Inicio Blog Páxina 2070

A “preocupante” situación de Vigo centrará o comité clínico deste martes

O comité clínico deste martes, que asesora á Xunta na toma de decisións, analizará a situación “preocupante” de Vigo e, aínda que o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, non quixo avanzar as decisións, si augurou que se terán que tomar medidas ante unha incidencia que se está disparando.

En declaracións aos medios nunha visita Verín, destacou que, “por sorte, a situación de Galicia non é mala”, pero alertou de que “preocupa a área sanitaria de Vigo”. “Evidentemente gustaríanos que a incidencia acumulada estivese por baixo de 50, pero aínda así, cos datos que temos hoxe, non é mala”, considerou.

Actualmente, a incidencia é de 88 por cada 100.000 habitantes, unha marca que obriga “a estar pendentes en todo momento das medidas” que se toman, principalmente, dos pacientes que se infectan.

Comesaña apuntou que a Xunta segue traballando para pór todas as meidas co fin de que a situación “non vaia a peor”, e, de feito, indicou que “os resultados o han ido demostrando”.

Con todo, aínda que a situación en xeral é boa, non é “homoxénea” en toda Galicia. Así, hai zonas que “están nunha situación francamente boa, moitos concellos con ningún caso que se manteñen, pero tamén hai concellos onde se está incrementado”.

No caso da área sanitaria de Vigo, a incidencia a sete días está por encima do limiar establecido para as medidas básicas, polo que será analizado no comité clínico deste martes e “tomaranse as medidas acordes á situación” de cada concello.

Para os concellos de máis de 20.000 habitantes, está fixado o límite de restricións en 150, algo ao que non chega Vigo, pero “está moi preto”. Ademais, a incidencia a sete días multiplicada por dous, xa o sitúa neste valor. Hai que ter en conta que o comité clínico toma en conta agora os valores a sete días como un dos parámetros principais, debido á prevalencia da cepa británica e variantes máis contaxiosas en xeral, de maneira que pretende actuar antes fronte ás incidencias.

“Non quero adiantar ao que se poida dicir mañá (por este martes) no comité, pero o probable é que en Vigo teñamos que tomar medidas nestes próximos días”, dixo Comesaña, quen defendeu que, onde houbo que pór medidas adicionais despois de Semana Santa, “xa se puxeron”.

Comesaña lembrou que agora mesmo hai tres concellos con restricións máximas, é dicir, con peche perimetral e da hostalaría –O Grove, A Pobra do Caramiñal e Cualedro–, pero tamén puxo o acento en que hai municipios “con cero casos” e que manteñen “un comportamento bo epidemiológicamente”. En todo caso, se entre o martes e o venres hai que “dar algún paso atrás, por suposto, darase”, sentenciou o conselleiro de Sanidade.

Precisamente, o venres pasado entrou en vigor a ampliación do toque de queda ás 23 horas e a posibilidade de realizar ceas en locais de hostalaría con licenza de restaurantes.

Os epidemiólogos advirten: facendo grandes cribados “non se afina o suficiente”

0

Expertos en Medicina Preventiva e Epidemioloxía advertiron de que a eficacia dos cribados poboacionais pode estar en risco “se non se afina o suficiente” e se buscan casos asintomáticos en grupos moi concretos nos que se detectou unha alta incidencia de COVID-19.

O Sergas está a levar a cabo unha estratexia extensiva de cribados, tanto en pequenos municipios con alta incidencia de COVID como nas grandes cidades, caso da Coruña, Vigo ou Santiago.

Na cidade olívica está a desenvolverse un cribado para o que se prevé citar a 27.000 vigueses (ademais doutras 5.400 persoas doutros municipios da área) e, nas probas realizadas o pasado fin de semana, a taxa de positivos foi de pouco máis do 0,13 % (15 casos). No caso da Coruña onde se anunciou que se citará a 140.000 persoas en próximos días, a porcentaxe de positivos detectados nas probas realizadas o pasado fin de semana foi do 0,28 % (14 casos), e en Santiago, a porcentaxe de casos positivos foi do 0,17 % (11 casos).

Estas cifras resultan rechamantes se temos en conta que A Coruña e Vigo son as cidades máis poboadas de Galicia e, xunto con Santiago, son as áreas sanitarias con maior número de casos de COVID. E contrastan cos datos do Rosal ou A Cañiza, onde con 3.300 probas se detectaron 76 positivos.

CRIBADOS “BEN DIRIXIDOS”

Os expertos consultados por Europa Press sinalaron que “os cribados funcionan ben se están ben dirixidos” e “é moi importante elixir ben a poboación” para “centrar o foco” e “non disparar ao aire”. A ese respecto, o preventivista e profesor Juan Gestal puxo como exemplo un cribado “nun barrio concreto, nun grupo de idade concreto” onde se detectou unha alta incidencia de COVID, porque “canto máis se concrete, máis eficaz será o sistema“. Para iso, precisou, hai que “atender ao que digan os expertos e estudos epidemiolóxicos”.

Por outra banda, Gestal sinalou que, na actual situación, cunha transmisión do virus “descontrolada” e coa circulación de novas variantes, están a darse máis casos de enfermos “sintomáticos”, que derivan en maior presión nos hospitais e centros de saúde, e pode facer “menos eficiente” a procura de asintomáticos (obxectivo fundamental dos cribados).

Tamén o portavoz da Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Hixiene, Alejandro Conde, sinalou tamén que “os cribados son máis eficaces cando se fan onde hai máis prevalencia da enfermidade” e para iso, han de terse en conta os diagnósticos xa existentes. “Hai que ter en conta que a COVID non é unha enfermidade de moi alta prevalencia, por exemplo a hipertensión, por iso hai que afinar máis a procura de casos”, engadiu, aínda que sinalou que as probas voluntarias están a facerse “en lugares onde se detectou máis incidencia”.

BAIXA PARTICIPACIÓN

Juan Gestal subliñou que, á marxe da formulación do modelo de cribado, “hai que concienciar” aos cidadáns para que, unha vez citados, participen nesas probas, e máis tendo en conta de que os niveis de participación nos cribados en Galicia son, salvo excepcións, inferiores ao 70 % das persoas convocadas.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Cinco falecidos pola covid en Vigo, o número máis alto de todas as cidades galegas

O luns a Xunta informou de 24 falecidos, o martes de 14 e este mércores de 16. En total son 54 as vítimas reportadas nos últimos días –1.564 falecidos en total–, un número que volve lembrar aos peores momentos desta pandemia. Nas últimas 24 horas decreceu a presión sobre a provincia da Coruña e, particularmente, das áreas de Ferrol e A Coruña, que non rexistraron falecidos, pero aumentou en Santiago.

A área sanitaria máis afectada foi, nesta ocasión, a de Vigo. Alí morrreron cinco persoas, tres deles, no CHUVI. Trátase de dous homes de 77 e 83 anos e dunha muller de 96 que procedía da residencia paz y Bien de Tui. Tamén faleceron outros dous varóns de 86 e de 56 anos en Povisa. 

 Segundo informa o Sergas, na capital galega morreron tres persoas no CHUS. Trátase dun home de 90 anos e de dúas mulleres de 84 e 85. Tamén na provincia da Coruña faleceu unha muller de 91 anos na residencia DOMUSVI de Vimianzo. 

Tamén en Ourense se rexistraron catro falecidos nas últimas horas, dúas delas, un home de 88 anos e unha muller de 89 no CHOU e as dúas restantes, dúas mulleres de 80 e 87 anos, na residencia Santa María de Verín. 

Finalmente, o Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) rexistrou dous falecidos; un home de 80 anos e unha muller de 81 e o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo outro home de 95 anos procedente da residencia A Pastoriza. Todos os falecidos tiñan patoloxías previas e catro deles eran usuarios de residencias de anciáns.

  Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Aumentan os positivos de covid-19 no gromo do Meixoeiro, que suma 37 afectados, 28 deles pacientes

O gromo de coronavirus iniciado na área Xeriatría do hospital vigués Meixoeiro ampliouse coa detección de 16 casos máis, tras o cribado realizado a pacientes hospitalizados noutras unidades, segundo confirmaron fontes do Sergas.

Así, neste hospital confirmáronse un total de 37 casos de COVID-19, dos que 28 son pacientes ingresados e 9 son profesionais.

Os novos casos entre pacientes correspóndense con enfermos que estaban ingresados noutra área da planta terceira, no servizo de Xeriatría e Rehabilitación. Os pacientes con COVID-19 foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde se centraliza a atención desta patoloxía.

Por esta situación e de modo preventivo, este martes volveuse ampliar o número de camas COVID no Álvaro Cunqueiro (nas últimas horas anunciouse o aumento de 44 camas, ante o incremento nos ingresos por coronavirus). Nesta xornada habilitáronse 16 camas adicionais na vela 1C, de modo que, en todo o hospital, son xa 174 as camas destinadas a pacientes con esta infección (134 para casos confirmados e 40 para sospeitosos).

Ademais da dotación de camas, a área sanitaria viguesa reprogramou cirurxías non urxentes, para evitar a ocupación das unidades destinadas a coidados críticos por parte deses pacientes intervidos.

O segundo incendio nun mes dana o camarote doutro barco do estaleiro vigués Francisco Cardama

0

Un incendio producido na mañá deste venres danou un barco do estaleiro vigués Francisco Cardama, situado no número 12 da Avenida de Beiramar. Segundo informacións dos bombeiros a Xornal de Vigo, o lume afectou a un camarote dun barco e xa foi sufucado.

O incendio iniciouse ás 9,40 horas e os servizos de emerxencia tiveron constancia dos feitos a través dunha chamada que solicitaba axuda, xa que se estaba tentando sufocar as chamas “pero non eran quen de apagalas” debido, sobre todo, ao intenso fume, que é “moi contaminante”.

Desta maneira, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) alertou aos Bombeiros de Vigo, á Policía Local, á Garda Civil, a Protección Civil e á Autoridade Portuaria.

Fontes dos Bombeiros de Vigo  destacan que, finalmente, os danos foron mínimos e que o principal problema foi o fume. Hai apenas un mes tamén se produciu tamén outro incendio nun barco neste mesmo estaleiro.

Estaleiros Cardama / Miguel Núñez

A Xunta pide a reunión da comisión técnica do convenio sobre o abastecemento de auga de Vigo e a súa área

A Xunta demandou a convocatoria da comisión técnica do convenio realizado para determinar unha solución estrutural para o abastecemento de auga de Vigo e a súa área. Mediante un comunicado, detallou que o obxectivo desta reunión é que o Goberno central detalle as súas previsións de licitación e inicio dos traballos de realización do estudo que determinará a mellor alternativa para garantir o abastecemento de auga.

En concreto, este acordo foi alcanzado en abril polo Goberno galego, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Executivo central, e publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado maio.

Este convenio prevé así a creación dunha comisión técnica formada por un representante de cada unha das entidades que, no caso da Xunta, será o xerente de Augas de Galicia. Ademais, o Goberno galego asegurou que os encoros de Eiras e Zamáns atópanse por encima do 90 por cento da súa capacidade nestes momentos, polo que garantiu as reservas de auga para a zona.

No entanto, incidiu na necesidade de dar resposta ás deficiencias “estruturais” do sistema de abastecemento para evitar situacións de seca. Así mesmo, remarcou a importancia de que a concesionaria municipal de Vigo acometa as actuacións comprometidas sobre a potabilizadora de Casal.

Marea de Vigo reclama que calquera axuda pública a Barreras estea ligada á entrada no accionariado

O grupo municipal Marea de Vigo reclamou que calquera axuda ao estaleiro vigués Fillos de J. Barreras (agora propiedade de Ritz Carlton) por parte de entidades públicas, sexa a Xunta ou sexa o Goberno a través da SEPI, estea vinculada á entrada no accionariado da empresa.

O portavoz do grupo, Rubén Pérez, lamentou que a xestión do estaleiro é “desastrosa” e “absolumente opaca”, tras saberse que o cruceiro de luxo que está en construción nas súas bancadas será levado a dique seco a outro lugar para a finalización dos traballos.

“A marcha do barco e a falta de perspectivas futuras de carga de traballo son a plasmación evidente de que os novos accionistas só viñeron rematar o buque da súa propiedade e cargarlle as débedas ao estaleiro, evitando sobrecustos”, denunciou.

Marea de Vigo considera “impresentable falar de quitas ou axudas públicas cando nin sequera se liquidaron as débedas con auxiliares”, e sinalou que “a sensación xeneralizada no sector é que á fronte do estaleiro non hai ninguén, e só opera o interese de Ritz Carlton para acabar o cruceiro lejo ao menor custo”.

De feito, engadiu Rubén Pérez, en Barreras “non hai interlocutor claro” e tampouco está claro que o barco en construción vaia a regresar á bancada viguesa tras os traballos en dique seco, ou que se vaian a saldar as débedas.

Por todo iso, insistiu en que calquera quita de débeda ou axuda pública debe ir acompañada pola entrada no accionariado da administración correspondente, sexa a autonómica ou a estatal, “para dar certeza a posibles encargos e solvencia a armadores que queiran contratar no estaleiro”, e para que o persoal e os provedores teñan “un interlocutor claro”.

Un novo falecido por COVID na área de Vigo

0

Un home de 88 anos faleceu este sábado no CHUVI a causa da COVID. Este varón padecía patoloxías previas.

Con el son tres as mortes rexistradas este sábado en Galicia pola pandemia. O número total de falecementos polo coronavirus na nosa comunidade é de 1.306.

A oposición levará ao pleno de Vigo mocións urxentes para reclamar ao goberno local medidas ante o avance da COVID-19

Os grupos da oposición no Concello de Vigo (PP, Marea de Vigo e BNG) presentarán mocións de urxencia para o seu debate no pleno deste mércores, para emprazar ao goberno local a que, no marco das súas competencias, tome medidas ante a evolución da pandemia e o número crecente de casos na área sanitaria.

Así, o PP presentou este luns un “decálogo” de medidas, entre as que destacan a reactivación da desinfección de parques e instalacións deportivas, mercados e outros espazos públicos; a posta en marcha dun dispositivo de Policía Local de vixilancia e control sobre o cumprimento das restricións; ou tramitar os expedientes sancionadores por non usar máscara e outras infraccións de “competencia municipal”.

Os ‘populares’ tamén reclamaron que se suspendese o mercado do Nadal, a nora e outras atraccións polo seu “efecto chamada” (unha decisión que o alcalde, finalmente, anunciou este luns, despois de que a licitación para instalar esas atraccións quedase deserta) e instaron ao rexedor a esixir á concesionaria de bus que cumpra os aforamentos nos autocares.

A ese respecto, pediron que o diñeiro que se aforre na campaña do Nadal se destine a axudas para comerciantes e hostaleiros, porque “moitos van ter que pechar”.

Finalmente, esixiron que se reforcen os efectivos de Policía, Bombeiros e Protección Civil, así como da área de servizo sociais, para evitar colas como “as que se producen diariamente en Praza do Rei”.

MAREA DE VIGO E BNG

Mentres, Marea de Vigo reclamou a Concello e Xunta “que deixen de improvisar” con respecto a cuestións como as delimitacións horarias, e pediu debater no pleno sobre estes asuntos.

Así, o portavoz do grupo, Rubén Pérez, advertiu de que “é necesario reorientar inmediatamente certos recursos” para destinalos a políticas de promoción económica, especialmente aos sectores de hostalaría e comercio, e engadiu que os orzamentos municipais do ano que vén deben ter en conta a incidencia da pandemia.

“Non se pode propor un novo orzamento para 2021 baseado en humanizacións e outras cuestións que, agora mesmo, non son prioritarias para os veciños”, sinalou Rubén Pérez, quen recalcou que “todos os recursos deben dirixirse a crear un muro de contención” para atallar a crise económica, social e de emprego que se vivirá en próximos meses.

Na mesma liña, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén pedirá no pleno do mércores “medidas urxentes” para facer fronte á segunda onda da pandemia, e que o goberno local “mobilice todos os recursos” para “fortalecer a resposta da cidade”, á vez que reclama á Xunta que asuma as súas competencias.

O edil nacionalista lamentou que o alcalde, Abel Caballero, “desatendese” a súa petición de reunir a todos os grupos municipais para “sumar esforzos” , e volveu demandar “diálogo” para articular un Plan de Continxencia Municipal ante o avance da pandemia.

A ese respecto, entre as medidas que debe contemplar ese plan, apuntou, está o reforzo da desinfección de espazos públicos, o reforzo dos servizos de atención cidadá, a posta en marcha dun programa de protección social para os máis vulnerables ou medidas de apoio a pequenos negocios, como os comerciantes locais.

O comité de Vulcano denuncia o agravio respecto a Barreras e achácao á diferenza de clientes

O comité de empresa de Vulcano denunciou este luns o “agravio” que sofren con respecto a outro estaleiro vigués, Fillos de J.Barreras, e mentres que eles se senten “abandonados” pola Xunta, apuntaron que a administración e o clúster do naval están a mobilizarse para facer fronte á crise de Barreras.

En declaracións aos medios, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel (CC.OO.), lembrou que Vulcano non ten encargos, que a construción do último barco púidose rematar grazas ao compromiso dun persoal que mesmo “traballou sen cobrar”.

Por contra, Barreras ten pedidos millonarios en carteira e clientes aos que “hai que defender”, mentres que Vulcano “só” ten agora un persoal de 70 operarios, á espera de que se execute un expediente de regulación de emprego de carácter extintivo. “Esa é a diferenza. Hai que defender os clientes, e Ritz Carlton pesa moito”, apuntou o representante dos traballadores.

Os responsables do comité mantiveron este luns un encontro co maxistrado do Xulgado Mercantil 3 de Vigo, ao que tamén acudiron os administradores concursais de Vulcano (que está en proceso de liquidación e ten unha débeda de máis de 200 millóns de euros). Trátase dunha audiencia na que traballadores e administradores trasladaron ao xuíz os motivos polos que non se alcanzou un acordo para a aplicación do ERE de extinción, e que é o paso previo ao auto xudicial de extinción dos contratos.

Segundo trasladou Sangabriel, os traballadores seguen defendendo a posibilidade de que se lles aplique un ERE de suspensión, como vía para que, se chega un investidor que queira manter a actividade produtiva no estaleiro, teña que subrogar ao persoal.

A administración concursal, pola súa banda, explicou a falta de acordo pola imposibilidade de seguir mantendo un cadro de persoal cando “non hai tesouraría” para afrontar ese gasto.

PERÍODO DE OFERTAS

Así as cousas, unha vez que se emita o auto de extinción de contratos, explicou o presidente do comité, abrirase un período de presentación de ofertas para posibles investidores interesados que, entón si, poderán facerse co estaleiro sen a ‘carga’ dos seus traballadores.

“Estamos amolados, non pensamos que iamos chegar ata aquí sen que aparecese un investidor”, lamentou Sangabriel, quen convocou aos traballadores a unha asemblea para o próximos venres, á espera de que, durante esta semana, o xulgado Mercantil emita o auto de extinción de contratos.

A partir dese momento, constatou o representante sindical, “desaparece a relación dos traballadores coa empresa”, e aos operarios, moitos con máis de 40 anos de traxectoria en Vulcano, só lles quedará “o sentimento de que aquilo foi algún día a súa casa”.

En todo caso, Nicolás Sangabriel advertiu de que seguirán “loitando” para defender o seu dereito a traballar se o estaleiro mantén a súa actividade. “Coma se hai que encadearse nas instalacións”, apuntou.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed