Inicio Blog Páxina 2056

En Marea denuncia a “incompetencia absoluta” de Sanidade ante sucesos coma o do Marisquiño

A situación orixinada polo afundimento da beira do litoral no Festival O Marisquiño demostra, segundo En Marea, a “incompetencia absoluta da Consellería de Sanidade” para reaccionar fronte a situacións como a acontecida en Vigo na madrugada do domingo 11 de agosto. Nas seguintes 24 horas do sinistro, foron atendidas 189 persoas a consecuencia das lesións sufridas polo colapso da estrutura do peirao.

Con todo, fronte ao acontecido, o SERGAS e Sanidade non aplicaron ningunha atención especial. Unicamente se reforzou o servizo de urxencias do Hospital Alvaro Cunqueiro cun celador na quenda de tarde e un equipo médico (médico+enfermeiro+auxiliar) durante a quenda de noite. Luís Villares, voceiro de En Marea, recalcou que hai que denunciar “a falta de previsión por parte da xerencia do SERGAS e por parte de Sanidade á hora de xestionar a atención despois do accidente”.

O reforzo establecido pola xerencia “foi ridículo se temos en conta que durante os días seguintes foron atendidas máis de 400 persoas en urxencias por lesións referidas ao sucedido no festival”. Por isto, En Marea considera “inaceptable” e “inxustificable” que a Consellería de Sanidade non puxese en marcha un reforzo maior. Esta “imprevisión” ocasionou que o día 6 de agosto fose o de maior incidencia no servizo de urxencias dos últimos tres anos. A isto debe engadirse a supresión estival do médico encargado das camas de observación, que durante o resto do ano é de 24 horas. O resultado final é unha “saturación completa” dos servizos de urxencias malia que nas horas e días seguintes ao accidente era previsible un aumento considerable do número de ingresos neste servizo.

Villares pregunta tamén “onde estaba o conselleiro e onde estaba o responsable da xerencia da área para prestar un servizo eficaz á cidadanía, se a cousa finalmente saíu ben foi grazas, unha vez máis, ás nosas e os nosos profesionais”.  Para o voceiro de En Marea “é claramente insuficiente o voluntarismo cando o que é necesario é unha previsión e unha resposta expresa a accidentes como o sucedido”. Segundo a formación, as insuficiencias de planificación de Sanidade no Hospital Álvaro Cunqueiro teñen a súa manifestación máis clara na falta de aprobación do Plan de Catástrofes e Incidencias de Múltiples Vítimas que permitiría unha resposta máis áxil en sinistros coma o acontecido.

Situación semellante denunciou En Marea a raíz da explosión de Paramos, en Tui, mais a proposta non chegou a callar. Para En Marea resulta “bochornosa” a falta de medios e a precariedade coa que traballan as e os profesionais do SERGAS ante situacións de emerxencia como a sucedida. Por esta razón, pídelle ao Parlamento que compareza o Conselleiro de Sanidade para que explique a falta de reforzo do Servizo de urxencias do Hospital AC e require a aprobación “inmediata” do Plan de Catástrofes.

O Sergas di que agardar no Cunqueiro máis de 5 horas por patoloxías non urxentes “é normal”

O Sergas restou importancia á “saturación” e á “falla de medios” de Urxencias do Álvaro Cunqueiro esta fin de semana tal e como denunciaron pacientes a este medio de comunicación. “As incidencias foron as dun fin de semana normal“, destacaron fontes oficiais do centro hospitalario vigués que aclararon que “é normal” agardar máis de cinco horas se a patoloxía non é urxente.

Así, en declaracións a Xornal de Vigo, fontes do Sergas suliñaron que nas Urxencias dáse sempre prioridade aos “críticos e pacientes con patoloxías urxentes”. “Os que esperan son os que non teñen  algo urxente que tratar”, apuntaron. “Mesmo hai doenzas que poden agardar a ser tratadas o luns polo médico de cabeceira ou no PAC, pero hai xente que ven a Urxencias e é atendida pero, claro, ten que agardar”, indicaron.

Sobre as queixas de pacientes e enfermaría, desde o Álvaro Cunqueiro salientaron que as incidencias médicas desta fin de semana “foron normais”, comparables a calquera outra fin de semana, a pesar da vaga de calor. Así, o sábado houbo 346 persoas atentidadas e o domingo 369. “A media de xullo foi 369”, indicaron. Por iso, negaron que houbera desatención ou falla de persoal porque, insistiron, “tratouse dunha fin de semana normal”

A Guarda, premiada grazas á taxa de doazóns de sangue máis alta da provincia de Pontevedra

0

O concello de A Guarda encabeza as doazóns de sangue en Pontevedra, cun rexistro de 82
doazóns por cada 1.000 habitantes en 2017. O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Sanidade, Teresa Vicente, asistiron na tarde de onte xoves ao acto de entrega de galardóns polo Día Mundial dos Doadores de Sangue, no que a Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS) recoñeceu á Guarda como o concello
con maior taxa de doazóns da provincia de Pontevedra.

Durante o acto, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, agradeceuse o labor dos doadores e doadoras e púxose en valor o seu carácter solidario, grazas ao cal Galicia mantense dende hai 18 anos consecutivos dentro dos índices recomendados pola OMS e por riba da media de doazón estatal.

Segundo informou a directora da axencia, Marisa López, na Guarda rexistráronse 82 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2017, o que a converte nunha das localidades galegas con maior taxa de doazón.

Xunto á Guarda, foron galardoados Padrón, o concello que encabeza as doazóns na provincia da Coruña e a nivel autonómico cunha taxa de 105/1.000; A Pobra de Trives, coa maior participación en Ourense (69/1.000); e o concello de Meira, coa maio taxa de doazón da provincia de Lugo (49/1.000).

Neste senso, o Concello da Guarda agradeceu publicamente a solidariedade de todos os veciños e veciñas da Guarda que con regularidade participan nas campañas de doazón altruísta, toda vez que eles son os verdadeiros protagonistas do recoñecemento recibido.

As doazóns en Galicia

Este ano cúmprense 25 anos dende o inicio das campañas de doazón de sangue altruísta en unidades móbiles en Galicia, o que permitiu -segundo ADOS- pasar de ocupar o derradeiro posto en índice de doazón a situarse entre as comunidades máis solidarias a nivel estatal. Durante 2017, rexistráronse en Galicia 108.656 doazóns de sangue.

Detido por atracar unha muller a punta de coitelo nunha tenda en Vigo

Un home de 32 anos, J.C.F.C., foi detido tras, supostamente, atracar cun coitelo a unha muller mentres esta traballaba nun establecemento de Vigo. Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar este martes sobre as 16,51 horas, cando unha muller que realizaba a lista de pedidos do local da rúa Subida Ás Animas que rexenta foi abordada por un home.

Este home colocoulle un coitelo no pescozo e esixiulle o diñeiro da caixa, a onde ela o acompañou. Tras abrila a vítima, o atracador retirou o diñeiro, gardouno no peto e fuxiu do local. Posteriormente, esta muller dirixiuse á vía pública para pedir auxilio e un condutor que circulaba pola zona procedeu a seguir ao asaltante. Ademais, este home contactou coa Policía Local para informar do ocorrido e achegou a descrición do home ao que perseguía.

Deste xeito, unha patrulla desprazouse á zona na que se atopaba o condutor mentres outras unidades despregaban un operativo para cubrir as rutas polas que podía fuxir o atracador. Así, os axentes conseguiron dar con el e identificalo. Ademais, atoparon a arma branca utilizada no atraco a poucos metros de distancia, no interior dun colector, e detiveron ao home pola suposta comisión dun delito de roubo con violencia e intimidación.

Anulan a multa da Xunta ao Concello de Vigo polo control de fornecemento durante a seca de 2017

O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo estimou o recurso interposto polo Concello olívico e declarou nula a sanción que lle impuxo a Xunta por unha infracción grave, relacionada co control sobre a concesionaria de abastecemento de auga durante o período de seca de 2017.

A autoridade sanitaria autonómica impuxo unha sanción de 10.500 euros ao Concello de Vigo por considerar que non atendera á súa obrigación de reverter a situación de incumprimentos que se estaban detectando nas análises de auga por parte da concesionaria.

Con todo, o xulgado estimou que si se tomaron medidas con motivo da seca, facendo un maior seguimento e mantendo contacto continuado coa empresa concesionaria. Segundo recolle a sentenza, tamén se fixeron análises periódicas e adoptáronse medidas cando se detectaron problemas de turbidez na auga, expuxéronse posibles solucións para garantir o abastecemento, como o transvasamento do Verdugo, e establecéronse restricións en baldeos e outras actividades para garantir a subministración para o consumo.

Por todo iso, o tribunal sinalou que o Concello non eludiu a súa responsabilidade de controlar á concesionaria, e estimou o seu recurso, declarando contraria a dereito a resolución sancionadora e declarándoa nula.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou esta resolución juidicial nunha rolda de prensa na que celebrou que “o xulgado dá a razón” ao Concello e constatou que a sanción imposta en 2017 foi unha multa “política” propiciada polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

“Esta era a política de Feijóo nun momento tan grave. Foi difamando a Vigo polas televisións de toda España, dicindo que a auga non era de calidade. É un presidente indigno que propicia sancións políticas. Aínda lembro a dor que me producía velo na televisión dicindo que a auga de Vigo non cumpría os requisitos”, proclamou Caballero.

Pensionistas de CC.OO. e UGT protestan contra a “falta de prazas públicas” en residencias de Vigo e a contorna

Pensionistas de CC.OO. e UGT concentráronse este mércores fronte á delegación territorial da Xunta en Vigo en protesta pola falta de resposta ao documento entregado o pasado 18 de decembro, no que expuñan as necesidades deste colectivo e pedían solución á “lamentable” situación da Lei de Dependencia na cidade e na súa comarca.

Segundo explicou o portavoz de Pensionistas de UGT, Juan Francisco Fontenla, a Xunta prometeu dar resposta ás súas demandas antes de final de xaneiro, e non só non contestou, senón que non expuxo solucións aos problemas denunciados.

Perico Ucha, de CC.OO., lembrou que na cidade de Vigo hai unha “deficiencia tremenda” de prazas públicas, sobre todo para maiores con graos altos de dependencia, por iso recalcou que a súa principal reivindicación é que se cren polo menos 400 prazas nestes centros, e que se reverta a política de “favorecer ao sector privado como provedor de prazas de residencias de maiores”.

Os sindicatos de pensionistas tamén esixen un plan para acabar coas listas de espera dos solicitantes de axudas da Lei de Dependencia, para que estes poidan exercer os seus dereitos sen estar condicionados pola “ineficacia” da administración autonómica, e para que non se dean casos de persoas con dereito a axuda recoñecido que falecen á espera de recibila.

Así mesmo, reclaman que se mellore o servizo de inspección das residencias de maiores, tanto públicas como privadas, para que dean un adecuado nivel de atención médica e de benestar, con profesionais en boas condicións laborais; e, finalmente, pediron que se poña en marcha o Consello Galego de Persoas Maiores, como instrumento de colaboración e consulta.

Ucha e Fontenla denunciaron que hai anos que non se constrúen residencias públicas de maiores en Vigo, e que as achegas para a Lei de Dependencia tamén foron recortadas polo Goberno central. “O PP manda mensaxes de que as cousas van ben, pero non é certo. Que non nos veñan contando películas”, recalcou o portavoz de CC.OO., quen sinalou que, aínda que se aumentan as dotacións para servizos “de menor custo” como teleasistencia ou axuda a domicilio, non se incrementan para residencias.

A Xunta asegura “a vontade” de Pemex de dar viabilidade a Barreras

A Xunta de Galicia constatou que Pemex (accionista maioritario de Hillos de J. Barreras, a través da súa filial PMI) ten “toda a vontade” de darlle “viabilidade” ao estaleiro vigués, e avogou por “traballar” nun acordo entre todos os propietarios e os armadores dos buques en carteira para resolver a crise da empresa.

En declaracións aos medios, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, confirmou que responsables da Xunta mantiveron nas últimas horas unha “reunión importante” con representantes de Pemex, do Goberno a través de CESCE (aseguradora controlada polo Estado) e Pymar, para “avaliar” a posición da petroleira mexicana como principal accionista. “Constatamos que hai toda a vontade para darlle unha viabilidade ao estaleiro”, afirmou.

Chegados a este punto, indicou Conde, “é cando hai que implicar a todos os actores, ao resto de accionistas e aos propios armadores, para que se poida dar esta solución”.

O conselleiro avogou por “articular un acordo” entre os propietarios do estaleiro (Pemex, as empresas de José García Costas e o grupo Albacora) e destes co resto de axentes implicados, incluídas as entidades financeiras e CESCE.

“O camiño está trazado e imos tentar mediar entre todas as partes para que se poida chegar a un punto de encontro, cunha solución, tanto desde o punto de vista técnico como financeiro”, aseverou.

MANTER ACTIVIDADE E CONTRATOS

Conde recalcou que “o obxectivo da Xunta é claro”, “que se poida manter a actividade en Barreras e todos os contratos que ten asinado o estaleiro”, á vez que insistiu na necesidade de apoiar tamén á industria auxiliar.

A ese respecto, lembrou que a Xunta puxo en marcha unha liña de préstamos a través do Igape, a disposición desas empresas provedoras e auxiliares da industria naval, para que poidan “afrontar as necesidades de circulante e de pago financeiro”.

VULCANO

Con respecto á situación do estaleiro Vulcano (en proceso de liquidación), o titular de Economía do goberno galego apuntou que a Xunta está disposta a “tomar todas as medidas” para que poida continuar operando no sector naval, medidas como “responder o plan de liquidación presentado pola administración concursal, e no caso da Autoridade Portuaria, expor unha ampliación desta concesión”.

Así, e ante a confirmación do grupo vigués Vicalsa de que presentará oferta polas instalacións de Vulcano, Conde sinalou que dita proposta será avaliada polo administrador concursal e pola propia Autoridade Portuaria.

“Nese contexto é onde a Xunta vai traballar para ver como se pode apoiar un proxecto de continuidade do sector naval en Vulcano e non perdamos un elemento importante en Vigo”, proclamou.

Segundo o conselleiro, esa continuidade da actividade é “posible” pero, en todo caso, depende de que “haxa un proxecto solvente por parte de Vicalsa ou por parte doutra proposta que se poida trasladar á administración concursal”.

Detido en Vigo un home buscado por un suposto delito de malos tratos

Un home de 24 anos, M.R.V., ao que se buscaba por un suposto delito de malos tratos no ámbito familiar e un quebrantamento dunha condena, foi detido este martes en Vigo.

A Policía Local trasladou que os feitos tiveron lugar ao redor das 10,35 horas deste martes nas inmediacións de Praza América.

En concreto, os axentes descubriron ao home, ao que coñecían debido a intervencións anteriores e a unha difusión realizada pola Unidade de Familia da Policía Nacional para localizarlle e deterlle polos delitos referidos, nun parque.

Por estes motivos, os policías locais procederon á detención de M.R.V., así como á súa posta a disposición da autoridade xudicial competente.

Éxito en Mos da xuntanza tradicional de palilleiras

0

A tradicional Xuntanza de Palilleiras con motivo das Festas da Rosa de Mos chegou este
ano á súa undécima edición. O número de participantes ascendeu a 500, pero ao longo
do día de sábado pasaron por Costoias máis de 800 persoas, entre palilleiros, participantes e visitantes.

A XI Edición da Xuntanza de Palilleiras de Mos celebrouse en Costoias- Tameiga dende as 10.30 horas. E pola tarde achegouse ata alí a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da concelleira de Cultura, Sara Cebreiro.

Xuntanza de palilleiras / Concello de Mos

A Xuntanza de Palilleiras é xa un referente para un gran número de asociacións que dende moitos puntos de España se achegan a Mos cada ano. Nesta ocasión visitaron a localidade mosense asociacións de palilleiras chegadas dende O Porriño, Val Miñor, Baixo Miño, Silleda, Ponteareas, Pontevedra, Valga, Ames, A Coruña, Camariñas, Redondela, Salvaterra, A Guarda, Ourense, Moaña, Bueu, Fene, Vilanova de Arousa, Cambados e Ferrol.

Procedentes doutras comunidades autónomas, chegaron por primeira vez palilleiros procedentes de Asturias e Castela León. A de Mos é unha xuntanza diferente á de outros concellos, xa que ten lugar ao aire libre, nun entorno como o Parque de Costoias.

Xuntanza de palilleiras / Concello de Mos

A xornada de encontro contou tamén coa actuación dos alumnos da escola Maison ás 12.30 horas, ás 17.00 horas un desfile de moda infantil e para adultos con prendas íntegramente deseñadas e confeccionadas polos membros da Asociación de Palilleir@as de Mos, con diferentes tipos de encaixe do mundo pero primando sobre todos eles o encaixe popular-torchón.

Ás 17.30 horas, chegou o turno dun Flashmob da Muiñeira de Mos co gaiteiro mosense compositor da mesma, Xulio Lorenzo, e o acto de clausura foi ás 19.30
horas.

A concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e a directora da Axencia de Turismo de
Galicia, Nava Castro, recibiron de mans da directiva da Asociación de Palilleiros de
Mos sendos detalles de deseño e confección propios.

A primeira, uns zapatos con detalle en encaille de bolillos e, a segunda, un paraugas e unha pulseira de artesanía palilleira mosense. Ambas, Castro e Cebreiro, animáronse a desfilar con cadanseus complementos a petición do público e dos membros da Asociación.

Xuntanza de palilleiras / Concello de Mos

En premio ao seu bo facer, a Asociación de Palilleiros de Mos foi convidada ao
30 Aniversario do Encontro Mundial de Artesanía de Novadrate (Italia), a onde asistirán
o vindeiro mes de outubro.

O CES Aloya de Vigo, moi activo co programa Erasmus pola mellora das perspectivas laborais

Doce alumnos do Centro de Estudos Superiores Aloya participan no Programa Erasmus da Unión Europea para optimizar a súa formación con prácticas laborais en entidades de diferentes países europeos durante tres meses.

A través deste programa os estudantes melloran as perspectivas laborais, ademais de ampliar o seu desenvolvemento persoal, a súa participación na sociedade e demostrar a súa formación académica e humana nos centros colaboradores.

Os doce alumnos participantes nesta iniciativa pertencen aos ciclos de Laboratorio Clínico e Biomédico; Anatomía Patológica e Citodiagnóstico; Integración Social; Educación Infantil; e Asistencia á Dirección.

Entre as entidades coas que colabora o centro vigués destacan prestixiosas universidades europeas (University of Aberdeen, Università Campus Bio-Medico dei Roma e University College Cork); centros de investigación punteros (Institut Curie Recherche, Instituto Neurológico Mediterráneo e International Iberian nanotechnology Laboratory-INL); e centros educativos e de integración social (Centro de Apoio Social de Pais e Amigos dá Escola Nº10 e Colégio Horizonte).

Tal e como manifesta Estefanía Martínez-Brocal, directora do Centro de Estudos Superiores Aloya: “levamos anos participando en programas internacionais que van dando os seus froitos en forma de oportunidades laborais para os participantes”.

Engade ademais que a participación no programa Erasmus está “en plena consonancia coa nosa política educativa e supón unha ferramenta fundamental para a preparación do alumnado ao espazo laboral europeo”.

Aloya, Centro fundado en Vigo no ano 1967, formou a máis de 5.000 mozas e actualmente o centro ofrece 6 ciclos superiores de Formación Profesional: Administración e Finanzas, Asistencia á Dirección, Laboratorio Clínico e Biomédico, Anatomía Patológica e Citodiagnóstico, Educación Infantil, e Integración Social.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed