Inicio Blog Páxina 2214

O BNG acusa ao Estado español de incumprir a normativa sobre enaltecemento do terrorismo cos rapeiros vigueses “La Insurgencia”

O BNG denunciou no Parlamento represión da liberdade de expresión por parte do Estado español amparándose na Lei mordaza, que propón penas de prisión para as persoas que “ben polas redes, ben a través de diferentes expresións artísticas manteñen unha posición crítica ou provocadora contra o status quo, como por exemplo o rapeiro Valtonyc ou o grupo de rapeiros de Vigo La Insurgencia”, denuncian.

“Pode gustarnos ou non o que din, e no meu caso confeso que non me gustan nin musicalmente nin o seu estilo, pero defendo e defenderei o dereito a expresarse, a crear, á subversión, á sátira e á ironía”, argumentou a deputada Noa Presas durante o debate en comisión dunha iniciativa do BNG en relación coas liberdades individuais, tras a condena a dous anos de cárcere para os rapeiros do grupo vigués.

“Non son os primeiros nin serán os últimos, son un exemplo que pon cara ao retroceso democrático”, indicou Presas, tras citar algunhas das declaración destes rapeiros galegos “para darlles voz neste Parlamento: “Claro que rapeamos con rabia, e temos rancor aos que nos roubaron o futuro”, ou “en calquera barrio obreiro estase vendo a absoluta miseria, como as pensións dos avós ou os traballos precarios”, din.

“Agora estes rapaces teñen a vida esnaquizada, perderon os seus traballos, os seus estudos e están na picota”, sintentizou Presas, tras ser sentenciados a dous anos de prisión, 4.800 € de multa e oito anos de inhabilitación para exercer cargo público, “para uns rapaces que non ameazaron ninguén, non empregaron violencia física contra ninguén, nin instigaron a ninguén á violencia”.

“A irreverencia e a sátira na música e na poesía son unha constante en calquera época, son unha constante en calquera arte, e deben ser parte da expresión das persoas nunha sociedade intelectualmente rica e formada”, insistiu, tras criticar esta utilización do código penal para impedir a liberdade de expresión, cuxos límites non ve quebrantados neste caso.

Polo tanto, para o BNG, o Estado español incumpre a directiva europea sobre delito de enaltecemento de terrorismo, que establece que para consideralo tal “ten que haber risco certo e concreto para a convivencia pacífica, mentres que a sentenza a este grupo vigués refírese a un risco abstracto, ten que haber un contexto de violencia xeneralizada que por fortuna non existe nin en Galiza, nin no Estado, nin en Europa”, indicou Presas.

Para a deputada nacionalista, “terrorismo é o sionismo matando palestinos co silencio cómplice de Estados aliados como o español, non un grupo de rapeiros, e incitación ao odio é un profesor da universidade amparado violacións grupais probadas, non alumnas protestando nunha reunión da USC pero coa súa Lei mordaza do PP na man corren máis perigo elas”.

Por iso, o BNG demanda do Goberno galego “que se posicione en contra desta escalada delirante de represión”, concluíu, “queremos unha Galiza que sexa vangarda no mundo na defensa de dereitos avanzados, e o PP lévanos na dirección contraria”.

A área de Vigo baixa da barreira psicolóxica dos 1.000 contaxiados

0

Os datos de evolución da covid publicados este sábado pola Consellería de Sanidade reflicten que algúns indicadores repuntan, aínda que en termos xerais sinalan cara á estabilización. As infeccións activas baixan da barreira dos 7.000, tras negativizarse 545 casos, e a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) excede lixeiramente o límite do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Ademais, os contaxios volven superar lixeiramente os 300 casos, pero a presión hospitalaria estabilízase e rexistra unicamente un novo paciente en UCI, co que son 154 os hospitalizados en planta e 48 en críticos nos hospitais galegos. Así, segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 69 novos casos na área de Vigo pero  baixa por primeira vez dos 1.000 casos activos, con 999, tras recibir o alta 127 persoas.

PRESIÓN HOSPITALARIA

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 48 pacientes en UCI (un máis nas últimas 24 horas) e 154 hospitalizados en unidades convencionais (sen cambios).

Por áreas, a carga asistencial se estanca en parte das zonas sanitarias, pero as áreas de Lugo e Vigo rexistran un leve incremento na súa carga asistencial. Así, na viguesa hai 25 persoas ingresadas en unidades convencionais (dúas máis) e 11 en críticos (dous máis).

Liberdade sen fianza para o presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, a súa esposa e a súa filla

O Xulgado de Instrución 2 de Vigo decretou a liberdade sen fianza do presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, Carlos F.G., a súa muller e a súa filla, que se atopaban en prisión por presuntas irregularidades na xestión do organismo.

Segundo confirmaron fontes xudiciais, como medida cautelar, impúxose a prohibición de aproximarse ao Colexio de Enfermaría de Pontevedra aos tres únicos investigados para os que se decretou prisión provisional.

No marco deste procedemento tamén se investiga a tesoureira e o exasesor xurídico da entidade e tres persoas que farían o papel de homes de palla do presidente, figurando á fronte de varias empresas.

En concreto, a investigación iniciouse tras a denuncia do secretario do Colexio, José Faustino Portela, e destapou supostas irregularidades na xestión das cotas que cobraba o organismo aos colexiados.

De feito, o Colexio foi condenado en dúas ocasións pola falta de pagamento da porcentaxe correspondente desas cotas ao Consello Xeral de Enfermaría de España. Ademais desa situación, tamén se investigan supostas irregularidades vinculadas co pago de servizos a empresas ‘pantasma’, tras as cales estarían o presidente do organismo e os seus familiares.

O pasado mes de abril, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou o recurso interposto por Carlos F.G., a súa muller e a súa filla contra o auto que determinou o seu ingreso en prisión debido ao risco de que puidesen influír en testemuñas que aínda non prestaran declaración.

Posteriormente, en maio, o Xulgado de Instrución 2 de Vigo rexeitou a solicitude de liberdade da defensa deste tres investigados ao considerar que debían permanecer en prisión para preservar as probas testificais e evitar a súa interferencia no proceso. Finalmente, acordou a súa posta en liberdade sen fianza.

Os afectados pola explosión convocan unha manifestación por atrasos nas axudas e para que sexan incrementadas

0

A plataforma de afectados pola explosión pirotécnica ocorrida o mércores 23 de maio en Paramos, Tui, denunciou que “se está atrasando todo” o relativo ás axudas que precisan, polo que solicitou permiso para convocar unha manifestación este sábado na localidade e unha delegación do colectivo acudirá este mércores pola tarde ao Parlamento de Galicia.

Así o comunicaron os veciños na súa primeira rolda de prensa como colectivo, na que esixiron “que se axilice” a tramitación das axudas; que se engadan máis subvencións (que inclúan vehículos e o rebo) e se incrementen as contías; que se lles facilite atención psicolóxica mantida no tempo; e “que todas as administracións se impliquen ao mesmo nivel”.

Tamén pediron axilidade ás aseguradoras e puxeron o foco de atención nas dificultades para reacoller aos afectados: “Estamos a meternos onde podemos”. Neste marco, un dos veciños resumiu que o ocorrido en Paramos “foi un feito excepcional e necesitamos medidas excepcionais, de urxencia, e punto”.

 

A Xunta critica que as taxas da auga en Vigo se cobren con “absoluta independencia do consumo”

A Xunta criticou que as taxas municipais da auga en Vigo cóbrense con “absoluta independencia do consumo”, mentres o canon autonómico aplícase sobre o gasto “real”.

Así se pronunciaron fontes do Goberno galego despois de que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurase que o recibo da auga na cidade “se encarece pola Xunta e o seu ‘imposto'”, en alusión ao canon que cobra a administración autonómica, segundo o rexedor, “a cambio de nada”.

Pola súa banda, fontes do Executivo autonómico remarcaron que o alcalde “mente cando acusa á Xunta de encarecer a auga de Vigo”, xa que o canon “representa aproximadamente o 13% do importe do recibo, fronte ao 31% do abastecemento ou ao 33% do saneamento, ambas as taxas municipais”.

Por iso, a Xunta afirmou que o rexedor “debe dar a cara” e explicar “o atropelo da nova prórroga de contrato” e “o destino da recadación municipal pola auga”. De feito, recalcou que as tarifas de abastecemento aprobadas de modo inicial levarían que o Concello “cobraría un 26% máis cara a auga que A Coruña, por exemplo, pola tarifa municipal”.

Tras lamentar que a Administración local “recade 40 millóns de euros ao ano a través dos recibos da auga e non invista no sistema”, o Goberno galego subliñou que “dedica importantes investimentos a apoiar a este municipio nas súas competencias locais de saneamento e abastecemento”.

INVESTIMENTO DA XUNTA

A este respecto, precisou que a Xunta achegou 100 millóns de euros á nova depuradora de Lagares e traballa para investir 1 millón no saneamento de Teis e, “se o Concello non o impide”, máis de 6 millóns para previr as inundacións do Lagares. Tamén lembrou que, xunto á Administración local e o Goberno central, financia o estudo para buscar unha solución que garanta o abastecemento de auga a Vigo e a súa área.

Así mesmo, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo recalcou que o seu investimento en relación á auga en vigo supera en gran medida a recadación do canon. Tamén criticou que, aínda que a recadación do Concello é “moi superior”, “non se coñecen investimentos municipais na última década en mellorar un sistema de abastecemento deficiente”. “É moi coñecido o problema da ETAP de Ou Casal desde hai anos e o Concello non investiu nin un duro do recadado en solucionalo”, denunciou.

Adicionalmente, a Xunta explicou que o canon da auga representa unha taxa ambiental que grava o consumo “de acordo coa lexislación autonómica, estatal e europea” segundo “o principio de que quen contamina paga”. Así, concretou que o Goberno galego pode financiar obras como a do saneamento de Teis, así como a prevención de inundacións no Lagares e traballos de conservación en tramos interurbanos dese río.

O alcalde de Baiona e a Concelleira de Igualdade sofren un aparatoso accidente

 O propio Concello informou destes feitos nun comunicado, no que indicou que no accidente víronse implicados sete vehículos, varios dos cales se saíron da vía pola que circulaban e envorcaron.

En canto ao coche no que viaxaba o alcalde, “ningún dos ocupantes sufriu danos graves” fóra da concelleira, que apuntaron que pode sufrir unha fractura de boneca e está acompañada polo alcalde para que poida recibir atención sanitaria en España.

Ante o ocorrido, Rodal agradeceu as chamadas e as mensaxes de afecto e agarimo recibidos. Os edís trasladábanse a Palos de la Frontera , pobo hermanado coa vila pontevedresa, para participar nun acto oficial pola XVIII Feira do Descubrimento, aínda que por estes feitos o rexedor cancelou a súa intervención.

Si que estará presente o concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas, quen xa se atopa en Andalucía para representar ó Goberno baionés; así como o grupo de gaitas A Seneira e membros da Escola de Danza Vila de Baiona.

Abel Caballero anuncia investimentos por máis de 41 millóns de euros en Vigo para 2022

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns que a cidade terá investimentos en 2022 por máis de 41 millóns de euros, para financiar proxectos como o ascensor ‘Halo’, varias humanizacións, ramplas mecánicas, actuacións de mellora da eficiencia enerxética, ou dotacións verdes.

Caballero matizou que algúns investimentos previstos faranse con cargo a fondos europeos, na confianza de que Vigo contará con esas subvencións (aínda que as obras, asegurou no seu momento, faranse igualmente aínda que non conten co apoio económico da UE).

Segundo detallou, entre outras actuacións prevese investir 1,3 millóns na construción do novo parque de bombeiros (dun investimento total de 2,8 millóns de euros); outros 5,9 millóns no ascensor ‘Halo’, que conectará García Barbón co complexo Vialia e con Vía Norte; 2,3 millóns na primeira fase do novo paseo de Bouzas; 3,1 millóns nas ramplas de Gran Vía; 4,1 millóns “para acabar” a peonalización e túnel de Porta do Sol; ou 1,8 millóns para rematar a Vía Verde.

En total, o rexedor anunciou 42 actuacións, algunhas das cales son fases intermedias ou finalización de obras xa iniciadas, como a reforma de Balaídos, ‘humanizacións’ en Avenida Castelao ou Martínez Garrido.

Tamén anunciou 200.000 euros para o carril bici da Avenida de Europa, 400.000 euros para mellorar a iluminación da ermida da Guía, 2,1 millóns para a recuperación da duna de Samil e 800.000 euros para a construción dun macroparque infantil na Avenida da Coruña.

A isto haberá que engadir, se se conseguen, máis fondos europeos, axudas económicas da Deputación de Pontevedra e os “50 millóns de euros que se están investindo de remanentes”. “Nunca sucedeu o que pasa agora, este nivel de investimento”, proclamou Abel Caballero.

Cuestionado acerca da execución dos investimentos previstos no exercicio actual (anunciáronse uns 26 millóns en investimentos cando se aprobaron os orzamentos de 2021), o alcalde asegurou que “o nivel de execución” dos investimentos en Vigo “é do cento por cento”. “Acábanse todas as obras, o nivel de execución é total. Vaise facer todo o que está nesa lista, e algunhas cousas que non están”, aseverou.

CONVENIO COA DEPUTACIÓN

Por outra banda, o alcalde da cidade subscribiu este luns un convenio de colaboración coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mediante o cal a institución provincial achegará 11 millóns de euros (aos que se sumarán case 5 millóns que achegará o Concello) para unha decena de actuacións, entre as que están obras de humanización, varios ascensores, recuperación da duna de Samil, mellora do firme en varios viarios de zonas rurais ou a cubrición do patio do colexio Xavier Sensat.

Abel Caballero insistiu en que esta colaboración non supón que Vigo “lle quite nada a ninguén”, senón que recibe da Deputación aquilo “ao que ten dereito” como principal cidade da provincia.

Aparecen 11 quilos de centolla no Porto de Baiona sen que ninguén saiba a súa procedencia

0

A Garda Civil interveu uns 40 quilos de peixe e marisco extraídos de forma ilegal nun operativo realizado este fin de semana en Baiona (Pontevedra) contra o furtivismo.

Segundo informou o Instituto Armado, as actuacións levadas a cabo de forma coordinada polas Patrullas do Seprona da Garda Civil do Porriño e Vigo co obxecto de previr o furtivismo na pesca e o marisqueo, centráronse o pasado sábado na zona de Baiona e saldáronse coa incautación de algo máis de 15 quilos de centolla e 18 quilos de peixe de distintas especies.

A primeira incautación produciuse cando o dispositivo interceptou un vehículo particular no centro urbano de Baiona, onde se interviñeron algo máis de catro quilos de centolla e 17,85 quilos de peixe de distintas especies –maragota, sargo, raia, abadexo e xurelo–, que circulaba sen ningún tipo de documentación, sen pasar pola lonxa.

Pola súa banda, o vehículo “tampouco reunía as condicións técnicas sanitarias para o transporte deste tipo de mercadoría“, destacaron as mesmas fontes.

Nunha actuación posterior interviñéronse outros 11 quilos de centolla que se localizaron depositadas nas inmediacións do recinto portuario, nun lugar onde non había ninguén ao seu cargo, pero resultaron “infrutuosas”, asegurou a Benemérita, as xestións que se realizaron para localizar á persoa responsable das súas capturas.

Como resultado das incautacións, formuláronse senllas denuncias administrativas que se remitiron á Consellería do Mar da Xunta e, tanto o marisco como o peixe comisado, entregouse baixo recibo nun centro social da zona.

A área de Vigo suma 58 ingresados por COVID

0

A área de Vigo suma 58 ingresados, dous menos que o último informe. As persoas ingresadas en UCI son 14.

O número de casos activos é de 489. O número de casos ascende a 21.55 cunha taxa de positividade de 1.3%.

As persoas curadas de covid-19 en Galicia desde o inicio da pandemia ascenden a 109.729. Máis información en Galicia Confidencial.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed