Inicio Blog Páxina 2119

O sorteo da ONCE deixa 100.000 euros en Tui

0

O sorteo extraordinario de verán da ONCE deixou 100.000 euros en Tui, nun dos premios de segunda categoría. O vendedor do boleto foi Francisco Javier Franco Lamas, no seu quiosco na Praza de Galicia.

O Extra de Verán do ONCE tamén deixou premios en localidades de Andalucía, Cataluña, Castela e León e Comunidade Valenciana. Puxo en xogo un primeiro premio de 20 millóns de euros, 20 de 100.000 euros e 119 de 60.000 euros.

Os boletos do ONCE comercialízanse polos 20.000 vendedores da organización, na web e nos establecementos que colaboran con esta iniciativa.

Achadas tres plantacións de marihuana en Arbo

0

A Garda Civil descubriu tres plantacións ilegais de marihuana en Arbo polas que investigou penalmente a catro veciños do municipio como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

As investigacións levaron a que os axentes se incautasen de algo máis de medio centenar de plantas. En concreto, localizaron unha plantación nun terreo contiguo a unha vivenda da parroquia de Cequeliños e, ao inspeccionar a leira, acharon 44 plantas de gran tamaño nunha zona preparada para o seu cultivo e tapadas con teas de ocultación.

Nese mesmo terreo os axentes atoparon a infraestrutura dunha plantación en interior nun galpón próximo tamén á vivenda. Aos dous responsables da plantación notificóuselles que se lles considera os presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Ademais, a Garda Civil localizou outras dúas plantacións de menor entidade na mesma parroquia, nunha das cales había 16 plantas e na outra, seis. Notificouse ás dúas persoas responsables a súa condición de investigadas por senllos delitos de tráfico de drogas.

As dilixencias instruídas, os efectos intervidos e as plantas incautadas foron postas a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, no que deberán comparecer os investigados cando sexan chamados.

A fiscalía solicita 4 anos de prisión e preto de 500.000€ de multa para os donos de Villa Rosa

0

O Xulgado de instrución número 4 de Vigo decretou o pasado mes de maio a apertura de xuízo oral por vía penal contra os administradores da discoteca Villa Rosa situada en Baiona, por presuntos delitos contra o Medio ambiente, lesións e desobediencia.

A fiscalía solicita para os administradores de Villa Rosa Bayona S.L, pai e irmán respectivamente da que naquel momento era a concelleira de urbanismo do Concello de Baiona, Ana Simóns: 4 anos de prisión e inhabilitación especial para o dereito a sufraxio pasivo, 2 anos e 4 meses de multa con cota diaria de 100€, con responsabilidade persoal subsidiaria de 1 día de privación de liberdade por cada 2 cotas non satisfeitas e 4 anos de inhabilitación especial para profesión ou oficio relacionado con negocios de hostalería. 2 anos de multa cunha cota diaria de 500 euros e clausura definitiva do local de lecer nocturno Villa Rosa. Así como a imposición dunha indemnización por responsabilidade civil de 5€ por día, durante 180 días, e  30.000€ a cada un polos danos de lesións e prexuízos morais provocados aos denunciantes.

Deste xeito, o Ministerio Fiscal adhírese á denuncia inicial duns veciños de Baiona contra o devandito local nocturno a causa do incumprimento dos límites de ruido nocturno, a falta de licenza de actividade nas terrazas, o exceso de aforo, e o incumprimento de horario de actividade…, unha causa penal que remóntase á alcaldía de Jesús Vázquez Almuiña, agora conselleiro de  Sanidade da Xunta de Galicia, que desde 2014 ata 2017 non tomaron as medidas suficientes para controlar a actividade da discoteca a pesar das numerosas denuncias en informes que pesaban sobre ela por estes motivos . As veces nas que o concello actuou, foron en parte obrigadas por sentenza xudicial logo de que o concello fose denunciado por non actuar en consecuencia.

Solicitude de imputación ao conselleiro de Sanidade por un presunto delito de inacción como alcalde de Baiona.
Unha inacción que o xulgado núm.2 do contencioso-administrativo recoñeceu en sentenza o 30 de outubro de 2017 no seu auto que decretaba o peche da discoteca “Non é obxecto de controversia que o Concello de Baiona non incoou expediente sancionador” afirmaba a sentenza.

A solicitude de imputación contra o ex-alcalde atópase recorrida perante o Tribunal Constitucional logo de que o mesmo Xulgado de Instrución e a Audiencia Provincial pecharon o procedemento, en contra mesmo das súas propias resolucións previas feitas en base aos mesmos feitos e probas denunciadas que incidían en que sí podería existir unha responsabilidade e debía de investigarse.

Presunto delito de estafa procesual
Outra parte separada deste caso terminou nunha querela en curso por estafa procesual, falso testemuño e falsidade contra Villa Rosa Bayona S.L. os seus administradores e contra as empresas de enxeñería encargadas de certificar as medicións de acústica do local que deron pé a dar como boas as reformas realizadas no local, levantar o precinto municipal e reanudar a súa actividade. Devanditos informes foron falsificados segundo recoñeceron en sede xudicial a propia empresa cun cruzamento de acusacións entres os seus responsables sobre quen asinou e falsificou a sinatura de ditos informes,  e que está pendente de esclarecer. Doutra banda o Instituto de Metroloxía de Galicia indica que as empresas  certificadoras non estaban homologadas pola Xunta, que os aparellos de medición non estaban homologados e mesmo existen indicios de que puideron ser manipulados, polo que o certificado que facilitou a legalización da discoteca é falso, e a licenza outorgada co mesmo resulta non válida.

Feridas tres persoas nunha colisión múltiple en Vigo

Tres persoas foron trasladadas polos servizos sanitarios tras resultar feridas nun accidente de tráfico con tres vehículos implicados en Vigo. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o sinistro produciuse sobre as 20,30 horas deste martes na Avenida de Buenos Aires.

Ata ao lugar desprazouse persoal do 061 para atender ao tres persoas que sufriron lesións de diversa consideración a consecuencia do impacto. Ademais dos servizos sanitarios e da Policía Local, por parte do 112 Galicia avisouse aos Bombeiros de Vigo, aínda que non foi necesaria a súa intervención xa que as persoas estaban accesibles.

Tamén, os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros de Protección Civil foron informados polo 112 Galicia.

Queda libre un veciño de Cangas sen fogar que incumprira o confinamento

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decretou a posta en liberdade provisional dun veciño de Cangas sen fogar investigado por un delito de desobediencia por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma.

O Xulgado de Instrución número 1 de Cangas ordenara o ingreso en prisión provisional do detido o pasado 16 de abril ao considerar que había risco de fuga e de reiteración delituosa, tal e como lembrou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O home, segundo o auto, foi detectado por axentes na vía pública o 15 de abril e, 15 minutos máis tarde, volveu ser localizado na rúa. A Audiencia argumenta que o investigado “non ten onde ir”, polo que o suposto risco de reiteración delituosa, en caso de existir, “non sería en realidade intencional, senón obrigado pola súa especial situación, que a recado non é desexada por el”.

Ademais, os xuíces subliñan que non consta ningunha documentación que avale que o investigado abandonase voluntariamente a habitación facilitada polos servizos sociais de Vigo, nin de que tivese a posibilidade de confinarse nalgún lugar no momento no que foi interceptado, o 15 de abril. O tribunal recalca que, a pesar da “singularidade e excepcionalidade do momento en que nos atopamos”, as normas que regulan a prisión provisional “non variaron”.

A Audiencia tamén considera inexistente o risco de fuga, pois o recorrente carece de domicilio, xa que “sempre está a deambular pola vía pública en Cangas”, e de medios económicos. Por iso, sinala que a posibilidade de que se desprace á Comunidade de Madrid, tal e como manifestou, “antóllase remota”, segundo os maxistrados. Ademais, todas as veces que foi interceptado, o 4, 6, 10 e 12 de abril, así como na ocasión da que derivan estas dilixencias, 15 de abril, estaba dentro do partido xudicial de Cangas.

Por todo iso, o tribunal considera “remota” a posibilidade de que fuxa a Madrid, non só pola carencia de medios económicos cos que custear un medio de transporte, senón tamén polos controis policiais dos traslados entre localidades derivados do estado de alarma.

Conde insiste en que “o primeiro paso” é coñecer a situación de Barreras para logo buscar “solucións”

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, insistiu en que “o primeiro paso” é coñecer a situación de Barreras para logo identificar “solucións” de futuro para o estaleiro vigués.

Respecto diso, a preguntas dos xornalistas este xoves nun acto, Conde comprometeu que “a Xunta seguirá traballando como todas estas semanas co resto de actores” involucrados. Así, reivindicou estar “en coordinación permanente” co Ministerio de Industria e organismos como Cesce e Pymar.

“Trasladamos con toda claridade a nosa posición. A nosa prioridade son os traballadores do estaleiro e da industria auxiliar e estamos a traballar nunha solución de futuro”, expuxo o responsable de Economía.

Así, avogou por actuar “con responsabilidade e transparencia”, para o que “hai que coñecer o contido da auditoría e a situación do estaleiro e de cada un dos proxectos”.

A continuación, aposta por “actuar con transparencia e trasladar as necesidades para ter esa viabilidade de longo prazo”. E, ademais, incidiu en que “o paso está nas decisións que se poidan tomar por parte dos accionistas”.

Deste xeito, resumiu a previsión da Xunta en “primeiro coñecer a situación do estaleiro, a partir de aí identificar medidas que garanten a viabilidade de futuro e concretar a carga de traballo”.

Tui acolle este sábado o Campionato Galego de Patinaxe

0

O Campionato Galego de Grupos Show Júnior e Cuartetos, celebrarase este sábado, 16 de febreiro, no novo pavillón deportivo municipal de Tui. Comezará ás 17.30 horas organizado polo CPA Ribex de Tui, en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe e o Concello de Tui. Dende as 10.30 ata as 14.00 horas, os clubs participantes realizarán os adestramentos, a razón de 15 minutos por cada club.

A competición iniciarase ás 17.30 horas, coa categoría de cuartetos e ás 18.00 horas coa júnior. O custe da entrada para este campionato será de 5€, sendo gratuíto para os menores de 7 anos. Neste campionato, o CPA Ribex buscará o pase do seu equipo júnior para o Campionato de España, tras acadar xa a clasificación do grupo sénior, despois de obter o subcampionato galego.

 

Cúmprense os temores en Chapela: aumentan os casos de contaxio na residencia de persoas dependentes

O pasado martes 24 os coidadores do Centro de Atención para Persoas Dependentes (CAPD) de Chapela, xa denunciaban o risco ao que se estaban a expoñer por falta de medidas sanitarias. Un día despois, a través da información transmitida polos mesmos traballadores, Xornal de Vigo é coñecedor de novos casos positivos en coronavirus.

En total hai xa 5 casos confirmados -contando co primeiro- e 11 persoas illadas. Entre os infectados, destaca a médico que atendía aos enfermos. “Existen sospeitas de que pode haber algún traballador máis contaxiado. Hai quen pasa polas 3 plantas do centro“, argumenta un coidador do centro. “Enfermería e camareiras están indo por todas as plantas”, critica.

CEN BAIXAS LABORAIS

Xustificando o estrés da situación, un total 100 persoas colleron a baixa esta semana, tal e como aseguran as fontes consultadas. “Había que facerlle as probas e se non dan positivo no coronavirus deberían ter que ir a traballar. Imos a ter unha carga de traballo enorme“, sinala unha coidadora do centro. A causa, segundo a mesma traballadora é “porque son xente nova e non aguanta os casos cos que tratamos. Hai postos nos que xa houbo ata tres substitucións”. “É unha fuxida de paxaros”, conclúe.

INICIOUSE O DESINFECTAMENTO

Tras as críticas do persoal traballador e dos pais dos residentes, o centro xa comezou a desinfectar o CAPD. Ademais, o centro xa facilitou máscaras de protección “máis axeitadas” para o persoal da primeira planta do centro.

A flota galega queda sen máis cotas pesqueiras

0

A secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, avanzou, nunha reunión mantida en Bruxelas, que España e Portugal acordaron, xunto aos demais países membros da UE, aterse ás cotas fixadas no plan de xestión pesqueira de 2019 a pesar dos anuncios realizados polo país luso, que manifestara o seu interese en ampliar as cantidades establecidas para a sardiña.

A preguntas dos xornalistas tras un acto en Vigo, Villauriz apuntou a un posible aumento das cotas en 2020, aínda que avogou por esperar a que o ICEX confirme os “bos resultados” detectados polos organismos científicos de España e Portugal en relación ao stock de produtos.

Por outra banda, en canto ao atún patudo, recoñeceu que se trata dunha especie que “non se atopa en bo estado biolóxico”. Así, sinalou que xa se tentou acordar un plan de recuperación deste na anterior reunión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), aínda que sen éxito. Tamén avanzou que se deberá acordar unha postura dos países da UE interesados no mesmo para, mediante o ICCAT, establecer medidas de xestión “serias” que permitan recuperar o stock co “menor impacto social” posible.

Noutra orde de cousas, lamentou que non se incluíu a Pesca no rótulo do departamento da UE que abordará este ámbito –a Comisión de Medio Ambiente e de Océanos–, aínda que insistiu en que si se integrou nos temas que se abordarán no mesmo.

Santiago investigará o accidente do Marisquiño de Vigo

Santiago investigará o accidente do Marisquiño acontecido en Vigo. Así o decidiu este martes o Parlamento de Galicia tras aprobar a creación dunha comisión de investigación para determinar as causas e dirimir as responsabilidades políticas.

Unha comisión que foi aprobada grazas á abstención do PP a unha iniciativa presentada por En Marea e o BNG e que contou cos votos en contra do PSdeG. É das poucas veces que os populares permitan que o Parlamento galego constitúa unha comisión de investigación. Unha decisión que chega logo do enfrontamento do presidente galgo, Alberto Núñez Feijóo, co alcalde vigués, Abel Caballero, a conta das responsabilidades deste accidente.

Aínda que a apertura desta comisión na Cámara autonómica foi aprobada cos votos de En Marea e BNG e o “permiso” dos populares, o certo é que a súa portavoz no debate, Teresa Egerique, asegurou que o seu grupo non “impediría” a investigación, pero ao tempo defendeu que os populares non queren “circos”.

Un día antes de coñecer cal sería o sentido de voto dos populares, socialistas vigueses trasladaran unha advertencia: a posibilidade de crear dúas comisións de investigación no Concello –una sobre “a relación de Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado” e outra sobre a “discriminación” e “abandono” da cidade olívica por parte da Xunta de Galicia do PP–.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed