Inicio Blog Páxina 1906

Vigo, lugar de nacemento do primeiro disco de theremin gravado en Galicia

Modulador de Ondas é o nome do proxecto en solitario do compositor, thereminista e guitarrista Paulo Pascual. E “Planeta Theremin” o nome do seu disco de longa duración, que sairá á luz en outubro e pode entenderse como o primeiro álbum dun thereminista gravado en Galicia. Pascual conta cun taller en Vigo no que tenta achegar este instrumento a máis músicos.

O theremin é o único instrumento que se toca sen tocar, “dun xeito case máxico e que responde a un funcionamento radicalmente distinto ao resto. É electromagnetismo, electrónica do pasado que viaxa sobre o noso mundo ao futuro”.

Neste traballo, o músico dá renda solta a súa necesidade expresiva. As melodías, armonías e sons fluiron polo aire de cada tema durante a composición sen prestar atención a condicionantes estilísticos. Tratáse dun album autoeditado; gravado e mesturado por Alber Costas en agosto de 2018 en Vigo.

Como adianto de este disco que saldrá á luz en outubro, Modulador de Ondas vén de publicar un vídeo na rede dun dos temas incluídos no mesmo: ”Cefalú”. Non hai precedentes en España ou Portugal dun traballo similar en canto ao tratamento melódico combinado cun chelo e unha guitarra.

Nesta ocasión, a colaboración estivo a cargo da chelista Macarena Montesinos. O vídeo gravouse en Alcabre, Vigo, e foi rexistrado e editado por Jose Aragunde.


A principios de 2017, Paulo Pascual iniciou un camiño en solitario tras formar parte de múltiples proxectos grupais. Propúxose crear un repertorio propio nun par de meses e desenvolveu un xeito totalmente autónomo de levalo ao directo, para o que utilizou unha combinación de instrumentos que non conta con precedentes levada a cabo por un só músico: theremin e guitarra eléctrica.

Estes foron os dous únicos instrumentos cos que ofreceu máis de 30 actuacións durante ese ano. Intercalouno con sesións de cinema musicado en directo e obradoiros de achegamento ao theremin, unha  labor divulgativa que combina coas súas clases de theremin.

Asegura ser a única persona que fai isto en Galicia, e con isto busca que o número de intérpretes se multiplique e formar “comunidade” para compartir experiencias e coñecementos, e avanzar no pracer de facer música acariciñando o espazo de radio de acción das dúas antenas. Para isto, pasa o seu tempo nun taller-estudio en Vigo chamado Planeta Theremin, lugar de traballo e punto de encontro entre thereministas.

A súa liña de traballo foi recoñecida recentemente polo directorio internacional de Theremin Today, web rusa administrada polo neto do inventor do instrumento, Peter Theremin, onde figuran os thereministas actuais con maior proxección do mundo.

Falece unha muller e dous homes resultan feridos nunha colisión frontal entre dous vehículos en Mos

0

Unha muller de 69 anos de idade faleceu e dous homes resultaron feridos, un grave e outro leve, como consecuencia dunha colisión frontal entre dous vehículos que circulaban pola Nacional 550 ao seu paso pola localidade pontevedresa de Mos.

Segundo informaron a Europa Press fontes do 112 Galicia, os feitos ocorreron pouco despois das 16:00 horas deste mércores na N-550, concretamente no punto quilométrico 148, na parroquia de Louredo.

A Garda Civil de Pontevedra alertou ao 112 dun accidente múltiple con persoas atrapadas, polo que desde o Centro de Atención ás Emerxencias se avisou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Baixo Miño e Vigo, Protección Civil de Mos e Garda Civil de Tráfico.

Após desprazarse ao lugar, no cruzamento dos Valos, os bombeiros comunicaron ao 112 que non foi necesario excarcerar a ninguén e que, como resultado do sinistro, unha persona resultou falecida, outra ferida grave e outra ferida leve.

Pola súa banda, Urxencias Sanitarias de Galicia informou de que, após recibir a alerta na Central de Coordinación, acudiron ao lugar dúas ambulancias asistenciais e unha ambulancia medicalizada, que atenderon a tres persoas.

Así, a pesares dos esforzos do equipo sanitario, non se puido salvar a vida dunha muller de 69 anos e iniciais M.L.M. Pola súa banda, foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro un home de 71 anos e siglas M.F.G., e ao Hospital de Fátima un home de 48 anos e iniciais F.M.G.

Evacuado un operario tras romper un brazo ao sufrir unha caída en Redondela

Un operario duns 33 anos de idade foi evacuado a un centro hospitalario na mañá deste luns ao sufrir unha caída en Redondela debido á que se rompeu un brazo.

Segundo informou o 112 Galicia, os feitos sucederon uns minutos antes das 8,00 horas deste luns. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou o servizo de emerxencias dun accidente laboral en Redondela, no que un traballador se rompeu un brazo.

Segundo explicaron os servizos sanitarios, o sinistro produciuse na parroquia de Rande. Con esta información, o CIAE-112 Galicia avisou á Policía Nacional, á Policía Local e a Protección Civil de Redondela.

Ao lugar o 061 desprazou dúas ambulancias, unha delas, de soporte vital avanzado, levou ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ao traballador ferido, D.M., de 33 anos, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

Caballero di que “respecta” a condena ao exalcalde pedáneo de Bembrive

O rexedor de Vigo, Abel Caballero, trasladou o seu “respecto ás decisións xudiciais” ante a condena imposta por prevaricación ao exalcalde pedáneo de Bembrive Roberto Ballesteros, mentres o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lembrou que o seu partido denunciou esta situación “hai anos”.

Durante unha rolda de prensa celebrada en Santiago, Tellado lembrou que membros do PPdeG visitaron o lugar “hai anos” para denunciar esta situación e pedir a dimisión de Ballesteros, pero “afíns” de Abel Caballero e o PSOE de Vigo “boicotearon unha comparecencia pública de cargos electos”.

“Agora a xustiza dános a razón e decreta a entrada en prisión da man dereita de Caballero na zona, o que demostra que as prácticas caciquiis do alcalde de Vigo non sempre escapan á xustiza”, aseverou.

Pola súa banda, preguntado polos medios, Abel Caballero rexeitou valorar a sentenza, xa que, segundo afirmou, descoñece o seu contido. Con todo, remarcou o seu “respecto” ás decisións xudiciais. “Non coñezo a sentenza, máis aló do que din os xornais, non a podo valorar. Pero eu respecto moitísimo as decisións xudiciais, teñen todo o meu respecto“, insistiu o alcalde da urbe olívica.

SENTENZA

En concreto, a Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a Roberto Ballesteros, exalcalde pedáneo de Bembrive, a 2 anos e dous meses de prisión e 7 anos de inhabilitación para cargo e emprego público por un delito de falsidade, en concurso medial cun delito de malversación e un delito de prevaricación, por pagar unha obra non executada.

Así mesmo, condenou a un ano e 15 días de prisión a un construtor, J. Q. G., polo delito de falsidade en concurso cun delito de malversación, en concepto de cooperador necesario. Ademais, no seu caso condénao a tres anos e un día de inhabilitación para cargo ou emprego público.

XULGADOS DE GARDA 24 HORAS

Abel Caballero tamén criticou este venres ao goberno da Xunta que “di que non” á apertura 24 horas do xulgado de garda na cidade, a pesar de ser unha “demanda histórica” que xa conta co visto e prace da xunta de xuíces, do TSXG e do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico lamentou que a Xunta non queira “asumir” o custo de dispor dese servizo e cuestionou a utilidade do goberno galego se, cando hai que pór recursos para algo “tan importante”, “di que non”. Iso si, ironizou Caballero, os dirixentes autonómicos “visitan as obras da Cidade da Xustiza dúas veces ao día, e todo son fotos continuas”.

Abel Caballero incidiu na importancia que ten un servizo destas características para os cidadáns, especialmente para vítimas de violencia de xénero, e enmarcou a “negativa” da Xunta no conxunto de “desatinos” do goberno de Feijóo coa cidade olívica.

Así, citou exemplos como a paralización, por parte da Xunta, da obra de ‘humanización’ de García Barbón, ou a ausencia de orzamento e de disposición da Xunta para construír un instituto no barrio de Navia.

ESCOLA SANTA MARTA

Por outra banda e a preguntas dos medios, o alcalde confirmou que o goberno local reservou unha partida de 700.000 euros para acondicionar o edificio do Instituto Municipal de Educación, na zona do Chouzo, que acollerá aos nenos e educadoras da Escola Municipal Infantil Santa Marta.

Segundo informou, o goberno xa está “a encargar” o proxecto e está previsto que os traballos no edificio estean concluídos a finais deste ano. Respecto diso, lembrou que será a escola infantil con máis espazo da cidade e que, cando acaben as obras de urbanización do Barrio do Cura, reabrirase o centro educativo no Casco Vello, co que abrá dúas escolas novas, porque a do Instituto Municipal de Educación será permanente.

Caballero replica a Feijóo sobre a saída sur: “Non sabe de que fala, é unha aposta decidida do Goberno”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, respondeu este xoves ás declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que urxía ao Goberno central a licitar canto antes a saída sur ferroviaria da cidade. Segundo o rexedor, o presidente galego “non sabe de que fala” porque esa infraestrutura é unha “aposta decidida” do Executivo de España e a súa tramitación “segue avanzando”.

O alcalde lembrou que o actual Goberno central tivo que encargar outro estudo da saída sur porque o anterior Executivo, actuando baixo a “presión” do propio Feijóo, “deixou caducar” os informes que previamente encargara o Ministerio de Fomento dirixido por José Blanco.

Abel Caballero acusou o presidente da Xunta de mostrar “un absoluto descoñecemento” das cuestións que afectan a Vigo, e apuntou que el mesmo mantivo contactos co Goberno español e co Goberno portugués para impulsar o AVE entre Vigo e Lisboa. “Segue avanzando isto”, incidiu.

Respecto diso, fixo fincapé en que a saída sur será “para alta velocidade, compatible con mercadorías”, un detalle que “Feijóo nunca di”.

AVE A MADRID

Ademais, volveu a proclamar que “nunca” tolerará que os vigueses teñan que ir a Madrid en tren por Santiago, xa que o tempo do percorrido é o mesmo ou mesmo maior que se o fixesen pola antiga liña do Miño. “A prioridade de Vigo é o AVE directo a Madrid por Cerdedo, e Feijóo non o di nunca, porque non o quere”, denunciou.

Segundo afirmou Caballero, a viaxe por Santiago é “un atraso inmenso” e “un insulto a Vigo”, despois de “todos os millóns investidos” no AVE galego.

CONEXIÓN FERROVIARIA DE BOUZAS

Por outra banda, o alcalde tamén volveu a advertir de que non permitirá que se constrúa unha conexión ferroviaria para a terminal portuaria de Bouzas “que rompa a cidade”, tal e como, aseverou, “expón Feijóo”.

Nese sentido, tras asegurar que a planta de PSA rexeitou tamén esa conexión de tren, afirmou que, se o presidente da Xunta “di isto sabendo do que fala”, terá que pedir a súa “dimisión inmediata”.

Feijóo critica que o Goberno central atrase a licitación da saída sur de Vigo con “outro estudo”

Seguen subindo os casos en Vigo, mentres se disparan en Galicia

0

O número de casos activos de COVID en Galicia segue en aumento este mércores, con 218 máis, e elévanse a 2.798, despois de incrementarse os contaxios en todas as áreas, salvo na de Ferrol, que descenderon en tres.

Así se reflicte nos datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, 13 seguen en UCI –igual que este martes–, 84 atópanse en unidades de hospitalización convencional –11 máis–, e 2.701 en seguimento domiciliario –207 máis respecto da xornada anterior–.

Dos 2.798 casos activos, 1.275 corresponden á área da Coruña e Cee –35 máis que este martes–; 441 á de Lugo –89 máis–; 382 á de Santiago –53 máis– 177 á de Vigo –sete máis–, 165 á de Pontevedra e O Salnés –18 máis–; 243 á de Ourense –19 máis–; e 115 á de Ferrol –tres menos–.

Así mesmo, Sanidade sinalou que, ata o momento, curáronse en Galicia 12.086 persoas, 67 máis que a xornada pasada. Desde o inicio da pandemia morreron con COVID-19 en Galicia 633 persoas, das que 278 eran usuarios de centros residenciais. Destes últimos, 134 afectados faleceron dentro de centros xeriátricos.

Do total de 2.798 casos activos na Comunidade galega, este mércores 138 están vinculados a centros residenciais, en relación a 99 usuarios e 39 traballadores. O número de PCR realizadas ata a data na Comunidade galega ascende a 312.766 fronte ás 308.162 rexistradas ata este martes, segundo os datos difundidos por Sanidade.

Orde de ingreso nun centro de internamento por presunta agresión con arma branca en Cangas

0

O xuíz ordenou que un dos dous detidos por, supostamente, verse involucrados nunha agresión a un menor cometida cunha arma branca en Cangas ingrese nun centro de internamento.

Deste xeito, o xuíz aceptou aplicar esta medida solicitada pola Fiscalía de Menores de Pontevedra respecto deste adolescente, tamén menor, este mércores, segundo confirmaron a Europa Press fontes do Ministerio Público.

Mentres, as mesmas fontes sinalaron que non se solicitou a adopción de ningunha medida cautelar en relación ao segundo menor detido debido a que non se atoparon indicios que acreditasen a súa participación no apuñalamento.

En concreto, os feitos tiveron lugar este luns pola tarde fronte a un supermercado situado no centro histórico da localidade pontevedresa, onde un grupo de adolescentes estivo presente nun ataque cometido cunha arma branca contra un menor.

Así, a vítima foi derivada ao Hospital Povisa de Vigo polos danos que sufriu no costado, pero a súa gravidade causou que posteriormente fose trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Así mesmo, a Policía Local e a Garda Civil estableceron controis nos accesos e saídas de Cangas para buscar aos autores da agresión.

Mediante este dispositivo, interceptaron a tres novos dos que dous, ambos os menores, foron detidos pola suposta comisión da agresión. Posteriormente, tomóuselles declaración e, tras pasar a noite no cuartel da Garda Civil de Cangas, pasaron a disposición da Fiscalía de Menores de Pontevedra este martes.

Marea de Vigo pide paralizar as obras municipais durante o estado de alarma

Marea de Vigo-Son En Común demandou que a paralización das obras municipais que non estean relacionadas con subministracións básicas leve a cabo con “extrema urxencia”.

Mediante un comunicado, a formación apoiou que o comité de seguimento local do Covid-19 acordase instar a Concellaría de Fomento a avaliar a continuidade da execución de contratos de obra e incidiu na urxencia da súa suspensión, unha demanda expresada con anterioridade polo Bloque Nacionalista Galego (BNG).

En concreto, Marea de Vigo solicitou que se deteñan as obras da rúa Gran Vía e Porta do Sol, así como os labores de asfaltado. Tamén apostou por que non se inicien a modificación da pasarela e o ascensor do Parque Cela, ademais de expor que se paralicen as adxudicacións “que estean en mesa actualmente” e outras obras menores e negociados que coordine o goberno local.

Ademais, chamou ás comunidades de propietarios a paralizar as obras que estas mesmas promovesen, xa que, ao seu xuízo, o seu mantemento “non axuda en nada a que saiamos deste estado de confinamento canto antes”. Deste xeito, apelou á “responsabilidade” e “solidariedade” coas persoas que deben permanecer estes días nos seus domicilios, onde, segundo asegurou, estas obras impiden “mesmo abrir as xanelas para poder limpar o aire”.

Adicionalmente, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, avanzou que se reclamará ao Goberno central que “decrete un mecanismo que permita a paralización executiva” das demais obras privadas ao entender que os Concellos “non teñen capacidade” para forzar a súa suspensión de modo “inmediato”.

Tamén apostou por que, tal e como se realizou noutras cidades, como Madrid, o Concello estableza un mecanismo que permita que a Policía Local revise se se cumpre a lexislación laboral e sanitaria enmarcada no estado de alarma nas obras privadas.

Zona Franca de Vigo e a embaixada de Cuba acordan cooperar en programas de intercambio comercial

0

O delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades, e o embaixador de Cuba en España, Gustavo Machín, acordaron estreitar lazos de cooperación e colaborar en programas de intercambio comercial entre Galicia e Cuba, a través dos proxectos de internacionalización e parques empresariais do organismo estatal. Así o trasladaron tras manter un encontro, previo á celebración, en Baiona, do I Foro Iberoamericano Cuba-España.

Tras esa reunión, Regades e Machín explicaron que se constituirá unha mesa de traballo para sustanciar esa cooperación e, no prazo dun ano, revisaranse os resultados obtidos.

Ademais, explicaron que Cuba está interesada en atraer empresas galegas de alimentación, e ampliar negocios en sectores de enerxías alternativas, materiais de construción e actividades complementarias ao turismo, para o que brinda unhas condicións fiscais e económicas moi favorables na súa zona empresarial de desenvolvemento do Mariel.

Regades, pola súa banda, destacou que, actualmente, xa existen dúas empresas instaladas en Zona Franca que comercian con éxito na illa caribeña diques de amarre deportivos e sistemas de climatización e anunciou que o próximo día 29 de abril Zona Franca celebrará unha xornada específica sobre oportunidades de negocio no mercado cubano

Segundo lembrou, as exportacións galegas a Cuba case se duplicaron en poucos anos, pasando de preto de 16 millóns de euros a máis de 30 millóns. Segundo a base de datos do Ministerio de Industria, a comunidade galega conta con 128 empresas que venden os seus produtos regularmente a Cuba.

O BNG pide impulsar unha estratexia local para avanzar cara a un Vigo “sustentable”, porque “queda moito por facer”

0

O BNG reclamou este luns que o Concello de Vigo impulse unha estratexia local para avanzar cara a unha cidade “sustentable” e que a declaración de emerxencia climática aprobada no pleno vaia máis aló dunha mera “declaración de cara á galería”.

Así o trasladou o concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, quen subliñou que a actual “situación límite” esixe un compromiso “que deixe de ser retórico” e que se concrete en “medidas”.

Por iso, pediu que o goberno local impulse esa estratexia e que esta sirva como “instrumento marco para planificar” as actuacións de futuro na cidade. “Para reconciliar a cidade co seu medio natural e avanzar cara a un espazo urbano máis sustentable”, incidiu, á vez que engadiu que esa estratexia debe deseñarse necesariamente coa participación de todos os grupos políticos e de colectivos ecoloxistas e veciñais.

Segundo Pérez Igrexas, a pesar das declaracións do alcalde, os xestos e discursos, “en Vigo queda moito por facer aínda”. “Vivimos nunha cidade onde se baldean as rúas con auga potable, onde hai máquinas de neve artificial, hai unha clamorosa falta de aposta polo transporte público, e segue pendente a recuperación do bordo litoral”, proclamou.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed