Inicio Blog Páxina 2100

Feijóo pide no Porriño que non se vote “a quen está dirixida co dedo de Abel Caballero”

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, apelou este xoves, unha vez máis, á unidade do voto do centro dereita ao redor do seu partido, para evitar repetir a “decepción” das eleccións xerais, e advertiu de que, de votar “xuntos”, o PP gañaría e “estariamos nunha España distinta, impresionante”.

Así o manifestou nun mitin celebrado no Porriño (Pontevedra), onde Núñez Feijóo apoiou a candidatura de Manuel Alejandro Lorenzo á Alcaldía desta localidade, e no que convidou a todos os que “abandonaron momentaneamente” ao PP para votar a VOX ou Cs a volver confiar nos ‘populares’ para que este partido “recupere o lugar que lle corresponde”.

O líder do PPdeG fixo continuas alusións á “noite decepcionante” do 28 de abril, e incidiu en que os resultados puxeron de manifesto a “falacia” de que se podería evitar a presidencia de Pedro Sánchez apoiando a outros partidos diferentes ao PP.

“Se votásemos xuntos, teriamos a maioría absoluta, de gañar o PP estariamos nunha España de recuperación económica, creación de emprego, pagando os ‘pufos’ das pensións. Nunha España distinta, impresionante”, proclamou, á vez que recalcou que “agora, a maioría de votantes de Cs e VOX prefeferirían un presidente do PP”.

“VOLVER Ao PASADO”

Feijóo sinalou que “parece que está de moda o PSOE”, pero advertiu de que un goberno socialista é “volver atrás, no canto de mirar para adiante”. A ese respecto, lembrou a España “que deixou o PSOE”, con millóns de parados, “en preconcurso”, cunha débeda pública de case o cento por cento do PIB, etc. “Agora o futuro de España é volver ao pasado, a unha España empobrecida na que cada vez era máis difícil chegar a final de mes?”, cuestionou.

Núñez Feijóo pediu, no mitin do Porriño, o respaldo dos votantes para o candidato do PP á Alcaldía deste municipio, Manuel Alejandro Lorenzo, que encabeza un equipo “potente e preparado”, porque “O Porriño non merece ser tratado como unha sucursal do alcalde de Vigo”. “Imos votar a un partido que non pode facer nada sen autorización dun alcalde de fóra? Alguén que dependa do dedo infalible doutro dirixente?”, preguntou, en alusión á alcaldesa socialista do Porriño e a Abel Caballero.

Na súa intervención, o presidente do PPdeG tamén tivo palabras para o exalcalde ‘popular’ do Porriño, quen dimitiu en 2017 sendo concelleiro da oposición pola apertura de xuízo oral, e que finalmente resultou “absolutamente exonerado”.

Os novos fotógrafos da Louriña, Baixo Miño e Val Miñor compiten pola mellor fotografía de viaxes

As Oficinas Municipais de Información á Xuventude dos concellos de Tomiño, Gondomar, Salceda de Caselas, Baiona, O Rosal, O Porriño, A Guarda e o Espazo Xove de Tui, convocan o XII Certame fotográfico «Viaxando».

O concurso está aberto á participación de mozas e mozos de entre 12 e 35 anos que presenten imaxes orixinais con temática relacionada co título do certame. Cada participante pode presentar unha única fotografía en cor ou branco e negro. Esta deberá presentarse en papel fotográfico cun tamaño de 20X30 e pegadas sobre unha cartolina negra DIN A3.

A fotografía deberá ser orixinal, inédita e non ter sido premiada nin recoñecida ou seleccionada noutros certames. Asemade, deberán estar libres de dereitos que poidan posuír terceiros e, no caso de retratar a persoas menores de idade, concursarán baixo a responsabilidade do autor/a.

Os traballos deberán entregarse nun sobre pechado coa indicación «VIAXANDO» e o pseudónimo da persoa autora no seu exterior. Pola súa parte, as fotografías deberán indicar no dorso o seu título e o pseudónimo da persoa autora.

Dentro deste, deberá incluirse outro sobre pechado de menor tamaño en cuxa parte externa debe figurar o pseudónimo da fotógrafa ou fotografo e, no interior, deben recollerse os seguintes datos: nome completo, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI ou tarxeta de
residencia.

As imaxes poderán entregarse en calquera das entidades organizadoras ata o 26 de setembro. Concederase un único premio consistente nun curso personalizado de fotografía. Coas imaxes presentadas realizarase unha exposición itinerante que percorrerá o Espazo Xove de Tui.

 

A planta de PSA Vigo fixa en 1.770 euros a prima variable aos operarios a tempo completo

A dirección da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo informou este xoves do abono da prima variable que, tras coñecerse os resultados financeiros do grupo, quedou fixada nuns 1.770 euros brutos para traballadores a tempo completo (dados de alta todo o ano).

Así o trasladaron fontes da empresa, que explicaron que esta remuneración variable calculouse, por unha banda, tendo en conta a parte variable común no polo ibérico e, por outra, a correspondente como prima local.

Con respecto á primeira parte, fíxase unha porcentaxe de referencia do 6,16 por cento (aplicable ao salario común) e, para calcular o valor individual, réstanse 145 euros a quen teñan integrado no seu complemento a compensación por renuncia ao complemento de xubilación.

En canto á prima local, a empresa explicou que se axustan os obxectivos de calidade e produción, o que permite un grao de realización do 60,17 % e, por tanto, unha prima local do 0,90 %.

Por tanto, tendo en conta eses condicionantes, esta remuneración variable fixouse nun mínimo estimado de 1.770 euros brutos para un traballador a tempo completo en alta todo o ano, o que supón unha mellora dun 11 por cento con respecto ao ano pasado. A prima abonarase en abril (na nómina de marzo) e é, segundo destacou a factoría, “a máis alta dos construtores de automóbiles implantados en España”.

O PP de Vigo pide a Caballero que traballe “dunha vez” por “resucitar” Peinador

O portavoz popular do Concello de Vigo, Alfonso Marnotes, lamentou este xoves a situación de “caída libre” que sofre o aeroporto vigués, polo que lle pediu ao alcalde, Abel Caballero, que traballe “dunha vez” por “resucitar” Peinador.

Así o sinalou Marnotes nunha rolda de prensa tras coñecerse este mércores os datos de pasaxeiros publicados por AENA da infraestrutura aeroportuaria, que perdeu un 17,6% de viaxeiros en setembro, o que supón que nun ano descendeu en 71.000 pasaxeiros, “unha cifra alarmante”.

“Somos o único aeroporto de Galicia que perde pasaxeiros, fronte a Lavacolla e Alvedro que aumentan. Xa o dixemos, pero parece que o alcalde non se quere decatar. Se as cousas non van ben, bótalle a culpa a outras administracións e este é un problema que ten que arranxar el”, criticou o portavoz do PP, segundo recolle o partido nun comunicado.

Os populares lamentaron que Peinador xa non conte con voos internacionais e “cada vez ten menos frecuencias nacionais”. “Vigo é unha cidade de primeira, pero as cifras do aeroporto son de terceira”, aclarou Marnotes.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), expostos polo PP, no mes de agosto a cidade olívica rexistrou 91.576 pernoctaciones, fronte ás 113.993 da Coruña ou ás 124.526 de Santiago.

“Somos a cidade de Galicia, das tres que hai con aeroporto, con menor número de pernoctaciones durante todo o verán. E isto débese a que Vigo carece dun plan turístico, dunha estratexia a medio e longo prazo que nos sitúa como destino vacacional”, sinalou Alfonso Marnotes.

Tensión no sector do transporte sanitario con queima de ambulancias na área de Vigo e Tui

Durante a xornada deste sábado producíronse unha serie de actos de sabotaxe en varios puntos da Comunidade Autónoma culminando coa queima de varias ambulancias do 061, algunhas delas na área de Vigo e Tui.

Estas accións teñen lugar cando o sector das ambulancias está inmerso nunha negociación laboral. “Aínda que se pretenda enmarcar esta deplorable acción dentro dunhas reivindicacións laborais, o certo é que este tipo de violencia que afecta a profesionais e pacientes non ten ningunha xustificación, e é un paso atrás para aqueles que lexitimamente reclaman melloras nas súas condicións laborais”, denunciaba este domingo a Sociedad Española de Medicina de Urgencias y Emergencias de Galicia (Semes Galicia) nun comunicado.

“Calquera reivindicación por xusta que sexa queda invalida polo uso da violencia gratuíta que ademais condiciona a asistencia aos nosos pacientes  Temos a seguridade de que a cordura é o mellor camiño. O único camiño”, apuntaba.

Continúan a aparecer serpes en Vigo

Coa chegada da calor, continúa a aparición de serpes en Vigo. Deste xeito, ás 15:20 horas do sábado axentes da Sección UMIR, presentáronse nun domicilio da rúa Roupeiro, en Matamá, debido a que unha serpe entrara no domicilio dunha familia.

Unha vez no lugar, os axentes capturaron o réptil cos medios técnicos de que dispoñen,
comprobándose que se trataba da especie “Natrix Maura”. É parecida a unha víbora en forma e cor, o seu corpo é groso e a súa cola curta, chega a medir un metro aínda que a súa lonxitude media é de 70 cm.

Esta culebra non é velenosa, aínda que adopta unha postura defensiva imitando ao ataque das víboras si son molestadas, asubiando e lanzándose cara a adiante aplanando a cabeza. Nunca morde, nin sequera abre a boca para atacar.

Detida unha muller tras lanzar unha cadeira a persoal sanitario do PAC da rúa Pizarro

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller, V.D.F., veciña da cidade de 42 anos de idade, como presunta autora dos delitos de desobediencia, resistencia e atentado contra axentes da autoridade.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocurieron na madrugada deste venres, cando unha dotación que se atopaba na PAC da rúa Pizarro (esperando a que atendesen a un detido baixo a súa custodia) foi requirida pola facultativa de garda, que alertou de que unha muller estaba a causar altercados.

Os axentes entrevistáronse coa muller e comprobaron que estaba moi alterada, chegando a lanzar unha cadeira á doutora en presenza dos policías, ademais de proferir insultos cara aos profesionais sanitarios presentes.

A pesar das indicacións para que cesase na súa actitude hostil e abandonase o centro médico (posto que xa recibira atención), a muller continuou comportándose de modo violento, e proferiu insultos cara á os axentes, aos que deu lapotes e empuxóns, á vez que se negaba a marcharse, polo que foi detida.

DETENCIÓN POR AMEAZAR Á SÚA MULLER CUN COITELO

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, J.D.C.J., de 29 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras ameazar supostamente á súa muller cun coitelo de cociña.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste venres, cando o 092 recibiu unha chamada dun home que avisaba de que a súa muller quería denuncialo.

Unha dotación policial trasladouse á vivenda, na rúa Manuel Núñez, e entrevistouse con ambos os membros da parella. Así, a muller relatou que mantiveran unha discusión e que lle pediu ao seu marido que abandonase o domicilio.

Segundo a versión dela, o mozo negouse, alegando que “ninguén o ía a botar da súa casa” e que “polas boas non se ía”, e colleu un coitelo de cociña co que ameazou á súa muller. A vítima abandonou o domicilio por medo, e regresou pouco despois coa esperanza de que o seu marido estivese máis acougado.

Ante este relato, os axentes procederon á detención do home como suposto autor dun delito de violencia de xénero.

A Xunta e o Celta únense na loita contra a violencia de xénero

A Xunta de Galicia, a través da secretaría xeral para o Deporte, e o Real Club Celta de Vigo asinaron este martes un convenio de colaboración para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O acordo foi ratificado en Vigo polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e polo presidente da entidade celeste, Carlos Mouriño, e servirá para que o club apoie a difusión dunha campaña de loita contra a violencia machista.

Así, a través da difusión de vídeos e cartelaría tanto no estadio como por medio das súas redes sociais, así como do desenvolvemento de actividades especiais (haberá unha iniciativa nese sentido no partido do próximo 3 de novembro ante o Xetafe), o Real Club Celta contribuirá a estender a mensaxe de que, ante esta violencia, a única resposta é “non”, achegando a súa imaxe, a dos xogadores e o corpo técnico nesa campaña.

Lete Lasa agradeceu a implicación do Celta nesta campaña, que permitirá unir “igualdade e deporte”, e incidiu en que o fútbol é “un escaparate extraordinario” para difundir esta mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero. “Entre todos, este partido ímolo a gañar”, proclamou.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que tamén estivo presente no acto de firma do acordo, incidiu na importancia de que, no marco desta loita, a xente nova e a sociedade en xeral teñan “modelos” e “referentes”, como poden ser os deportistas.

Finalmente, o presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, comprometeu a implicación da entidade para pór fin a unha secuela que está “lacerando día a día” á sociedade, e sinalou que o club celeste “sempre estará aí” para pór o seu gran de area na batalla contra a “desigualdade, a discriminación de xénero, os homicidios e os malos tratos”.

Desarticulado o punto de venda de drogas de López Mora: 300 gramos de heroína, 500 de haxix…

0

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes e unha muller, de idades comprendidas entre os 59 e os 62 anos de idade e veciños da cidade olívica, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Segundo informaron fontes policiais, a investigación (levada a cabo polo grupo de UDEV-Drogas e coordinada polo xulgado de instrución número 3 de Vigo) iniciouse a principios de xaneiro ao ter constancia da existencia dun posible punto negro de venda de drogas na contorna das Travesas e López Mora.

As pescudas e dispositivos de vixilancia permitiron constatar que había unha importante trasfega de toxicómanos pola zona, que quedaban en puntos predeterminados cos vendedores, e que incluso acudían ao domicilio dun deles, en López Mora, a comprar a droga.

Tras identificar aos presuntos traficantes, a Policía estableceu un dispositivo para detelos de forma simultánea e coordinada. O ‘xefe’ da organización foi interceptado á primeira hora da mañá cando chegaba á vivenda de López Mora, mentres outros indicativos policiais detiñan ao resto de membros do grupo.

A Policía realizou as entradas e rexistros nos domicilios, e incautouse de 300 gramos de heroína de gran pureza, medio quilo de haxix, importantes cantidades de diñeiro en efectivo, e material para transformar e vender a droga.

Os detidos foron trasladados a comisaría, onde se comprobou que todos eles teñen antecedentes policiais, moitos por tráfico de drogas. Os arrestados e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo.

A Policía Local traballa para contrarrestar os desperfectos causados pola borrasca Beatriz en Vigo

A Policía Local de Vigo está a traballar arreo trala tormenta deste martes. Unha tapa da rede de sumidoiros aberta na rúa Julián Estévez, vivendas nas que a auga chega ao xeonllo a carón do Instituto Oceanográfico, unha árbore cortando un carril na rúa Cabalaira, descolgouse a iluminación de Nadal en Príncipe…

Son só algúns exemplos nunha cidade que espertou con desperfectos e chea de auga, que incluso chegou a entrar nalgunhas casas e provocou dano directo e indirecto a varios vehículos.

Tormenta en Vigo/ Miguel Núñez

A caída de contedores, árbores e outros elementos dificultaron a circulación en varias estradas, e a iluminación de Nadal foi desprazada con risco de caer á vía pública nalgúns puntos. Ademais, grupos de semáforos deixaron de funcionar e rúas como Martínez Garrido quedaron momentaneamente sen luz.

Tormenta en Vigo/ Miguel Núñez

Son as consecuencias da borrasca Beatriz, que deixou máis de 400 incidencias en Galicia, a maioría delas en estradas, causadas pola forte chuvia e tamén polo vento.

Vigo foi unha das cidades máis afectadas, pero A Coruña a provincia que máis incidencias presentou (182, por 148 de Pontevedra). Lugo e Ourense pasaron sen problemas un temporal que se centrou no litoral de Galicia.

Tormenta en Vigo/ Miguel Núñez

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed