A Policía Nacional detivo este mércores en Vigo a un home de 35 anos de idade, nacionalidade española e con domicilio na localidade pontevedresa de Cangas por un delito de roubo con violencia despois de atracar un banco da zona do Berbés.
Os feitos tiveron lugar á primeira hora da mañá, cando unha dotación policial camuflada, que forma parte do Plan Especial de Prevención de Atracos, observaba un “vello coñecido” dos axentes camiñando apresuradamente polo Berbés.
“Ante a sospeita de que puidese estar a estudar a contorna para cometer un atraco, os policías iniciaron un seguimento discreto que lles conduciu ata a rúa San Francisco“, indicou a Policía Nacional.
Alí viron como este individuo entraba nunha oficina bancaria e introducía a man dentro da chaqueta, á vez que indicaba aos empregados que se botasen cara a un lado. Segundo as declaracións posteriores das vítimas, o home esixiulles que abrisen as caixas fortes e entregasen o diñeiro que había nelas, ao que lle responderon que ese non era un banco ao uso, senón unha oficina para clientes na cal non se traballaba con efectivo.
CAZADO Á SAÍDA
“Desconfiando das palabras do director, comezou a abrir diversas portas e armarios, así como as caixas de seguridade, comprobando que apenas había un mínimo fondo de manobra. Frustrado por non obter o botín ansiado, ordenou aos empregados que baleirasen os seus bolsos, petos e carteiras, e lle entregasen todas as súas pertenzas”, explicaron as mesmas fontes.
Tras recollelas, saíu do establecemento para fuxir do lugar, pero dous axentes estaban a esperalo no exterior, polo que foi detido, “evitando así que puidese tomar reféns”.
Unha vez en dependencias policiais, tomóuselle declaración e realizóuselle unha consulta das bases de datos, na cal se comprobou que xa contaba con 42 antecedentes anteriores, sendo varios deles por feitos similares ao descrito.
Xornal de Vigo, preocupado polo estado de saúde dos espazos naturais da contorna e de todo o planeta, publica agora a primeira entrega semanal da nosa entrevista en profundidade con Antón Lois, responsable de comunicación de Amigos da Terra, delegación en Galicia de Amigos de la Tierra, e á súa vez delegación estatal da ONG Friends of the Earth.
Antón Lois, símbolo vivo do ecoloxismo en Vigo e a súa comarca, diferencia a ONG á que pertence das demais en que “hai máis autonomía dos grupos locais para que planifiquen as súas propias estratexias, e na preocupación polo impacto da degradación ambiental sobre as persoas”, explica.
P- Comecemos pola actualidade. Nas últimas semanas este mesmo xornal denunciou verquidos ao río Lagares. Falando con asociacións ecoloxistas como ADENCO, lamentaban que os crimes ambientais adoitan quedar impunes, polo difícil que resulta atopar aos culpables.
R- O do Lagares é un caso paradigmático disto. Ti atopas os efectos, a morte de centos de organismos. Cando unha vertedura ten a súa orixe nunha sustancia tan específica que só a emprega unha industria é relativamente simple identificar ao responsable, pero cando a vertedura é unha sustancia común tes un par de ducias de candidatos.
E sempre pensamos na parte estática, pero a vertedura tamén pode ser intinerante, calquera persoa pode chegar cunha furgoneta e verter alí. É complicado, e sempre ten que prevalecer a presunción de inocencia. Cando a substancia é gasoil e emprégana 50 empresas… Pero o problema xa non é iso, é cando é a propia rede de saneamento público a que fai a vertedura.
Vertidos no Lagares, 13 de novembro de 2018
P- Como é a situación actual do río?
R- O Lagares mellorou con respecto a hai 30 anos, pero aínda persisten estes residuos puntuais, e mesmo desde a propia rede de saneamento municipal. Hai unha certa sensación de impunidade ata coñecendo o responsable, porque cando chegan as sancións, despois do tempo, probablemente non cheguen nin ao 5% do que costaría un sistema de depuración, polo que non é exemplificante. Se o sistema custa 600.000 euros e a multa son 5.000… “Xa deixo pagada a seguinte”.
Vertedura no Lagares/ Miguel Núñez
P- Pero teño entendio que houbo un tempo no que a xente se bañaba no Lagares.
R- Si. E ían a coller cangarexos á desembocadura para cociñalos con arroz. O Lagares era unha cloaca, pero de vertidos orgánicos, non había esa carga química engadida. A contaminación orgánica era asumible polo ecosistema. Cando entra en xogo a química chega o colapso.
P- E pode chegar o día no que volvamos a bañarnos nas súas augas?
R- Por suposto que se podería, se existise a vontade de facelo. A cuestión é rexenerar o bosque de ribeira e controlar as verteduras de empresas e particulares, algo tan revolucionario como que se aplique a lei. Ata poderíamos chegar a beber a auga do río.
Antón Lois, retratado por Miguel Núñez/ Miguel Núñez
P- ¿Que opina da decoración de Nadal de Vigo, desde unha óptica medioambiental?
R- A contaminación acústica é algo que agora entendemos que é prexudicial para a nosa saúde e o entorno. Pero hai anos atrás era considerada como unha molestia, nada máis.
Aínda acabamos de comprender isto: a fase seguinte é facer o mesmo coa contaminación lumínica, que interpretamos como ‘moita luz pola noite’. Ten efectos na nosa calidade de vida e na nosa saúde, estamos confundindo aos nosos ciclos vitais, vivindo nun día permanente.
Luces/ Miguel Núñez
E non só é a cantidade, é o tipo de luz, branca, que se confunde coa do sol e altera o sono. As evidencias científicas nos din que prexudica aos animais e as prantas. Por suposto, a todo isto hai que engadirlle o gasto enerxético.
E logo hai outra, que é o que se manipula coas luces LED. Si, consumen 3 veces menos que unha lámpada tradicional, pero non falamos de empregar unha ou outra, senón de 9 millóns de LEDS. Se pos 100 veces máis de bombillas, o aforro enerxético vaise polo escorredoiro.
Luces 2 / Miguel Núñez
P- En canto ao cambio climático, parece que desde algúns sectores, como o exemplo de Trump en América, aínda non se dá por certo. Que opina ao respecto?
R- A ciencia xa hai moitísimos anos que non ten ningunha dúbida. Outra cousa é que Trump o discuta. El di que o cambio climático é cuestión de fe, que desaparece se non cres nel. Dirixe o segundo maior emisor mundial de CO2, e a súa postura implica retrasar a todo o mundo e as medidas a tomar. Porque ao clima lle é indiferente se Trump cre ou non.
P- Parece que a conciencia ecolóxica se instalou nos últimos anos na nosa sociedade pero permanece estancada, sen terminar de dar o paso.
R- Eu penso que o que avanzou moitísimo é a información. O que non coñece a problemática ambiental é porque non quere, co traballo que veñen realizando os medios, a ciencia, asociacións… Pero falta traducir isto en acción, ser quen modificar pautas na nosa forma de vida, e non agardar a que o fagan os outros, ao estilo Trump.
Unha muller e unha menor resultaron feridas nunha colisión múltiple no concello de Mos, na que se viron implicados catro vehículos. Tal e como informou o 112 Galicia, tivo coñecemento do suceso a través da chamada dun particular ao fío das 11,45 horas deste domingo. No seu relato, informaba dunha colisión entre diversos vehículos na A-55, ao seu paso pola parroquia de Sanguiñeda, dirección Tui.
Así, desde o 112 solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, tras prestar os primeiros coidados aos involucrados, confirmaron o traslado da nena ao Hospital Álvaro Cunqueiro. De acordo coa información facilitada ao 112 polos equipos de intervención que acudiron ao lugar, outra das persoas afectadas polo impacto en cadea, unha familiar da menor, tamén resultou ferida.
Ademais dos sanitarios, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como dos membros de Emerxencias de Mos e do servizo de mantemento das estradas.
FERIDO UN MOTORISTA EN VIGO
Por outra banda, unha colisión entre un autobús e unha moto en Vigo saldouse cun ferido, o motorista, que foi trasladado ao centro hospitalario de referencia. O accidente, que tivo lugar na rúa Coruña, foi notificado ao 112 Galicia ao redor das 12,15 horas, cando un alertante particular informou do sucedido ao servizo e especificou que ningún dos pasaxeiros do autobús estaba ferido.
Ata o lugar acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Policía Local. Igualmente, desde o 112 pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e aos membros de Protección Civil, por se fose necesaria a súa colaboración.
O comité clínico que asesora á Xunta respecto da evolución do coronavirus decidiu este martes que Santiago de Compostela volve quedar pechada perimetralmente debido á evolución da pandemia.
Pola súa banda, o municipio coruñés de Ribeira e os pontevedreses de Bueu e Baiona incorpóranse ao nivel máximo de restricións. Respecto deste último municipio, queda en nivel máximo, distinto ao de Vigo, así que o seu peche perimetral é en solitario.
Pola súa banda, Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra pasan ao nivel medio alto.
Un home acusado de agredir sexualmente a outro home, no baño da estación de tren de Guixar, en Vigo, aceptou este mércores a pena de 4 anos de cárcere, nunha vista de conformidade que se celebrou na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.
Antes da sesión, o acusado, Cándido G.C., foi sometido a un exame forense, xa que padece trastornos psiquiátricos, para confirmar que estaba en condicións de comprender o acordo e aceptar a condena.
Superado ese trámite, a Fiscalía e a acusación particular confirmaron ante o Tribunal o acordo para reducir a petición de condena (o ministerio público solicitaba inicialmente 9 anos de prisión), e a sentenza foi ditada xa na sala e declarada firme.
Así, o acusado aceptou 4 anos de prisión por un delito de agresión sexual, coa eximente incompleta de anomalía psíquica (padece un trastorno bipolar crónico), e unha medida de 8 anos de libertade vixiada tras a pena de cárcere, que implica a prohibición de achegarse á vítima e á localidade onde reside (Rianxo), a obrigación de notificar calquera cambio de residencia, ou a obrigación de someterse a tratamento e control médico xornal.
O presidente do tribunal, así mesmo, ratificou a continuidade da súa estancia no cárcere (o acusado está en prisión provisional), e seguirá internado no módulo de enfermaría. Con respecto á responsabilidade civil, quedou establecida a indemnización á vítima en 2.552 euros, que o acusado non terá que depositar porque a cantidade xa está embargada.
INTENTO DE AGRESIÓN SEXUAL
Os feitos remóntanse ao 28 de decembro do ano pasado cando, á primeira hora da mañá, a vítima atopábase cunha amiga na estación de tren de Guixar. Este home atopábase moi ebrio e o acusado ofreceuse a quedar con el mentres a súa amiga ía comprar os billetes de tren.
Cando quedaron sós, Cándido G.C.convenceu ao home para ir ao cuarto de baño para discapacitados e, unha vez dentro, pechou a porta e quixo obrigalo a que lle fixese unha felación, empuxándoo cara abaixo polos ombreiros para que se agachase.
A vítima revolveuse e tratou de zafarse, momento en que o acusasdo sacou unha navalla que levaba no peto para executar a agresión sexual. Con todo, nese momento entraron no baño dous vixiantes da estación, alertados pola amiga da vítima, que non o atopaba, e o acusado non puido cumprir o seu propósito.
Marta Lucio volverá á dirección do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, tras o seu paso pola Cámara Alta (onde foi senadora do PP desde xaneiro de 2016 e ata marzo de 2019), segundo aprobou este venres o padroado da Fundación Museo do Mar.
Así, tras este período de tres anos, nos que o museo estivo dirixido de forma provisional polo arqueólogo conservador Vicente Caramés, Marta Lucio volverá incorporarse á dirección da institución.
A Xunta de Galicia enmarcou o retorno de Lucio (licenciada en Xeografía e Historia, e especialista en Historia da arte, Arte Antiga e Medieval) nun momento no que o Goberno galego fai unha aposta “por conseguir unha mellor definición da realidade museística co impulso do anteproxecto de lei de museos de Galicia“.
Este documento compleméntase coa próxima Estratexia da Cultura Galega. Trátase dun plan no que se recollen as principais liñas de actuación e as prioridades das políticas culturais de Galicia, e que “marca a folla de ruta para afrontar os retos da cultura galega para os próximos anos”.
Desde a Sección Sindical CCOO do Concello de Vigo veñen de manifestar o seu total apoio aos opositores a Bombeiro en canto as reclamacións presentadas ao primeiro exercicio, proba teórica tipo test, por considerar que unha gran cantidade de preguntas non se corresponden co nivel académico exixido, así como que están fóra do temario requirido para dita praza e a non existencia de proporcionalidade entre preguntas e temario.
Por todo elo consideran desde o comité que deben de anular dita proba e repetir a mesma de acordo o temario e as bases xerais.
‘Prodúcenos certa satisfacción que o tribunal se reunira o 9 de Novembro e atendese a parte das alegacións, anulando para elo as preguntas 1,3,8,9,24 e 35, substituíndo estas polas seis preguntas de reserva, aínda que ao final nos produce certo desconcerto que xa publicaran un novo listado de resultados”, subliñan.
“Pretenden deixar así o exame? Xa que se atenden positivamente algunha das moitas alegacións existentes non poderán tirar de preguntas de reserva, xa esgotadas, polo que consideramos que terían que anular dito exame para realizar outro. Sería o mais prudente e xusto. É non xogar co futuro , a ilusión, a esperanza e o sacrificio de moitos opositores”, defenden desde CC.OO.
Engaden que “pertencemos a Administración polo que temos que ser exemplares e escrupulosamente correctos nas nosas decisións, temos que velar polos principios de igualdade mérito e capacidade, para todo elo non podemos deixar ningunha dubida de incorrección, inexactitude ou mala intencionalidade na realización dun proceso selectivo no que se buscan os mellores servidores públicos”.
Por último, danlle un voto de confianza ao tribunal “que seguro atenderá con rigor as numerosas reclamacións e en consecuencia resolverá”.
Adif adxudicou a redacción dos proxectos de construción para a ampliación de vías de apartado en varias estacións do tramo León-Monforte de Lemos, na liña de ancho convencional León-A Coruña. Segundo explica Adif nun comunicado, o obxectivo é potenciar o tráfico de mercadorías no corredor León-Monforte-Porto de Vigo.
O fin desta actuación é ampliar ata 750 metros una das vías nas estacións co fin de que os trens de mercadorías da devandita lonxitude poidan quedar apartados nela, deixando libre a vía xeral, dado que a liña León-A Coruña está configurada en vía única. As estacións incluídas no proxecto son as de Astorga, Brañuelas, Albares, Ponferrada, Quereño, Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e Pobra do Brollón (Lugo), nesta última suprimirase un paso a nivel.
As obras foron adxudicadas á empresa Técnica e Proxectos (TYPSA) por un importe de 738.794,54 euros. Para o desenvolvemento dos traballos previuse levar a cabo unha análise funcional previo, que confirmará as estacións seleccionadas e servirá de base para coordinar os traballos co resto dos subsistemas implicados (electrificación, control de tráfico e sinalización).
Asegurar a asistencia de Jair Fernandes ao prestixioso Másteren Economía da Universidade de Vigo. Esa é a intención do galego Brais Álvarez Pereira, que vén de lanzar unha campaña pública de recollida de fondos para que Fernandes, de orixe bisauguineano, poida acceder ós estudos en cuestión.
A petición de Brais Álvarez, canalizada a través da plataforma online GoFundMe, xurdiu cando Fernandes foi aceptado no curso de posgrado pero sen contar cos fondos necesarios para asumir o seu custe, case 10.000 euros. En poucos días, a petición lanzada por Álvarez conta xa con máis de 7.000€ aportados en distintas cantidades por benefactores de todas as partes do mundo.
UNHA “PROMESA” DA ECONOMÍA
A amizade entre economistas xurdiu cando entre 2016 e 2018 o mozo galego traballou para o Ministerio de Economía e Finanzas en Guinea – Bissau, onde coñeceu a Fernandez. “Foi unha terra que me acolleu como propia”, explica Álvarez na petición.
O contacto con Fernandez permitiulle comprobar que se trataba dunha “promesa” en materia económica. “Impresionoume desde o primeiro día coa súa motivación e dedicación ao proxecto”, explica o galego na campaña. “Dúas conversacións con Jair bastan para comprender de onde saca a determinación e a forza que lle permiten superar tantos grandes obstáculos: o claro obxectivo de contribuír ao progreso do seu país, acompañado da plena convicción de que ese progreso é posible”.
Agora, tal como explica no crowdfunding, o mozo africano está ás portas dun novo reto: “cursar un prestixioso Máster en Economía, na Universidade de Vigo”. Para garantir o acceso de Fernandez, o mozo galego estima en 9.980 o financiamento precisado, tanto para costear directamente o estudos como para garantir a manutención do economista. As doazóns pódense realizar neste enlace.
A Garda Civil interceptou en Ponteareas a un condutor que deu positivo nas probas de alcol e drogas e tamén carecía do permiso de conducir. Os feitos sucederon a pasada fin de semana no transcurso dun dispositivo especial que se estableceu na estrada PO-406 nas inmediacións de Ponteareas, no que participaban efectivos de Seguridade Cidadá e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
O vehículo foi interceptado á altura do km. 2,100 cando se observou que “circulaba de forma errática, seguindo unha traxectoria oscilante e imprevisible que, en ocasións, invadía o sentido contrario da marcha”.
O condutor, que resultou ser un veciño de Ponteareas de 38 anos, foi investigado penalmente por un delito contra a seguridade viaria dado que arroxou un resultado positivo de alcoholemia, cunhas taxas de 1,02 e 1,05 mg/ l nas dúas probas realizadas, superando o límite o de 0,60 mg/ l, que é a taxa límite que establece o Código penal.
A actitude neglixente deste usuario agravouse especialmente ao comprobar que tamén daba positivo en drogas (cocaína e THC), que non tiña permiso de condución nin seguro obrigatorio e ademais o vehículo tampouco pasara a ITV.
No interior do turismo interviñéronselle varias armas brancas, unha peza dun arma de fogo e varios teléfonos móbiles, cuxa procedencia se está investigando.