James Rhodes, o pianista británico “máis riquiño”, actuará este sábado en Vigo.
James Rhodes actuará este sábado 1 de febreiro ás 20:30h no Teatro Afundación de Vigo e a súa chegada ven anunciada en galego dende o seu perfil en Twitter. Laiándose do pouco tempo da estancia pero contento e repartindo eloxios á gastronomía e o entorno da cidade olívica.
O pianista preguntou tamén en Twitter sobre o proceso evolutivo da denominación do Teatro García Barbón a Teatro Afundación. Cun lapsus lingüe de confundir o apelido Borbón con Barbón.
Tan só falta despexar a incógnita se este sábado lucirá a “famosa camiseta de Vigo ” durante o seu concerto.
Científicos sinalan as bateas como fonte de micropásticos que contaminan as rías
REPORTAXE COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL
Investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo publicaron recentemente os resultados dun estudo no que analizaron a presenza de microplásticos en aves mariñas, concretamente, na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. Trataríase, polo que coñecen estes científicos, do “primeiro estudo que examina a presenza de refugallos en aves mariñas no noroeste da Península Ibérica”.
No estudo foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bolas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”, salientan.
As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes nas egagrópilas, seguidas do poliéster
En total, atopáronse 69 partículas de plástico en 26 dos 41 gránulos analizados, todas elas de menos de un milímetro de diámetro). No 67% dos casos púidose identificar o tipo de fibra, que inclúe poliéster, raión, nailon e un copolímero de etileno e acetato de vinilo (etilvinilacetato). No caso do raión, trátase dun “material semisintético non plástico que probablemente se introduciu no medio mariño a través de augas residuais”, aclaran os investigadores, en base a outros estudos previos.
As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes, representando o 63% do total identificado, seguidas do poliéster. Porén, as partículas máis grandes corresponderon ao etilvinilacetato.
Tamén se comprobou que hai maior presenza de microplásticos nas egagrópilas con restos de peixes bentónicos, é dicir, naqueles que habitan nos fondos mariños. Isto probaría que existen distintos niveis de contaminación por plásticos no mar, sendo o fondo onde máis cantidade se acumula, mesturándose cos sedimentos mariños.
USO DE PLÁSTICOS NAS BATEAS
Pero de onde proveñen esas partículas de plástico? A hipótese que manexan os científicos é que parte deles proceden dos aparellos que se utilizan nas bateas para o cultivo do mexillón.
“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados no cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos”
O certo é que o uso do plástico está moi estendido nas bateas, xa que, por exemplo, o poliéster se utiliza para recubrir os flotadores de aceiro que soportan estas estruturas, e da armazón de madeira cólganse cordas de nailon de tres centímetros de grosor e de dez a doce metros de longo, onde se engorda o mexillón. En cada corda colócanse barras de plástico –cada vez máis común, fronte as de madeira– de 20-30 centímetros, para evitar que a semente de desprenda polo seu propio peso cando creza.
“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados para colgar cordas e outras actividades relacionadas co cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos ao ambiente mariño, pero non se dispón de estimacións cuantitativas”, explican os autores do estudo.
O que si saben a ciencia certa é que o corvo mariño cristado se alimenta durante a época de reprodución nun radio de 20 quilómetros ao redor das colonias de reprodución, neste caso, a illa de Ons. E que nesta área, estas aves mergulladoras capturan especies bentónicas nos fondos, baixo as bateas situadas na área exterior da ría de Pontevedra.
As egagrópilas dos corvos mariños “poden ser útiles para controlar a contaminación microplástica nas augas costeiras”
Por todo isto, consideran que “a industria pesqueira pode ser responsable da liberación de grandes cantidades de plásticos no medio mariño”, xa que os materiais atopados nas egagrópilas dos corvos mariños cristados “son utilizados comunmente” no sector do mar. De feito, refírense a estudos previos que demostraron que “as augas galegas soportan un gran número de actividades pesqueiras e os residuos deste sector representan a maior parte do lixo que se atopa nas praias galegas”.
Os investigadores subliñan, por último, que os seus resultados suxiren que as egagrópilas dos corvos mariños cristados “poden ser útiles para controlar a contaminación microplástica nas augas costeiras”, xa que poden ser un indicador da abundancia de residuos plásticos a escala local e indicar distintos niveis de contaminación no mar e nas especies. Por outro lado, valoran que a metodoloxía aplicada neste estudo pode ser o camiño axeitado para examinar os plásticos inxeridos polas aves mariñas, ao tratarse dun método non invasivo.
O estudo, titulado ‘The use of European shag pellets as indicators of microplastic fibers in the marine environment’, publicouse na revista científica Marine Pollution Bulletin e está asinado por Gema Álvarez, Álvaro Barros e Alberto Velando.
A exportación española de conservas e preparados de peixe e marisco increméntase un 6% respecto de 2018
A exportación española de conservas, semiconservas e preparados de peixe e marisco incrementouse un 6 por cento entre xaneiro e marzo de 2019 respecto dese período do ano anterior.
O valor destas exportacións elevouse un 6,31 por cento durante o tres primeiros meses deste ano en comparación cos mesmos de 2018, segundo recolleu Anfaco nun comunicado. Así, comercializáronse 50.450 toneladas en todo o mundo entre xaneiro e marzo de 2019 por un valor de 239 millóns de euros.
En concreto, o crecemento do volume de exportación de conservas foi do 7,93 por cento, cun total de 46.291 nos primeiros meses deste ano, e o do seu valor, do 8,47 por cento, cunha recadación de case 217 millóns de euros.
O principal produto comercializado en conservas é o atún, cun volume exportado de xaneiro a marzo de 2019 de 29.880 toneladas e un valor de máis de 153 millóns de euros, o que supuxo unha subida do 6 por cento en ambos os casos respecto ao mesmo período de 2018.
As conservas e preparados de sepias e luras rexistraron unha comercialización de 5.871 toneladas, o que supuxo que sexan as segundas con maior importancia. Os demais grupos de marisco rexistraron unha exportación de 4.368 toneladas e os de peixe, de 2.928 toneladas.
Os principais países compradores de produtos españois atópanse na Unión Europea (UE), que importa o 89 por cento do total. Deles, os que máis reciben son Italia, Francia e Portugal. Así mesmo, América recibe un 5 por cento da comercialización total, seguida por África, que importa un 3 por cento, e o resto de Europa, cun 2 por cento.
A cuñada de Carmela Silva non asiste ao xuízo sobre o seu suposto “enchufe” e podería ser multada con ata 5.000 euros
A Audiencia de Pontevedra ordenou a citación, a través da Policía, de V.F.B., cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que estaba citada como testemuña para comparecer este martes no xuízo que se segue sobre o seu suposto ‘enchufe’ nunha concesionaria municipal de Vigo, e non se presentou.
Tras constatar a ausencia desta testemuña, o presidente do tribunal ordenou que lla volva a citar, esta vez a través da Policía, para este mércores ás 10,00 horas.
Así mesmo, o maxistrado ordenou que se indique a “advertencia expresa” de que poderá ser sancionada con multa de ata 5.000 euros e que “se persiste” na súa incomparecencia, pode incorrer “nun delito de desobediencia grave”.
Na vista que comezou este martes xúlgase a un alto funcionario do Concello de Vigo, Francisco Javier G.O., e ao que era xerente da concesionaria Imesapi, Ramón C.A., acusados de prevaricación, malversación e falsidade documental.
A Fiscalía sostén que ambos idearon un plan para “aparentar” a contratación de V.F.B., “persoa moi afín a un membro do goberno local”, por parte da concesionaria. Para sufragar a nómina desta persoa, o Concello encargou á empresa, por medio de contratos menores, a elaboración de varias enquisas e estudos que, segundo o ministerio público, foron facturados, pero nin a cuñada de Silva nin Imesapi foron os seus autores.
O xuízo iniciouse coa presentación das cuestións previas e coas declaracións de Francisco Javier G.O., para quen a Fiscalía pide 8 anos de cárcere e 30 de inhabilitación; e de Ramón C.A., para quen pide 7 anos de prisión.
O funcionario vigués explicou que o departamento de Participación Cidadá encargou a Imesapi, porque se cría que tiña a capacidade e persoal para iso”, a elaboración dunha serie de enquisas sobre a calidade dos servizos, e que dito encargo procedía unha orde xeral do goberno municipal, a través do edil do departamento, Santos Héctor Rodríguez.
No entanto, matizou que “nunca” impuxo a contratación da cuñada de Carmela Silva e tamén negou que planificase a elaboración desas enquisas como modo de compensar economicamente Imesapi polo custo salarial que supuña manter a V.F.B. na concesionaria.
Segundo explicou, esta traballadora desempeñou labores de apoio na unidade de Queixas e Suxestións do Concello, aínda que “non quedou pegada” do seu traballo, e engadiu que ignora quen elaborou as enquisas encargadas a Imesapi.
Finalmente, xustificou que fose el quen propuxese os orzamentos das distintas enquisas, en lugar da propia empresa, alegando que se cinguía aos “prezos de mercado”, uns prezos que, neses contratos, oscilaron dos 9,5 aos 23,25 euros por enquisa.
O outro acusado, Ramón C.A., incidiu na súa declaración en que a contratación de V.F.B. para a elaboración desas enquisas se fixo”por indicación do Concello”, aínda que sinalou que non recorda quen lle deu esa instrución. “Esta persoa xa traballara nos centros cívicos facendo substitucións, e desde o Concello pedíronnos que continuase”, declarou.
Ramón C.A. tamén explicou que a concesionaria non tiña “ningún control” sobre os traballadores que estaban nos centros cívicos, nin sobre a cuñada de Carmela Silva, de quen descoñecía o tipo de traballo que facía ou incluso o lugar físico onde desempeñaba os seus labores.
O que fose xerente de Imesapi, no entanto, si recoñeceu que o encargo das enquisas foi a forma en que o Concello abonaba á empresa os custos laborais da contratación de V.F.B., que faría traballos alleos ao prego” dos centros cívicos.
“Faciamos as facturas segundo as instrucións do xefe de servizo, pero Imesapi non fixo nin as enquisas nin os informes. A primeira vez que as vin, foi durante a instrución da causa”, incidiu.
Finalmente, proclamou que a concesionaria “non gañou diñeiro” coa contratación da cuñada de Silva. “Oxalá non fixésemos ese contrato nunca”, lamentou.
Nesta primeira xornada de xuízo tamén declararon, como testemuñas, o portavoz da plataforma Xuntos, que interpuxo a denuncia inicial, Carlos González Armada; o extrabajador de Imesapi, J.A.M.B., quen confirmou a contratación de V.F.B. por indicación municipal; e o concelleiro de Emprego (e no momento dos feitos tamén de Participación Cidadá), Santos Héctor Rodríguez.
O edil socialista ratificou que a elaboración de enquisas de calidade do servizo foi “unha decisión de goberno” e que el mesmo trasladou a Francisco Javier G.O. o encargo, en función da disposición de remanentes.
Con todo, Santos Héctor Rodríguez matizou que “nunca” interveu para que Imesapi contratase á cuñada da súa compañeira de goberno para facer esas enquisas. “Nunca me dirixín a eles para indicarlles a quen contratar”, asegurou, á vez que afirmou que, no momento en que se asinaron os contratos coa empresa non coñecía a V.F.B., nin a súa relación de parentesco con Silva.
O concelleiro sinalou que non estaba ao tanto da tramitación administrativa dos contratos, e tampouco de como se elaboraron esas enquisas que, en todo caso, apuntou, foron “moi útiles” para mellorar os diferentes servizos do seu departamento.
VÍDEO: Cata, niñún, faer, traio ou truita… As particularidades lingüísticas do Baixo Miño
Desde mediados do mes de xaneiro e ata o 3 de febreiro, o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, participa na experiencia 21 Días co Galego e + como representante da provincia de Pontevedra.
Trátase dun programa educativo que ten dous obxectivos ambiciosos a nivel lingüístico. Dunha banda, procura o aumento de uso do galego como lingua de comunicación habitual, tanto en cantidade de tempo como de ámbitos de uso. Por outra, é unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.
Durante estas tres semanas, 447 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato deste centro, xunto co alumnado do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e mais do IES Otero Pedrayo de Ourense, desenvolverán actividades colectivas en relación coa lingua (recreacións audiovisuais de obras literarias galegas, traballos de campo sobre o uso do galego nas empresas da contorna, retransmisións deportivas…).
De feito, o IES Antón Alonso Ríos elaborou pequenas pezas audiovisuais para divulgar o labor cultural do grupo San Roquiño de Goián, as características dialectais máis salientables do lingua galega na zona ou a contribución do Serán da Debullada de Estás para manter vivos estes encontros ao redor da música tradicional.
Este é un deses interesantes vídeos que a rapazada de Tomiño fixo para dignificar as particularidades que tomiñeses e outros habitantes da zona do Baixo Miño usan ao falar en galego.
162 malos tratos a cabalos desde 2011, e continúan: esta vez foi en Moaña
Unha vez máis, aparecen cabalos con cordas nas súas patas en Domaio. LIBERA! e a Fundación Franz Weber fanse eco de novas queixas cidadás, e mentres os animais son sometidos a unha modificación grave do seu comportamento natural, seguen reclamando unha norma específica de benestar e protección activa.
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber denuncian a aparición de máis cabalos coas patas dianteiras inmobilizadas, unha práctica gandeira ‘ trufada’ de mitos que “somete aos animais a un sufrimento cruel e innecesario”, aseguran.
Os équidos foron gravados na estrada CF-404 que transita entre o miradoiro do Monte Faro, en Domaio (Moaña), e a área recreativa de Chan de Arquiña, unha zona onde os animalistas xa advertisen acerca desta práctica de malos tratos animais a pasada semana, e onde se localizaron non poucos animais en similares circunstancias nos últimos anos.
A colocación de dispositivos para inmobilizar ou limitar de forma continuada o movemento dos animais é unha práctica constitutiva dun delito de malos tratos animais, penado con ata un ano de prisión e inhabilitacións para a tenencia, comercio ou profesión relacionada cos mesmos por un máximo de 36 meses.
Con todo, a situación de abuso animal continúa, como denuncian os colectivos. Neste sentido FFW e LIBERA! lograron documentar, con este caso dobre, 162 situacións de malos tratos a cabalos desde 2011, a pesar de que ningún dos animais estaba identificado. Grazas ao “pacto de silencio” existente nestas zonas rurais é practicamente imposible definir quen é o autor desta acción de crueldade.
Os animalistas recomendaron que, ante a localización dun animal nestas circunstancias, non se tente liberalo de forma inmediata, xa que a súa forza podería provocar severas feridas aos rescatadores.
Expoñen comunicar tanto a Seprona como á Consellería do Medio Rural a localización e cerciorarse de que os axentes acoden para verificar o estado do animal, liberalo das súas cadeas e levantar acta.
Outro novo terremoto de magnitude 3,2 sacode Ponte Caldelas
A serie sísmica na provincia de Pontevedra continúa e nas últimas horas rexistráronse catro novos pequenos terremotos na zona de Ponte Caldelas, o maior deles cunha magnitude de 3,2 graos na escala de Ritchter, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN).
Segundo a central de emerxencias do 112, este tremor con epicentro en Ponte Caldelas foi percibido pola poboación, pero non causou danos materiais nin persoais. Estes novos catro tremores producíronse despois da secuencia de até 32 sacudidas rexistradas entre a tarde do martes e a madrugada do mércores.
Após rexistrarse o tremor de maior magnitude, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibiu un par de chamadas de veciños da vila pontevedresa e da parroquia de Salcedo, que aseguraron sentir como se movía o chan, pero sen haber constancia de danos.
O movemento sísmico de magnitude 3,2 tivo o seu epicentro en Ponte Caldelas, a unha profundidade de 17 quilómetros, e rexistrouse ás 5,13 horas da madrugada, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional. Un dos seus sismólogos, Luis Cabañas, explicou a Europa Press que non hai motivo de alarma para a poboación, xa que non existe unha falla activa coñecida na zona que poida dar lugar a un gran terremoto.
SISMICIDADE HABITUAL
Os sismólogos consideran que a magnitude dun terremoto empeza a ser preocupante a partir dos 5 graos na escala de Ritchter, porque é moderado, pero capaz de producir danos estruturais se se produce preto dunha poboación. Como referencia, o terremoto rexistrado na localidade murciana de Lorca no ano 2011 tivo unha magnitude de 5,1 e deixou 9 vítimas mortais.
No caso dos 36 tremores rexistrados nas últimas horas na provincia de Pontevedra, o de maior magnitude foi o desta madrugada de 3,2, o cal para os sismólogos “entra dentro do normal” dos movementos sismícos que sempre houbo nesa zona, aínda que non existe constancia dunha serie “tan continuada”.
Cando se dá esta circunstancia, dunha secuencia de pequenos terremotos sen que haxa un gran tremor principal, os sismólogos falan de “enxame sísmico” e atribúeno á existencia de “pequenas fallas que liberan a tensión acumulada producindo pequenas sacudidas”, pero insisten que a xeoloxía, a día de hoxe, non ten coñecemento dunha gran falla. Iso si, puntualizan que “podería habela e non ser coñecida”.
DURACIÓN IMPREDICIBLE
En calquera caso, Luis Cabañas apunta que esta serie “é moi curta de momento” e aínda que a súa duración é “impredicible”, non cre “que poida haber algo moito máis alá” e que “o normal é que non dure moito”. “Pódese estar tranquilo. Está dentro do tipo de sismicidade habitual na zona”, indicou e lembrou que, por exemplo, o 1990 xa foi sentido nesta zona un terremoto de magnitude 3,1.
Ademais, en 1920 as crónicas aluden a un terremoto de intensidade 7 ao sur de Pontevedra, no camiño a Ponte Caldelas. Non existe unha equivalencia exacta, pero os expertos calculan que podería estar na contorna dunha magnitude 5.
Identificado un septuaxenario mentres capturaba ameixa de forma furtiva nunha praia de Vigo
A Policía Local identificou un home de 76 anos domiciliado en Vigo, A.R.G., que foi sorprendido mentres capturaba ameixa de forma furtiva nunha praia da urbe olívica.
Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar este xoves sobre as 14,40 horas, cando o garda rural requiriu a presenza dunha unidade na praia da Guía. Así, indicou que sorprendera a un home mentres capturaba ameixa, pero que este se negaba a atender os seus requirimentos.
Por iso, os axentes procederon á súa identificación e facilitaron os seus datos ao garda rural para que se adoptasen as medidas pertinentes.
Por outra banda, a Policía Local identificou a cinco persoas en varias praias de Vigo o pasado venres no marco de labores de control de marisqueo prestadas en apoio ao garda rural na zona comprendida entre a praia de Mende e a praia de Portiño. Deste xeito, identificaron a un home de 61 anos domiciliado en Vigo, E.S.V., neste último areal.
Ademais, informaron a unha persoa de 42 anos procedente de Valencia de que non podía recoller marisco en praia da Punta, onde tamén interceptaron a home sorprendido en anteriores ocasións mentres realizaba capturas furtivas, M.A.M., de Vigo e 45 anos de idade; e a outra persoa de 74 anos da mesma cidade, M.S.R.
Así mesmo, identificouse a unha quinta persoa de 46 anos residente en Vigo, J.M.C.C., na praia da Lagoa no marco das mesmas labores de control, que se mantiveron durante toda esta semana.
