, as persoas presentes nese momento comezaron a recibir notificación de apertura de expedientes sancionadores que poden supor suspensión de emprego e soldo ata o despedimento.

Arde unha vivenda no Concello de Pazos de Borbén sen danos persoais

0

Unha casa ardeu por completo no lugar de Carballiño, no concello pontevedrés de Pazos de Borbén, e non causou danos persoais.

Segundo informou o 112, o incendio produciuse ao fío das 12,00 horas e foi un veciño o que deu a voz de alarma ao ver o intenso fume que saía pola porta e polo tellado da casa.

Así, o particular indicou que non había persoas no interior do inmoble e alertou do inminente risco de propagación das chamas para a edificación de á beira, que almacenaba un depósito de combustible.

A central de emerxencias solicitou a intervención dos bombeiros do Porriño e dos membros do GES de Mos. Ademais, alertaron aos efectivos dos parques de Vigo, Pontevedra e Morrazo, por se fose necesaria a súa colaboración. Ata o lugar desprazáronse os axentes forestais da zona co apoio dunha ama de cría.

Os equipos de extinción mantivéronse traballando no punto en tarefas de arrefriado da casa afectada. O lume xa estaba apagado pero a elevada carga térmica obrigou ao servizo de emerxencia a seguir no lugar.

Con todo, ao finalizar a intervención os membros do GES de Mos indicaron á central de emerxencias que un can perdeu a vida a consecuencia do incendio.

Detidos un home e unha muller por subtraer un bolso dun camión e retirar 600 euros co cartón da vítima

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 41 anos de idade, M.A.D.S.F., e unha muller de 34 anos, M.J.T.M., como presuntos autores dun delito de furto e outro de estafa, por haber supostamente subtraído un bolso do interior dun camión e usar un cartón bancario do prexudicado para retirar 600 euros.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da mañá do xoves, cando a vítima, camioneiro, estaba a realizar labores de descarga nun supermercado da Travesía de Vigo. O home deixara pechada a porta do vehículo, pero o portelo tiña unha físgoa aberta e, sobre o asento, tiña un bolso coas súas pertenzas, documentación, chaves e uns 50 euros.

Ao volver ao camión, a vítima decatouse de que lle faltaba o bolso e atribuíu o furto a un home e a unha muller que vira merodeando preto do vehículo, e dos que achegou descrición física. Unha dotación policial localizou unhas horas máis tarde a un home e unha muller nun coche estacionado na rúa Coutadas, cuxo aspecto coincidía coa descrición dos sospeitosos. Os axentes rexistraron o interior do coche e atoparon, baixo o asento do acompañante, o bolso que lle foi subtraído ao camioneiro, recuperando os efectos roubados.

Cando informaron á vítima, este confirmoulles que, desde que se levaron o seu bolso ata o momento, fóranlle retirados da súa conta bancaria 600 euros. Ademais, no interior do vehículo rexistrado, os policías tamén atoparon outros obxectos de dubidosa procedencia, como ferramentas, bolsos ou mochilas, así como unha machada de grandes dimensións.

Por todo iso, procedeuse á detención de ambos, polos supostos delitos de furto e estafa (ao retirar tal cantidade de diñeiro da conta do prexudicado). Tamén se tramitaron dilixencias por infracción da lei de seguridade cidadá, debido á posesión da machada, que lles foi intervida pola Policía.

Catro persoas mortas, un ferido crítico e unha nena trasladada a Coruña logo do incendio de Vigo

0

Tres menores de idade e un adulto, todos eles familia, morreron, e oito persoas resultaron feridas e foron trasladadas a diversos centros hospitalarios por un incendio nun edificio en Vigo, na rúa Alfonso X o Sabio. Segundo comunicou á primeira hora deste mércores o 112 Galicia, están a traballar no lugar Emerxencia Sanitaria de Galicia-061, os Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Tamén se informou aos psicólogos do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, especializado en emerxencias graves.

Un total de oito persoas continúan hospitalizadas, pero o estado dun dos feridos é moi grave e unha nena de oito anos de idade, a cuarta filla da mesma familia falecida, tivo que ser trasladada á unidade de queimados do hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña. Segundo a última actualización do estado dos feridos facilitada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), unha das tres persoas que estaban ingresadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xa foi dada de alta, polo que continúan ingresadas outras dúas persoas, á parte da nena de 8 anos que foi trasladada á Coruña. Nun primeiro momento, esta pequena fora atendida en Povisa e logo derivada en estado grave á UCI do Álvaro Cunqueiro.

Pola súa banda, no hospital Povisa permanecen un total de cinco persoas na Unidade de Coidados Intensivos, unha delas moi grave, mentres que dúas persoas que foran atendidas alí xa recibiron o alta. No lugar do incendio, un edificio da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, foron atendidas sete persoas, unha das cales solicitou a alta voluntaria.

LUME

O incendio produciuse sobre as 4,00 horas desta madrugada, e o 112 alertou a Urexencias Sanitarias-061, Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Tamén foron mobilizados psicólogos do GIPCE, Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias. Fontes policiais confirmaron que os falecidos son unha muller e tres menores, e algúns veciños apuntaron que se trata dunha nai e tres dos seus fillos.

Ata o lugar tamén se desprazaron o alcalde, Abel Caballero, e os concelleiros Patricia Rodríguez (delegada da área de Seguridade) e Carlos López Font. A media mañá, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou a zona. A concelleira de Seguridade confirmou que os bombeiros recibiron o aviso do 112 de madrugada e que deseguido se trasladaron ao lugar. Así mesmo lamentou as vítimas mortais e confirmou que se trata de persoas “novas”, tres deles menores de idade.

A concelleira delegada da área de Seguridade, Patricia Rodríguez, lamentou as vítimas mortais e confirmou que son catro “mozos”, tres deles menores de idade. Indicou que ao redor de dez persoas foron trasladadas a centros sanitarios por inhalación de fumes e outros danos persoais. Ao resto de persoas afectadas polo incendio atendeullas desde os servizos sociais e de emerxencias, búscaselles un reacollo e recibirán atención durante o día.

En declaracións aos medios, explicou que o 112 recibiu sobre as 04.00 horas o aviso dun incendio no acceso ao edificio, no que había preto de 30 persoas dentro. Sinalou que aos cinco minutos do aviso os Bombeiros xa estaban a traballar para sufocar o lume, que puideron controlar “dunha forma efectiva e o máis axiña posible”.

Preguntada se o lume podería ser intencionado, Rodríguez pediu deixar traballar aos investigadores. “É verdade que son situacións nas que naturalmente nos pomos moi nerviosos, buscamos culpables e é humano que os familiares e os amigos e a xente máis próxima estea inquieta e pense ese tipo de cuestións, pero o mellor é deixar traballar aos profesionais”, subliñou. A concelleira delegada de Seguridade confiou en que a media mañá haxa máis datos oficiais sobre as vítimas e a investigación.

XEFE DE BOMBEIROS: “ESTE ERA UN DOS INMOBLES QUE NOS PREOCUPABAN”

O sarxento xefe do Parque de Bombeiros de Vigo, José Villar, confirmou que o incendio iniciouse na planta baixa do inmoble, nas inmediacións do vestíbulo. Así o sinalou ante os medios de comunicación ao asistir á zona dos feitos para axudar aos veciños afectados a recoller as súas pertenzas. O bombeiro subliñou que foi ás 04.03 horas da madrugada cando os efectivos recibiron a chamada de alerta. “E ás 04.09 horas estabamos aquí desde a outra punta da cidade”, reivindicou, subliñando que se trata duns tempos “máis que aceptables”.

Con todo, tal como dixo, o problema radicaba no propio edificio, que xa era coñecido polos bombeiros, polo que prevían un rescate “complicado”. A pesar de recoñecer que o incendio “non foi complicado de apagar”, a preocupación centrábase en salvar aos veciños. Neste sentido, Villar explicou que se trataba dun bloque “sen ningún tipo de sistema contra incendios” e que estaba ocupado por moitas familias con nenos. “Coñeciamos as vivendas. Isto facíanos prever un rescate complicado”, indicou, engadindo que esta situación provocou que se xestionase a saída dos 15 efectivos que, segundo dixo, había nese momento na cidade dispoñibles.

“Os que coñecemos a cidade e traballamos nela temos apuntados unha serie de inmobles que nos preocupan. Como profesional, este era un dos que nos preocupaba”, recoñeceu, apuntando sobre todo ao “horario nocturno”, cando o edificio estaba “a lume de biqueira”. Tras informar de que o lume se iniciou no vestíbulo, onde había unha moto, bicicletas e enseries varios, Villar non quixo entrar a valorar se se tratou dun incendio intencionado, indicando que terá que ser a Policía Científica a que investigue o caso.

Preguntado sobre onde foron atopados os cadáveres das vítimas, Villar informou de que foron achados á beira da porta dunha vivenda do cuarto piso, do mesmo xeito que dous dos rescatados con vida. Precisamente esta tarde varios dos sobreviventes ao incendio acudiron a recoller pertenzas ao edificio, axudados dos bombeiros. Villar explicou que o protocolo así o indica, pese a que tras a intervención foron asegurados os elementos estruturais que se puidesen caer, como cables de corrente ou a auga, para evitar danos ás persoas que accedan ao inmoble.

EDIFICIO CON INDIXENTES

O lume produciuse nun coñecido edificio que está ocupado dende hai unha década por indixentes e xente sen recursos, non exento de polémica pola mala convicencia có vencindario. Os veciños levan anos denunciando o que é un centro de menudeo de droga e onde se producen constantes incidentes de violencia como pelexas e ameazas con arma branca.

De feito ese non sería o primeiro lume producido no edificio. Fai uns días, un dos ocupantes deste edificio provocou de xeito intencionado outro lume na planta baixa, motivo polo que foi desaloxado tamén o edificio. O Concello de Vigo, pola súa banda, confirmou que os propietarios do inmoble comunicaron á administración local a súa intención de acudir á vía xudicial para recuperar a posesión do mesmo, xa que estaba ‘okupado’. O alcalde, Abel Caballero, informou de que decretou tres días de loito oficial pola traxedia.

Abel Caballero critica a Rueda por “caer na conta agora” do PERTE en Stellantis

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reaccionou á reunión que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo este martes co ministro de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Héctor Gómez, criticando que o líder autonómico “caia na conta agora” de que Stellantis entrará nas axudas do próximo proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica do vehículo eléctrico e conectado (Perte VEC).

Nun audio difundido aos medios de comunicación, o rexedor olívico reivindicou que el leva seis meses asegurando que a factoría automobilística viguesa terá financiamento do Perte, mentres que Rueda “caia na conta hoxe”, tras seis meses “mentindo”, dicindo “que non había Perte e que o Goberno non atendía a Stellantis”.

“Non vai asumir ningunha responsabilidade política? Non vai pedir perdón?”, engadiu Caballero, acusando o presidente autonómico de utilizar este argumento como “ataque” ao Goberno central e ao de Vigo. “Mente continuamente”, sentenciou Caballero, indicado que Roda é un “presidente irresponsable”.

Todo iso despois de que Ruea e Gómez mantivesen este martes un encontro en Madrid, onde o ministro lle trasladou ao presidente galego que as perspectivas “son boas” para que Stellantis poida beneficiarse da convocatoria do próximo Perte.

“Ten que haber a resolución, pero o traballo previo que se veu desenvolvendo, o ministerio, a propia Stellantis, a información que se nos forneceu, móvenos ao optimismo; é fundamental que unha fábrica tan importante siga (…) abrindo novas vías de produto”, proclamou Rueda.

Conxemar pecha unha nova edición cun 5 % máis de visitantes e a ampliación do Ifevi como demanda central

O presidente da Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), Eloy García, fixo o primeiro balance da 24ª edición da Feira dos Produtos do Mar Conxelados na xornada de peche no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), tras tres intensas xornadas de evento.

Ante os medios de comunicación, García reivindicou o “éxito” da feira, que este ano aumentou o número de visitantes entre un 3 % e un 5 %, segundo os primeiros cálculos da organización. Tras insistir na importancia do evento, que ocupou “por completo” todo o espazo dispoñible no Ifevi, despois de aumentar un 13 % as empresas expositoras, ata case 770, García volveu a pedir unha ampliación do recinto feiral, ademais dunha mellora das instalacións.

Neste sentido, asegurou que hai unha “inaceptable” lista de espera de interesados en asistir á feira, que ocuparían máis de 5.000 metros cadrados de exposición. “Isto supón que eses que queren expor aquí buscan outros sitios e despois é difícil recuperalos”, criticou. Tamén pediu aos responsables do Ifevi que melloren as instalacións, centrándose nos aparcadoiros, que nesta edición Conxemar chegou a un acordo co parking do aeroporto de Vigo, “pagando Conxemar”.

Fontes da feira confirmaron que Conxemar recibiu un total de 26.736 visitantes (un 3 % máis) procedentes de 110 países. Ademais de España, os principais países en achegar visitantes foron Portugal, Italia, Francia, Arxentina e Marrocos. O evento reuniu a institucións e provedores procedentes de 45 países con Tanzania, Uganda, Kenia e Emiratos Árabes Unidos como novas incorporacións; e Mauritania, Turquía, Grecia e Países Baixos como asistentes, por primeira vez, con pavillón de país. A Feira Conxemar regresará de novo ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) os días 1, 2 e 3 de outubro de 2024, unha edición con especial relevancia, xa que se cumprirá o seu 25 aniversario.

MINISTRO SÓ DE PESCA

Por outra banda, preguntado polas palabras do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, que visitou Conxemar este mércores e asegurou que o problema do sector é a necesidade de que aumente o consumo do peixe, e non unha baixada do IVE ao peixe como pide a industria, o presidente de Conxemar solicitou ao Goberno “un ministro de Pesca”.

“Non pode ser que en Conxemar esteamos a escoitar a problemática do aceite de oliva. A pesca merece a consideración que ten que ter”, subliñou o presidente da organización, indicando que Planas “é un gran ministro e oxalá fose soamente de Pesca”. Por iso, non entrou a valorar as palabras de Planas sobre a rebaixa do IVE, xa que “a el non lle corresponde” porque iso é traballo do Ministerio de Facenda, segundo García.

Nueva Pescanova presenta a afectados polo ERE un plan social cun compromiso de recolocación do 90%

A multinacional galega Nueva Pescanova presentou aos afectados polo expediente de regulación de emprego (ERE) un plan de acompañamento social a través da empresa LHH, onde asumiría o compromiso de recolocar ao 90% do persoal saínte.

Así o expuxo esta semana durante as reunións de negociación que a dirección da compañía mantivo cos sindicatos, segundo informou Comisións Obreiras (CC.OO.) Industria.

En concreto, as opcións que expón a empresa, segundo explica o sindicato, varían en función da idade dos traballadores despedidos. Para as persoas de entre 60 e 63 anos, garantiráselles o 65% do salario fixo bruto anual ata os 64 anos. A esta compensación incluiríaselle o convenio especial coa Seguridade Social para manter a cotización naqueles casos que o necesiten, marcando o tope mínimo dunha anualidade e cun tope máximo de 180.000 euros.

De 63 anos en diante, Nuevava Pescanova mantén a súa oferta de 20 días por ano, cun tope de 12 meses. Para os menores de 60, a empresa pasa de 20 a 25 días por ano traballado, cun máximo de 15 mensualidades.

OFERTA “INSUFICIENTE”

A maiores, a firma ofrece o plan de acompañamento social, onde asumen o compromiso de recolocación do 90% do persoal afectado. Para CC.OO., a parte empresarial avanzou “minimamente” nas condicións dos despedimentos, cunha oferta “claramente insuficiente” e “moi lonxe de calquera acordo”. “Estamos convencidos de que a presión social está a dar resultado e estase forzando a Nova Pescanova a ter que pór sobre a mesa mellores condicións”, subliñou CC.OO.

Por iso, o comité de empresa acordou co persoal levar a cabo unha manifestación desde a sede central de Abanca ata a Delegación da Xunta en Vigo o próximo 19 de outubro, aínda que a negociación do ERE continuará o martes 17 ás 17,00 horas no Hotel Coia.

O xefe de servizo do centro de saúde de Cangas falece depois de precipitarse dunha montaña en Palencia

0

O xefe de servizo do centro de saúde de Cangas do Morrazo, Benigno Villoch, faleceu este sábado tras precipitarse desde unha altura duns 100/200 metros no Pico Espigüete, en Palencia, a cima máis característica da montaña palentina.

Os feitos producíronse sobre as 14,06 horas deste sábado, momento no que a sala de operacións do Centro de Emerxencias 112 de Castela e León recibiu unha chamada que alertaba dun incidente no mencionado pico e solicitaba asistencia para un home ferido tras precipitarse desde unha gran altura.

Con esta información, o Centro de Emerxencias deu aviso deste incidente ao Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña (GREIM) da Garda Civil, que acudiu ao lugar dos feitos para proceder ao rescate do home, segundo informaron fontes do 112 a Europa Press.

Este domingo, a xerencia, o equipo directivo e a profesionais da área sanitaria de Vigo manifestaron a súa “profunda dor pola perda en tan tráxicas circunstancias” do seu compañeiro e amigo Benigno Villoch, así como enviaron as súas condolencias aos seus familiares e amigos.

Ademais, fontes da Consellería de Sanidade manifestaron que o titular do departamento autonómico, Xullo García Comesaña, telefonou á familia ao coñecer o seu falecemento para trasladarse o pésame persoal e de toda a Consellería e ofreceu a súa axuda, se fose necesario.

Piden 11 anos de cárcere para unha traballadora social por abuso sexual a unha nena dentro dun centro de menores

0

A Fiscalía de Pontevedra solicita 11 anos de prisión para unha muller acusada dun delito continuado de abuso sexual a unha menor de 13 anos que coñeceu exercendo o seu labor como traballadora social nun centro de menores no que vivía a vítima.

Os feitos proceden do xulgado de instrución número 2 de Redondela e serán xulgados este martes e mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. A vista xa fora sinalada para o mes de marzo deste ano, pero foi suspendida naquela ocasión debido á folga de letrados.

Segundo o escrito de cualificación fiscal, a acusada mantivo unha relación sentimental “tendo relacións sexuais completas” cunha menor de 13 anos que coñecera na súa condición de traballadora social nun centro de menores onde traballou.

Por resolución de data 30 de xaneiro de 2020 acordouse unha orde de protección que prohibía á acusada achegarse a menos de 100 metros da menor e de comunicarse con ela por calquera medio, que continua en vigor.

O Ministerio Público solicita para a acusada a prohibición de comunicarse coa vítima ou aproximarse a ela, ao seu domicilio, lugar de traballo, centro de estudos e calquera lugar no que esta se atope a menos de 100 metros por un tempo de 15 anos.

Tamén a súa inhabilitación para o exercicio de calquera profesión ou oficio que implique relación ou contacto con menores de idade por tempo de 16 anos ou, no seu caso, durante cinco anos máis que a pena privativa de liberdade que resulte imposta. Como responsabilidade civil, pídelle unha indemnización de 5.000 euros, ademais de 11 anos de prisión.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed