A Xunta de Galicia confirmou este venres que, unha vez recibido o informe do Concello de Vigo co resultado da exposición pública e a afectación de intereses locais, solicitou os informes sectoriais necesarios para tramitar a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), ao amparo da lei 3/2016.
A Xunta destacou a necesidade de contar coa totalidade de informes “no prazo máis breve posible”, e que estes teñan sentido favorable. A ese respecto, referiuse ao informe de Navegación Aérea, “que podería ser desfavorable, tal e como sinalaron desde o Concello para xustificar a decisión de non incluír este ámbito na ordenación provisional”.
Nese sentido, o alcalde Abel Caballero considera que a Administración autonómica “está a convidar” ao organismo estatal a facer un informe desfavorable.
O Goberno galego sinalou que pediu os informes preceptivos aos departamentos do Goberno implicados, como a Dirección Xeral de Estradas, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, a Delegación do Goberno (Obras Públicas) ou os responsables das áreas de Telecomunicacións e Servidumes Acústicas.
No caso da administración autonómica, solicitáronse informes á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, Instituto de Estudos do Territorio (IET), Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Calidade e Cambio Climático.
Finalmente, tras lembrar que xa se puxo en contacto con diferentes ministerios para pedir “celeridade” nos trámites, a Xunta reiterou o seu “compromiso de iniciar a nova ampliación do Ifevi de modo inmediato”.
CRÍTICAS DO ALCALDE
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que a solicitude de informes por parte da Xunta realizouse con máis dun mes de atraso, e que puido pedilos hai semanas. Así mesmo, urxiu ao Goberno galego a que licite “hoxe mesmo” a obra, condicionando ese trámite ao proceso urbanístico.
Por outra banda, o rexedor mostrouse “alarmado” pola reflexión da Xunta sobre o informe de Navegación Aérea porque, ao seu xuízo, a administración autonómica “está a convidar” ao organismo estatal a facer un informe desfavorable. “Non dou crédito, que pida un informe desfavorable (…), é un insulto dicirlle aos profesionais en que dirección ten que ir o seu informe”, afirmou.
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, avogou este luns por manter o actual sistema de autovías gratuítas, dado que en España “a cultura de non pagar” polo uso destes viarios “é moi forte”.
Nunha rolda de prensa, e a preguntas dos medios sobre a eventual implantación do pago nas autovías, Abel Caballero subliñou que esta posibilidade “xa se dixo 5 ou 6 veces, e esta non será a última”.
No entanto, constatou que en España “non temos cultura de pago nas autovías”, quizá porque a rede de autovías “chegou tarde”, e apuntou que a extensión desas infraestruturas viarias levou a cabo con relativo atraso, en comparación con outros países de Europa. “Foi co goberno de Felipe González, do que eu era ministro de Transportes”, apostilou.
“Por tantos anos de espera, a rede de autovías fíxose gratuíta”, afirmou o alcalde, quen subliñou que “a cultura de non pagar é moi forte” en España e “as cousas están ben como están”.
“Hai que elixir entre pagalas cos impostos ou con outras tarifas, mediante, por exemplo, viñetas. Son modelos alternativos, o noso págase nos Orzamentos Xerais mediante impostos, e eu creo que é o modelo tradicional que debe seguir imperando”, sentenciou.
O programa B-solutions, promovido pola Comisión Europea e xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), estudará a simplificación da mobilidade de menores de idade entre Vila Nova de Cerveira (Portugal) e Tomiño para realizar intercambios educativos, deportivos e culturais.
A iniciativa foi presentada ao programa que a seleccionou, B-solutions, por parte a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (GNP, AECT) en colaboración coa Eurocidade Cerveira-Tomiño e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Rexional do Norte (CCDR- N)..
Así, B-solutions, que financia a Unión Europea (UE), proporcionará asesoramento por parte de expertos legais aos beneficiarios. Tras unha análise, elaborarase un informe no que se detallarán os obstáculos legais para desenvolver a iniciativa e as disposicións legais que os causan. A maiores, no documento incluiranse a folla de ruta para solucionar o problema exposto e especificaranse as entidades que a levarán a cabo.
A selección do proxecto prodúcese despois de que en febreiro se presentase un informe elaborado polas Valedoras da cidadanía transfronteiriza Cerveira-Tomiño no que se demandaba a simplificación dos trámites necesarios para o desprazamento de menores entre ambos os países.
Os irmáns César e Jorge Cadaval celebrarán en Vigo o seu catro décadas sobre os escenarios, co espectáculo ‘X40+’, que poderá gozarse no Auditorio Mar de Vigo, os próximos 1 e 2 de xuño (entradas en www.ticketea.com, www.auditoriomardevigo.com e tenda Elepé).
Tras a boa acollida dos seus anteriores espectáculos de teatro, ‘En Positivo’, ‘Antónimos’ e ‘Antónimos 2’, Os Morancos regresan aos escenarios para celebrar 40 anos de carreira profesional cunha festa sorpresa organizada por dúas dos seus personaxes, Omaita e Antonia.
Mentres se prepara o evento, Jorge e César están inmersos nunha profunda crise emocional, derivada da dilatada traxectoria como parella artística, e un deles, de feito, está en paradoiro descoñecido.
Os Morancos queren reinventarse logo de catro décadas nos escenerios
Con estas vimbias técese o argumento do espectáculo, no que Os Morancos pretenden reiventarse e crear algo completamente novo. Para iso, entre outros elementos, contarán cunha impresionante posta en escena, na que destaca a presenza dunha pantalla de vídeo articulada xigante.
Bernardo Almuíña, mestre do seu colexio, anunciou unha competición que consistía en ver quen daba máis voltas. Estela pensou: “Eu non me mareo”, e dende aquela. Ao terminar a súa primeira carreira, déronlle un iogur e un bocadillo, pareceulle recompensa sobrada.
Ela estudaba no colexio Mestres Goldar, en Castrelos, o recorda con fascinación: “Tiña instalacións incribles, campo de baloncesto, foso de lonxitude, círculo de lanzamentos, un ximnasio inmenso…”
Entón organizábanse enfrontamentos entre colexios en multitude de deportes, case todos practicaban case todo. “Eu non daba unha, poñía moitas gañas pero era pouco efectiva”, recorda Estela. Ata que atopou o atletismo.
“E cando dás con un no que destacas e encóntraste ben, aí ficas. Eu vivía na Rúa Pastora das Travesas e alucinaba cada día ao pasar por alí e ver á xente correndo na pista de cinza”, recoñece.
Algo máis tarde, estaba ela mesma adestrando: “Era unha pasada. Cun rolo a mantiñan compacta, xa que ao correr levantábase. As liñas pintábanse con cal, os cravos usábanse máis longos, incluso de 15 milímetros. Durante as carreiras facían colgar na liña de meta un fío de lá. Os atletas de menor estatura, para rompelo, estiraban o brazo e o cortaban coa man”.
Os inicios
A primeira vez que Estela correu nunha pista de material sintético, foi no seu tamén primeiro campionato de España, aínda coma xuvenil: “Asustábame ao comezo, rebotaba un montón. Pero corrín tanto que clasifiqueime para a final, había que correr de novo e tiña medo outra vez. Saíu ben, quedei segunda. E a miña tía dicíame que era moito máis que campioa, era subcampioa”.
Fora tamén a primeira ocasión na que saía da provincia de Pontevedra. No 79 comezara a adestrar con Oliva Román, quen dirixirá á atleta ata a súa retirada en 1995. Costoulle algúns anos adquirir o compromiso necesario: “Os domingos, ou non ía ou chegaba tarde, ata que un día chamoume e concedeume un ultimato, entón comecei a chegar puntual”.
ata despois de ser nai, non comezou a dobrar sesión
Oliva formouna pouco a pouco como atleta. Participaba en todo tipo de carreiras, incluíndo os 400 metros valados, onde chegou a ostentar o récord galego júnior e participar nun campionato de España, onde foi quinta: “Unha atleta madrileña de valados non clasificouse para a final, e eu recordo chorar coma unha madalena para que a colleran a ela, eu non quería”.
Ata os 21 anos, despois de ser nai, non comezou a dobrar sesión, pero xa levaba anos destacando. Sendo xuvenil, a RFEA invitouna a correr o Campionato de España Júnior de 1.500, contra rapazas dous anos maiores. Non levouse medalla ao ser doutra categoría, pero gañou a carreira.
Estela en Balaídos coa súa adestradora, Oliva Román, en 1981
Foi progresando con paciencia, mellorando cada ano nalgunha proba. Seus maiores logros: a plusmarca española de 5.000, o 13º posto nun campionato do mundo de cross (Boston), ser primeira en 3.000 lisos dos Xogos Iberoamericanos celebrados en México de 1988 ou participar nos Xogos de Barcelona nesa mesma proba, entre outros.
unha traxectoria marcada polas reivindicacións
Tamén houbo frustracións e problemas, moito máis aló de anécdotas graciosas como a daquela concentración júnior en Portugal, cando ao chegar á fronteira non permitían ao bus entrar no país veciño porque ela esquecérase da autorización paterna. A deixaban ou non pasaban. Por sorte, unhas horas máis tarde lograron solucionalo.
Porque a súa traxectoria estivo marcada polas reivindicacións: “En España existía un circuíto principal de cross con premios moi distintos para homes e mulleres. O gañador recibía un millón de pesetas, a gañadora 450.000. Costounos moito darlles a entender que podían cortarse os premios por abaixo, posto que éramos menos, pero eran inxustos os premios diferentes para os primeiros e primeiras”. Estela o recorda como unha guerra non só coa Federación Española, senón coas propias mulleres.
Pero ao final si boicotearon a última proba daquel Gran Premio, celebrada en Ourense, cubríndoa ao trote na súa totalidade. Grandes batallas dunha deportista da que chegaron a dicir na súa xuventude: “Esa, como é feíña, pode triunfar”.
“As demais pensaban que podía perigar o diñeiro que xa lles daban, non querían ver máis aló. Dáballes medo. Pero eu non pelexaba por min, o facía polo futuro. Os asistentes á carreira insultáronnos, que saíramos de alí, que fóramos a fregar… E os da RFEA queixábanse de que había que falar antes as cousas, pero si que o tentáramos primeiro, sen respostas. Durante a proba, ata o comentarista dicía que todo ía ser peor en adiante para nós, e ao finalizala negóusenos o acceso a calquera micro para facer unha roda de prensa”, lamenta a atleta.
Pero non foi a peor para elas. Ao ano seguinte, o primeiro premio feminino ascendeu a 750.000 pesetas: “As demais estaban contentas, pero non supuña ningún triunfo, porque tratábase de que fora xusto, e aínda non o era”.
“Quedei de apestada”, manifesta a deportista: “A calquera atleta internacional fáiselle un homenaxe ao retirarse. A min non. A Federación queimoume moito. A mínima para o Cto. De Europa Júnior de 3.000 era 9:50, fixen 9:38 e non me levaron. Fun aos Xogos porque era a única atleta cunha mínima que era ademais récord de España, senón deixábanme na casa”.
Tamén desilusionouse co equipo de case toda a súa vida, o Real Club Celta de Atletismo: “Dediqueille moitísimo, facíanme ofertas de 2,5 millóns de pesetas e quedaba por menos dun millón. Todo ese esforzo non veuse correspondido”.
Estela, en pleno esforzo
Outra das loitas que mantivo foi a do doping: “Unha atleta deu positivo por dúas ocasións, e non foi nin sancionada. Eu negábame a competir con atletas nesa situación. Amaba o cross de Lasarte, en San Sebastián, onde non eran xa os premios económicos, é que existía unha gran afección polo atletismo, coñecíante polo nome e sabían a túa historia. Pero lles dixen que si competía esa persoa, non participaba. Ao final a botaron fóra e asistín”.
Ela está segura de que tería practicado atletismo aínda que non chegase a internacional, de feito “o mellor de todo foi cando eramos nenas, sen angustias nin estrés. O facías porque che saía de dentro, é a festa do atletismo. Cando es profesional, festas as xustas”.
O descanso é o chamado adestramento invisible. Estela recorda incluso durmir de pé nos trens. Os sábados que non competía eran días de repouso. Durmía ata moi tarde e seu fillo pasáballe os recados. Logo espertaba e miraban películas.
Hoxe, 23 anos trala súa retirada, aspira por primeira vez á xornada laboral completa. Fai dúas décadas, non traballaba fóra: “Nin o pensaba. Vivía en parella e a nosa filosofía era que quedara en casa coidando da familia”.
De feito, asegura que incluso na súa época ao máximo nivel, priorizaba o traballo de casa: “Gustábame e non o consideraba duro. Era a miña labor, facer fogar”. Cando os seus fillos creceron, decidiu comezar pequenos traballos: cos nenos do Castro- San Miguel, nas escolas do Comesaña S.C., nun comedor de colexio, como comercial…
13 anos despois de deixar a alta competición, volveu correr polas gañas de relacionarse: “Correr é unha escusa”. Federouse de novo en 2013, e na súa primeira proba oficial foi campioa de España veterana de 10 km, en Padrón. Aínda hoxe continúa practicando este deporte de forma esporádica: “son coma o Guadiana, vou e veño”.
Este venres tivo lugar o acto de presentación oficial da terceira edición do Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, que chega disposto a recordar por que é necesario traballar por un cine accesible para todos. O Concello de Vigo foi o lugar elexido para a presentación. O alcalde Abel Caballero convidou aos vigueses e viguesas a apoiar e participar nesta iniciativa de inclusión.
Ao rexedor acompañábano o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, o presidente da asociación AGAIN, Gonzalo Suárez e representantes de organizacións colaboradoras. Entre outros Gonzalo Talegón, Director da área comercial de CaixaBank en Vigo, pola Obra Social La Caixa; Jaime Coira, delegado da Fundación Grupo SIFU e Pablo Louro, delegado de Gadis en Pontevedra.
Gonzalo Suárez falou sobre a programación do Festival, que inclúe como novidade o concurso de documentais internacionais e sesións escolares, e destacou que todas as actividades que se organizan son de balde.
Suárez agradeceu o esforzo de todos os colaboradores que fan posible esta terceira edición. Gonzalo Talegón interveu a continuación para subliñar a firme vontade de cooperación que a Obra Social La Caixa quixo establecer cos organizadores do VIIFF, apreciando a labor de inclusión e visibilización que se leva a cabo a través do audiovisual, valores que encaixan na súa filosofía de implicación social e cultural.
Pola súa banda, Jaime Coira, da Fundación Grupo SIFU, dedicada á integración das persoas con diversidade funcional, sinalou a importancia de sumarse a esta iniciativa, similar a outras ás que tamén ten ofrecido o seu apoio e experiencia como promotora da igualdade de oportunidades e a normalización da discapacidade.
Despois Pablo Louro, de Gadis recalcou a intención desta empresa de seguir colaborando en futuras edicións do Festival, destacando o seu compromiso coas iniciativas culturais que contribúen a crear unha sociedade mellor e con igualdade de oportunidades.
CONVENIO DE COLABORACIÓN COA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Tamén o venres se asinou na Deputación de Pontevedra o convenio de colaboración entre este organismo público e AGAIN. A presidenta da Deputación, Carmela Silva quixo lembrar a necesidade de visibilizar a diversidade funcional.
Silva tamén agradeceu a acción levada a diante por AGAIN como colectivo social implicado na loita pola igualdade e a normalización. No acto presentáronse ademáis as esculturas realizadas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, coas que se agasallará aos premiados nos concursos de documentais e curtas.
O Concello de Vigo abrirá as portas do Auditorio de Praza do Rei entre o 2 e o 5 de maio, para que os espectadores poidan gozar do mellor cine documental e curtametraxe. O VIIFF quere ser tamén un espazo de debate en torno á inclusión e as barreiras que impiden o acceso universal á séptima arte. Todas as actividades propostas son gratuitas ata completar o aforo.
Unha das novidades que ofrece esta edición é o Vig-In Doc, festival de documentais internacionais de temática inclusiva. O Vig-In Doc terá lugar as tardes do mércores 2, xoves 3 e vernes 4 de maio. Cada unha das cintas trata unha problemática ou discapacidade concreta. Así, a galega “Esquece Monelos”, Ángeles Huerta, 2016, gañadora de tres premios Mestre Mateo e nomeada a mellor documental nos premios Feroz, adéntrase na perda da memoria e en como afecta a aqueles que a padecen. Por outra banda “Los Niños” Maite Alberdi, 2017, fala dun grupo de persoas con síndrome de Down que teñen o desexo de pasar á vida adulta. Ademáis, “Swim Team” Lara Stolman, 2017 e “Octubre” Carlos Tejero, 2017, achéganos ao autismo, tema ao que está dedicada esta edición do Festival.
ACHEGAR O AUTISMO AOS ESCOLARES
A edición deste ano está dedicada especialmente á visibilización das persoas con TEA (Trastornos do Espectro Autista). Por iso, as mañás do mércores 2 e d venres 4 de maio, a sección Coñece! ofrecerá aos escolares vigueses a oportunidade de coñecer máis de cerca esta cuestión.
A actividade consiste na proxección da serie de Netflix “Atypical” (Atípico), que narra as aventuras dun rapaz con autismo que, ca súa decisión de buscar moza provocará profundos cambios na súa vida e na da súa familia.
Trala proxección as asociacións Autismo Vigo e TEAVI darán a coñecer a realidade das persoas con TEA ós escolares, cos que manterán un coloquio. A actividade enmárcase nunha colaboración entre a Concellería de Educación e AGAIN (Asociación Galega Audiovisual Inclusiva), organizadora do Festival.
SEXO E DISCAPACIDADES
Para a noite do venres 4 de maio, o VIIFF presenta a sección Novas Miras, que nace coa intención de crear un espazo de debate ao redor de aspectos pouco tratados da realidade das persoas con diversidade funcional.
A partir das 21:00 horas o profesor Robert Casas, da Universidade Hood College (Frederick, Estados Unidos) poñerá sobre a mesa a cuestión da sexualidad nas persoas con diversidade fundcional, coa súa presentación “Deseos proyectados: sexualidad, empatía y reivindicaciones políticas”.
Trala charla terá lugar a proxección da película, presentada na 64º edición do Festival de San Sebastián e premiada entre outros galardóns coa Violeta de Ouro do Festival Cinespaña de Toulouse (Francia).
A cinta pon o acento na necesidade sexual e nas dificultades que atopan as persoas con diversidade funcional para satisfacela, situando ao espectador nun lugar incómodo dende o que se invita a practicar a empatía.
Trátase dunha excelente oportunidade para reflexionar sobre a liberdade de cada ser humano. E tamén para mirar de frente una realidade que rara vez se nos amosa, tanto no cine como na vida.
FACER CINEMA ACCESIBLE
O Festival quere crear tamén un espazo de debate en torno á necesidade de facer cine accesible, labor que non só implica aos propios traballadores do audiovisual, senón a toda a sociedade. Por iso, a mañá do sábado 5 de maio os vigueses teñen unha cita co cine para todos no Auditorio de Praza do Rei.
O profesor da Universidade de Vigo Pablo Romero, director do novo observatorio galego de accesibilidade aos medios (GALMA), ofrecerá unha charla sobre cine accesible.
Nela se presentará a iniciativa accesible filmmaking (produción cinematográfica accesible), que consiste na integración da tradución e a accesibilidade como parte do proceso de produción cinematográfica e na que leva traballando dez anos coa ONU, gobernos, produtoras e universidades de todo o mundo, promovendo un cine que ten en conta non só a os espectadores da versión orixinal, senón tamén aos das versión traducidas e accesibles.
AUDIODESCRICIÓN E SUBTITULADO
A tarde do sábado está reservada ao Festival de Curtas. Trala recepción na alfombra vermella ás 17:00 horas, as proxeccións comezarán ás 18:00 horas coa estrea de “Pingas”, o debut como directora de Déborah Vukusic.
Todas as curtametraxes están subtituladas e audiodescritas para persoas con dificultades auditivas e visuais. Trátase dunha coidada selección entre as que destacan a xa mencionada de Rodrigo Sorogoyen “Madre”, “Matria”, do vigués Álvaro Gago e gañador do gran premio do Xurado no Festival de Sundance, “Escarabana” da actriz Sara Casasnovas ou “17 años juntos”, de Javier Fesser.
Trala votación do público e a proxección da curta “Sordas” de Génesis Lence, que se presenta fóra de concurso, terá lugar a entrega de premios e estatuíllas, realizadas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
As condutoras da gala serán a actriz e presentadora Cristina Maró e a tamén actriz Cris Iglesias, coñecida polo seu papel de Leticia Charlín en Fariña. O evento contará ademais coa colaboración de Entresignos, que interpretará o trascurso da mesma en lingua de signos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou o traballo de visibilización pola prevención e detección do cancro de mama do programa Reto Pelayo Vida Polar 2021.
O mandatario autonómico visitou este mércores aos cinco participantes da sétima expedición ao Círculo Polar Ártico, que parte este venres de Vigo en dirección a Groenlandia. Alí, Feijóo desexou sorte á tripulación tras mostrarlles a súa admiración polo seu traballo pola prevención do cancro de mama e a promoción da práctica deportiva.
Novo episodio na polémica polas instalacións deportivas do Celta de Vigo en Mos. A construción deste complexo vén de ser botado abaixo polos tribunais, que despois de múltiples denuncias de asociacións ecoloxistas e Comunidade de Montes do Tameiga acaban de revogar unha das licencias concedidas polo concello de Mos e obrigar ao consistorio a revisar a segunda.
A condena á cidade deportiva do Celta chega así tras longos meses de loita, nos que estas plataformas levaron en reiteradas ocasións ante a Fiscalía as irregularidades que, aparentemente, penden sobre o complexo deportivo proxectado en Mos. Entre estas asociacións denunciantes atopouse Ecoloxistas en Acción Galiza, que agora acusa á Xunta de “complacencia” coas “ilegalidades” rexistradas na cidade deportiva de Mos.
En concreto, dende a asociación verde sinalan á Conselleira de Medio Ambiente, da cal dependería a Axencia de Protección da Legalidade Urbanísitica; e que, segundo a plataforma, conta agora cunha “mancha” no seu historial pola suposta pasividade manifestada ante a problemática da cidade deportiva de Mos.
De acordo con Ecoloxistas en Acción, a suposta connivencia entre a APLU e o Celta de Vigo tería tido lugar a raíz dun dos recursos interpostos pola asociación, no que denunciaban o feito de que as licencias municipais outorgadas ao club vigués contemplaban a construción de distintas infraestruturas sobre chan rústico de especial protección.
DENUNCIA ARQUIVADA
Destacan que, “a pesar das evidentes ilegalidades”, o organismo dependente da Xunta optou por arquivar a denuncia formulada porque constaba que o club vigués contara con “título habilitante” para “amparar a execución das obras”.
Porén, dende a asociación subliñan que a cuestión de fondo “non era a existencia ou non” deste título, senón –“ como di a propia maxistrada xuíz titular do Xulgado do contencioso administrativo nº 3 de Pontevedra”– “determinar se os acordos municipais discutidos aquí […], amparan ou non unha implantación por unha entidade privada dunhas instalacións en chan rústico […]”, extremo que a APLU non considerou resolvendo o arquivo da denuncia dos ecoloxistas.
“COMPLACENCIA” CON OBRAS “ILEGAIS”
Ecoloxistas en Acción resalta, neste aspecto, o “contraste” entre a “complacencia” da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coas obras “ilegais” e a “contundente sentencia do xulgado do contencioso nº3 de Pontevedra que declara fóra de ordenamento xurídico as obras da cidade deportiva do Celta”.
“O desentendemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ante as denuncias presentadas por Ecoloxistas en Acción fai que a reputación da axencia quede en entredito ante a condena ditada pola Xustiza que anula a licenza de obra outorgada pola xunta de goberno local. A organización ecoloxista sinala que a APLU se negou a tan sequera atender a petición de realizar unha inspección visual das obras”, engaden.
Por iso piden á conselleira de Medio Ambiente que obriga á APLU a se retractar sobre o expediente artellado a raíz da denuncia de Ecoloxistas en Acción, solicitando asemade o “recoñecemento público da irresponsabilidade na que incorreu non cumprindo o mandato legal administrativo de revisión de oficio dunha licenza de obra”.
A Garda Civil detivo a seis persoas veciñas do Morrazo no marco das súas actuacións e vixilancias para previr e tratar de erradicar a venda ao por menor de sustancias estupefacientes nos municipios de Bueu e Cangas, nos que desactivou tres puntos.
Segundo informou o Instituto Armado, a identificación dos ocupantes dun vehículo foi o detonante dunha das actuacións. Sucedeu o pasado día 29 cando a Garda Civil, con ocasión dun dispositivo preventivo na estrada Bueu-Cela, identificou a unha parella que lle “resultou sospeitosa”. Esta circunstancia, unido aos seus antecedentes policiais fixo que se establecese un dispositivo de investigación ao redor dos ocupantes deste vehículo, para o que contaron coa colaboración da Policía Local de Bueu, que foi alertada da incidencia.
Horas despois unha patrulla da Policía Local localizou o vehículo cando estaba a estacionar nunha céntrica rúa de Bueu e interceptaron a un dos ocupantes que abandonaba “de forma precipitada o coche ao decatarse da presenza dos axentes, mentres que a acompañante saíu correndo”, destacaron as mesmas fontes.
No rexistro superficial que se lle realizou, co apoio dunha patrulla de seguridade cidadá da Compañía da Garda Civil de Pontevedra que integraba o dispositivo, intervéuselle un paquete con 16 envoltorios de plástico que contiñan 10 gramos de cocaína e 15 de heroína. Os dous ocupantes do vehículo, tanto o condutor como o seu acompañante, de 34 e 38 anos, respectivamente, ambos de Bueu, foron detidos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
SEGUNDA ACTUACIÓN
Noutra das actuacións, a Garda Civil desactivou un punto de venda e distribución de drogas que se realizaba nunha vivenda na mesma localidade de Bueu. Despois de constatar a afluencia de consumidores habituais de droga na zona, realizouse unha entrada e rexistro no domicilio, autorizada polo Xulgado de Instrución número 2 de Marín.
Os axentes interviñeron útiles para a preparación das doses, básculas de precisión e numerosas anotacións cos resultados das vendas. Ademais, no momento do rexistro identificáronse a dous supostos toxicómanos que se atopaban no interior do inmoble realizando o consumo das sustancias e os dous responsables do inmoble foron detidos por un delito contra a saúde pública.
Ademais, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, levou a cabo un operativo que se iniciou hai algúns meses debido á alarma social xerada por un punto de venda polo miúdo moi activo na localidade, subliñou a Benemérita.
As mesmas fontes indicaron que alí se levaron a cabo distintas infraccións por vendas nun domicilio, así como en rúas céntricas da localidade, debido ao que se investigou a unha persoa, ao acharlle no seu vehículo 100 gramos de haxix.
A continuación solicitouse unha entrada e rexistro ao xulgado de garda de Cangas, e co apoio do GRS 7 de Pontevedra e o Servizo Cinolóxico da Garda Civil, interviñéronse sobre 100 gramos de cocaína, 70 de haxix, e útiles para a adulteración e preparación da droga, así como diñeiro en metálico.
Esta última intervención saldouse con dous detidos e dous investigados, aos que se lles atribúe un delito de tráfico de drogas.