Inicio Blog Páxina 1922

Cinco anos de cárcere para o vigués que golpeu unha muller cunha barra de ferro na cabeza

Un sexagenario de Vigo aceptou unha pena de 5 anos de cárcere como autor dun delito de intento de homicidio, por golpear na cabeza a unha amiga cunha barra de ferro, e iso en presenza do fillo menor de idade dela. Así se acordou este mércores na vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

Deste xeito, José P.D. aceptou a pena de 5 anos de prisión, ademais da medida de afastamento e prohibición de achegarse á vítima durante 10 anos. De feito, durante a vista o procesado non só aceptou esa década de afastamento, senón que mesmo proclamou: “Coma se son 30 anos”. O acordo de conformidade tamén contempla que José indemnice á vítima en 21.000 euros. Inicialmente, a Fiscalía pedía 9 anos de cárcere, afastamento por 10 anos e indemnización de 20.000 euros.

FEITOS

Segundo reflíctese no escrito de acusación pública, o acusado e a vítima tiñan unha relación de amizade “próxima” e, ás 6,00 horas do día 16 de abril de 2019, ambos dirixíronse ao inmoble no que vivía ela.

Unha vez alí, e sen que se coñezan as causas, o acusado colleu unha barra de ferro e golpeou por detrás á súa amiga, polo menos en 5 ocasións, alcanzándolle a cabeza. O fillo dela presenciou os feitos e, cando lle pediu ao acusado que deixase de golpear á súa nai, este respondeulle: “Fago isto porque o merece, por chulearme”. A continuación, fuxiu do lugar nun coche.

Cando a Policía acudiu, atopouse á muller sangrando abundantemente pola cabeza, polo que avisou a unha ambulancia, que a trasladou ao Hospital, onde permaneceu ingresada catro días. O home foi detido ao día seguinte na estación de tren de Ourense.

O cadáver rescatado da auga en Sanxenxo corresponde a un veciño de Bueu

0

O cadáver localizado cando flotaba na auga nas proximidades dunha praia de Sanxenxo corresponde a un veciño de Bueu de 50 anos. Así o confirmaron a Europa Press fontes da Garda Civil, que explicaron que este veciño de Bueu non constaba como desaparecido e investíganse as circunstancias da súa morte.

Sobre as 12,58 horas deste xoves localizouse na auga o corpo dese home, que non levaba documentación encima, sinalaron as mesmas fontes, na zona de Cabicastro, no termo municipal de Sanxenxo. Fontes municipais apuntaron polo seu lado que o cadáver foi localizado á altura da praia de Paxariñas, “a uns 500 metros da costa” tras a alerta dun barco de pasaxe.

Unha embarcación do Servizo Marítimo da Garda Civil encargouse do traslado do corpo ao porto de Portonovo, en Sanxenxo. Unha vez ordenado o levantamento do cadáver, foi trasladado para a realización das tarefas de identificación.

Denunciado en Vigo por conducir sen seguro e coa placa de matrícula doutro coche

A Policía Local de Vigo tramitou denuncia contra un condutor, J.C.C., de 35 anos de idade, como presunto autor dun delito de falsidade documental e outro contra a seguridade viaria, ao circular nun coche que levaba placas de matrícula pertencentes a outro vehículo, e sen ter en vigor o seguro obrigatorio.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron sobre as 13,30 horas do pasado venres, cando unha unidade policial estaba a facer labores de vixilancia e control na Avenida do Aeroporto, e os axentes observaron un vehículo BMW con placas de matrícula temporais de Bélxica.

Ao darlle o alto para comprobar a documentación, os axentes constataron que esas placas de matrícula correspondíanse con outro coche, un Volkswagen Golf, polo que procederon á identificación do condutor e a tramitar a denuncia. Así mesmo, puideron comprobar que o coche carecía do seguro obrigatorio en vigor, polo que tamén se tramitou proposta de sanción por estes feitos.

CONDUCIÓN BAIXO OS EFECTOS DO CANNABIS

Por outra banda, a Policía Local tamén informou da identificación de catro novos, que circulaban nun coche pola rúa Aragón, interceptados o pasado sábado pola mañá. Neste caso, o condutor, M.P.G., de 24 anos de idade, foi denunciado porque, ao ser interceptado nun control, os axentes comprobaron que tiña síntomas de estar baixo o efecto dalgunha sustancia estupefaciente e, ao facerlle a proba, deu positivo para cannabis.

Os axentes interviñéronlle unha bolsa de plástico que contiña fragmentos de haxix, e tamén identificaron o resto de ocupantes do vehículo. Así, outros dous mozos, ambos de 22 anos de idade, portaban tamén senllas bolsitas con haxix, polo que se cursaron contra eles denuncias administrativas.

Unha colisión entre tres vehículos no Porriño na A-55 obriga a evacuar tres persoas

0

Tres vehículos, dous turismos e un camión, víronse implicados nun accidente de tráfico rexistrado este mércores na A-55 ao paso pola parroquia de Torneiros, no concello pontevedrés do Porriño. A consecuencia do accidente, dúas persoas resultaron feridas, polo que foron evacuadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Para restablecer as condicións de seguridade na vía foi necesaria a intervención do equipo de mantemento das estradas.

A alerta sobre este accidente activouse no 112 Galicia ás 16,30 horas, despois de recibir a información a través de diversas chamadas das testemuñas do sinistro. Durante a comunicación, indicaban que a colisión tivo lugar á altura do punto quilométrico 17, dirección Vigo.

Nada máis ter constancia dos feitos, o 112 pasou aviso aos profesionais do 061, aos Bombeiros do Porriño e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Ademais, puxeron os feitos en coñecemento dos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.

COLISIÓN EN MONTERREI

Por outra banda, un accidente entre dous turismos mobilizou aos equipos de emerxencia ao redor das 18,00 horas. O sinistro ocorreu na A-52, ao seu paso por Monterrei, en Ourense.

De acordo coa información facilitada polos Bombeiros de Verín ao 112, un dos ocupantes dos vehículos sinistrados tiña dificultades para abandonalo polos seus propios medios e, por iso, tiveron que empregar unha táboa para axudarlle.

Foron os axentes da Garda Civil de Tráfico os que contactaron cos xestores do 112 Galicia para informar do sucedido. Así, a central de emerxencias informou tamén o equipo de urxencias sanitarias, á Protección Civil e ao persoal de mantemento da vía.

Caballero critica que as obras da Cidade da Xustiza “levan case dous anos de atraso”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, urxiu este luns a “acelerar” as obras da chamada Cidade da Xustiza, as novas dotacións xudiciais que a Xunta constrúe no edificio do antigo Hospital Xeral-Cíes, e criticou que levan “case dous anos de atraso”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico sinalou que, aínda que o proxecto é do seu agrado –pese ao inconveniente “de que non fagan aparcadoiro”–, “acumula un atraso tras outro”.

Así, segundo sinalou, a Xunta anunciou varios prazos de finalización das obras, empezando polo anunciado en 2016, cando se dixo que os novos xulgados estarían en marcha en 2019. Tras sucesivos atrasos, aseverou, o pasado outubro o goberno galego dixo que a obra acabará no primeiro trimestre de 2021.

“E non vai estar. Son case dous anos de atraso”, constatou o alcalde, quen proclamou que “convén acelerar as obras” e lamentou que eses atrasos se deben a que a Xxunta quere “aforrar diñeiro”.

ILUMINACIÓN DA GUÍA

Doutra banda, o rexedor referiuse ao informe negativo de Patrimonio da Xunta sobre o proxecto do Concello para iluminar o paseo e o exterior da capela do monte da Guía, que conta cun investimento de 400.000 euros.

Abel Caballero defendeu o proxecto e sinalou que o informe de Patrimonio é “subxectivo”, do mesmo xeito que ocorreu co rexeitamento da Xunta á instalación de ramplas en Gran Vía (que foi avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

“Outra vez recibiron indicacións políticas”, constatou o alcalde, e engadiu: “Feijóo está a converterse nun gravísimo problema na cidade. Páranos todo o que pode”.

Anulan a multa imposta a un vigués identificado durante o estado de alarma cando ía á farmacia

0

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo ditou sentenza na que anula unha multa imposta a un veciño da cidade que, durante o estado de alarma, foi identificado por axentes da Policía Local, que o sancionaron con 601 euros por desobecer supostamente á autoridade.

Segundo a resolución, a actuación policial tivo lugar o pasado 28 de marzo sobre as 15.30 horas da tarde, cando unha dotación identificou a un home que camiñaba pola Avenida de Camelias. Ao preguntarlle polo motivo da súa presenza na vía pública, este vigués alegou que ía a unha farmacia, porque as máis próximas ao seu domicilio estaban pechadas.

Os axentes preguntáronlle por que fora a unha botica na Rolda don Bosco, que está máis preto da súa casa e o home sinalou que non figuraba na lista de farmacias de garda que vira e que pasara por diante e lle parecera que estaba pechada. No entanto, seguiu as indicacións dos policías e foi a esa farmacia.

A Policía Local impúxolle unha multa por unha suposta infracción grave da lei de seguridade cidadá, e o home recorreu dita resolución. O seu recurso foi admitido polo xulgado contencioso administrativo de Vigo, que anulou a sanción.

NON HOUBO DESOBEDIENCIA

Na súa sentenza, o tribunal vigués sinala que, na actitude do home denunciado, non houbo “nin desobediencia”, “nin resistencia”, “nin negativa a identificarse”, “nin incumprimento de ordes”, e sinalou que este veciño non só atendeu ao requirimento dos axentes e foi á farmacia de Rolda don Bosco, senón que achegou na súa demanda proba de que fixera alí unha compra, o que pon de manifesto “a plena obediencia” con que actuou .

Así mesmo, o xuíz lembrou que desprazarse para comprar produtos farmacéuticos era un suposto contemplado como excepción nas restricións de mobilidade durante o estado de alarma, e insistiu en que “non hai rastro” de que os policías lle fixesen algún requirimento que non fose atendido.

“Non imos entrar no debate referente ás distancias das farmacias que se achasen abertas máis próximas ao momento no que se efectúa a denuncia, so pena de alcanzar resultados tan absurdos como que se valide unha actuación sancionadora porque a farmacia á que se acudiu estaba a un quilómetro do domicilio do suxeito cando dispuña doutra a oitocentos metros”, recolleu o maxistrado na súa sentenza, na que tamén apuntou que “aínda que non acudise a esa farmacia, senón a outra”, non se detecta “delito na súa conduta”.

Un novo síndrome relacionado co COVID19 está provocando ingresos en UCI dos cativos de Reino Unido

0

A loita contra a pandemia en Reino Unido pegou un xiro inesperado nas últimas horas logo de que doutores de medicina xeral de Reino Unido lanzaran unha “alerta urxente” na que piden aos sanitarios de atención primaria e de coidados intensivos infantís que non pasen por alto esta nova sintomatoloxía nos máis cativos, unha rango de idade non considerada de risco ata o momento.

Así o recollen diversos medios británicos, logo da alerta lanzada polo propio NHS (Sistema de Saúde Británico) a través do seu director médico, o profesor Stephen Powis, a toda a poboación e en especial aos médicos de atención primaria do Reino Unido.

As alertas saltaron depois dun aumento repentino dos cativos ingresados en coidados intensivos (UCI) con erupcións cutáneas, insuficiencia renal e problemas estomacais.

Segundo informa o NHS os cativos presentan unha sintomatoloxía similar ao shock tóxico ou síndrome de Kawasaki, un proceso inflamatorio agudo grave que debilita os vasos sanguíneos e que normalmente afecta aos menores de 5 anos.

O NHS asegurou que o departamento PHE, axencia autónoma dependente do Departamento de saúde británico, está traballando nos informes para confirmar ao cento por cento a relación desta sintomatoloxía co coronavirus SARS-CoV2.

O secretario de Saúde británico, Matt Hancock sinalou hoxe en rolda de prensa estar moi preocupado pola noticia da nova onda de casos que provocaron o ingreso en UCI dos cativos sinalando tamén que era factible a relación e vínculo entre estes ingresos e o coronavirus.

Na mesma liña a sociedade de pediatría británica (PICS) lanzou o mesmo aviso a todos os profesionais do seu ramo, alertando de que os cativos que presentasen sintomatoloxía: dor abdominal, síntomas gastrointestinais e inflamación cardíaca fosen ingresados de urxencia.

Un médico pediatrico de Londres, en declaracións ao Telegraph, asegurou que están desconcertados. Teñen media ducia de nenos con idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos con esta sintomatoloxía. “Os cativos empeoran bastante rápido. Comezan a sentirse mal, con sintomatoloxía non específica. Entón aparecen os primeiros síntomas, erupcións no pescozo, antebrazo, abdome. E cunha tipoloxía de erupcións distintas entre eles. Planas, con avóns, suaves, … Ningún paciente presenta as mesmas erupcións”.

“Algún deles entran coa tez escura, o que suxire algún tipo de vasculite. Posiblmente por unha reacción autoinmune á resposta isquémica, onde o fluxo de sangue queda restrinxido.” “Non sabemos se é unha forma mutada do virus o que causa isto“.

Esta alerta chega nun momento clave do confinamento decretado en Reino Unido, un país que inicialmente minimizou o impacto do COVID19 na súa poboación e as súas consecuencias para a saúde. Certos sectores exercen no goberno presión para que reabra as escolas e reinicien as clases antes de rematar o verán, esta situación supón un xiro inesperado na estratexia de combate contra o virus e un aviso a navegantes para outros paises.

Rodman nega que a filial de Panamá sexa unha ‘offshore’ e repite que Espinosa descoñecía que figurase nela

O estaleiro Rodman Polyships negou que crease unha sociedade ‘offshore’ en Panamá, na que a exministra e actual concelleira socialista de Vigo, Elena Espinosa, figuraba como tesoureira, e recalcou que dita empresa era unha “filial” para negocios “puntuais” nese país, á vez que insistiu en que tanto o presidente da empresa, Manuel Rodríguez, como a propia Espinosa (que foi directiva no estaleiro), descoñecían que ela figurase na estrutura desa filial.

Así o trasladaron fontes da empresa despois das críticas do PP e do anuncio de que deputados e senadores ‘populares’ preguntarán nas Cortes por esa suposta participación de Elena Espinosa nunha sociedade situada nun paraíso fiscal.

Respecto diso, Rodman Polyships puntualizou que “nunca” creou unha sociedade ‘offshore’ en Panamá, senón unha filial denominada Rodman Polyships International, rexistrada en 1995, con motivo das negociacións comerciais con ese país, así como con Surinam.

O propio nome da filial, sinalou, denota que había unha “nula intención de ocultar” esa medida que, por outra banda, lembrou o estaleiro, “non é en absoluto ilegal, sempre que se comunique á Facenda española, como Rodman Polyships fixo”. De feito, abundou, tratouse de negocios auditados e suxeitos a inspección das autoridades tributarias españolas.

O estaleiro tamén recalcou que Rodman Polyships International creouse “de forma puntual” para eses negocios e que, desde a execución dos mesmos, non volveu ter movementos. Segundo precisaron, os seus asesores legais en Panamá indicáronlles que, unha vez que non había movemento algún e o balance era “cero”, o propio goberno panameño “de oficio” disolvería esa filial.

NIN RODRÍGUEZ NIN ESPINOSA SABÍANO

Por outra banda, Rodman insistiu en que nin o presidente do grupo, Manuel Rodríguez, nin a propia Elena Espinosa, sabían que ela figuraba na estrutura do filial “tres anos despois, momento no que se produciu un cambio de tesoureiro na filial, por mor da súa saída da matriz”.

De feito, a empresa recalcou que ese cambio foi levado a cabo polo seu representante legal en Panamá, pero “sen presenza de ningunha figura executiva” de Rodman.

“Ningún documento nese sentido conta coa firma de ningún dos dous”, subliñaron desde o estaleiro, e engadiron que Elena Espinosa “nunca tomou posesión como tesoureira desta filial, nin exerceu como tal, nunca tivo poderes na mesma, nin tan sequera foi convocada a reunión algunha en ningún momento”.

As analíticas confirman que o menú é a orixe da reacción alérxica que sufriron varios nenos en gardarías de Cangas

As análises realizadas por Sanidade sobre os alimentos servidos aos nenos de dúas escolas infantís da zona de Cangas confirmaron que o menú do pasado venres como a orixe da reacción alérxica que sufriron varios dos infantes que acoden a estes centros.

O primeiro caso foi detectado o pasado venres na Choupana, cando a algúns dos pequenos aparecéronlles ronchas e manchas vermellas polo corpo, que desapareceron espontaneamente en menos dunha hora.

Os profesionais da escola, ante as sospeitas de que a orixe das manchas puidesen ser os alimentos, cambiaron rapidamente o menú servido na segunda quenda de comida.

Tamén se deron circunstancias similares noutra escola infantil da zona, a de O Hío, cuxa cociña está xestionada pola mesma empresa que o centro da Choupana. En total, a Consellería de Política Social tivo constancia de nove casos de reaccións alérxicas nos pequenos.

A orixe do problema foi o peixe servido nesa xornada. Segundo trasladaron fontes da Xunta a Europa Press, os técnicos analizaron o peixe tanto en cru, conxelado como cociñado e confirmaron a presenza dunha sustancia, ‘histamina’, por encima dos valores normais.

Sanidade acudiu á propia empresa encargada de ambas as cociñas e “non viron nada anómalo” polo que determinaron que a causa “máis plausible” é que rompese a cadea de frío nalgún momento do transporte do alimento por parte do distribuidor.

De feito, as mesmas fontes apuntan a esta posibilidade como a causa máis probable, posto que a empresa concesionaria cambiou de provedor de peixe hai menos dun mes. Finalmente, realizaron un chamamento á calma, posto que se tratou dunha incidencia leve e non dun problema a gran escala.

Gonzalo Caballero ve ao PSdeG como a forza do cambio en Galicia

0

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que nas eleccións municipais haberá unha “maioría de votos progresistas” en Galicia, coas forzas “progresistas” gobernando nas principais cidades galegas, fronte á “picada” dun PP no que Alberto Núñez Feijóo “está descolocado e fóra de xogo”.

Durante un acto de campaña celebrado en Moaña, no que acompañou á candidata socialista Marta Freire, o líder dos socialistas galegos subliñou que o PSOE está “en ascenso” e as eleccións municipais reflectirán que “a maioría social de Galicia dille non ao PP e retírao das capacidades de Goberno das principais cidades galegas”.

En referencia ás enquisas electorais que este domingo prognostican o crecemento do PSOE e o descenso do PP, Gonzalo Caballero sinalou que reflicten que os socialistas contan con equipos e candidatos “contrastados e capaces de liderar unha aposta polo futuro de Galicia fronte ao retroceso, a inmobilidade e atraso do PP”.

“Feijóo está fóra de xogo, hoxe empeza a dicir que non sabe que vai facer da súa vida política, que abre a porta a outras actividades”, agregou Gonzalo Caballero, para quen “Feijóo quedou descolocado desde as eleccións xerais”.

O secretario xeral dos socialistas galegos sostén que “Feijóo sabe que o problema do PP non foi a división da dereita senón unha maioría progresista clara e rotunda fronte ao PP”, xa que “o 45% dos galegos votaron a forzas progresistas, encabezadas polo PSdeG para rectificar e suspender a Feijóo á fronte da Xunta”.

Ante isto, confía en que as “forzas progresistas” poidan gobernar nas cidades galegas “e o PSdeG na maioría”, pero tamén nas pequenas localidades nas que denunciou que o PP “fracasou nas súas políticas”.

Neste sentido, a candidata en Moaña, Marta Freire criticou a postura da Xunta para a construción do novo centro de saúde, xa que “non acepta” os terreos propostos para o novo centro de saúde, “cando catro anos antes si que valían, cando gobernaba o PP”, nunha mostra, ao seu xuízo, do “menosprezo aos concellos nos que non goberna”. Ademais de apostar pola mellora da sanidade, a candidata en Moaña tamén propón avanzar na unión coa costa e na mellora da mobilidade interior.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed