Inicio Blog Páxina 1837

Xunta e Concello de Vigo, en permanente guerra

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este martes ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ter “paralizado” o proxecto do ‘anel verde’ para “protexer” a cidade ante eventuais incendios, e o Goberno galego replicoulle lembrándolle que ese proxecto non pode saír adiante sen acordo cos comuneiros, un acordo que non existe.

O rexedor sinalou que o goberno local leva esperando desde 2019 a que a Xunta autorice o anteproxecto que lle presentou para construír ese cinto verde de case 50 quilómetros ao redor da cidade, unha iniciativa valorada nuns 8 ou 9 millóns de euros. “E non o podo presentar a fondos da Unión Europea porque a Xunta non o autoriza, é unha máquina de parar temas en Vigo”, lamentou.

Abel Caballero sinalou que o Concello remitiu o anteproxecto á administración galega en maio de 2019 e que, en outubro dese ano, a Xunta respondeu pedindo que se acreditase a titularidade dos terreos para levar a cabo a obra.

“Pero para facer as expropiacións necesitamos o proxecto, e o que nos piden é que acreditemos a titularidade sobre un anteproxecto, algo que non se pode facer, porque se pode cambiar”, sinalou o rexedor, quen engadiu que o proxecto definitivo non pode ser redactado precisamente sen coñecer as observacións da Xunta.

A ese respecto, o alcalde denunciou que non ten “noticias da Xunta desde outubro de 2019” con respecto a ese ‘anel verde’, polo que non pode proceder nun proxecto “tan importante”.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, censurou o “descoñecemento” de Abel Caballero sobre a tramitación dese proxecto, e criticou que tente “culpar” o Goberno galego “da súa propia incompetencia”.

Segundo apuntou Fernández-Tapias, para que poida executarse a lei de montes veciñais debe haber un acordo entre os propietarios dos terreos e o Concello, un acordo do que non dispón a administración local. De feito, engadiu, así se lle trasladou ao goberno local en 2019, “sen que o Concello achegase ata hoxe a documentación requirida”.

Así, explicou, o Concello debe certificar que existen eses acordos que garanten o cumprimento do marco legal vixente, e preguntou se, seica, Abel Caballero “está a propor que haxa que saltarse a lei”.

En todo caso, matizou a delegada da Xunta, o ‘anel verde’ proxectado polo goberno vigués “non é compatible co previsto no Plan de Acción asinado entre estas comunidades e a Consellería de Medio Rural”, e por tanto o anteproxecto non pode avaliarse na súa totalidade.

“Se considerase este proxecto tan importante como di xa chegaría a un acordo cos comuneiros, pero interésalle máis ter outro motivo para alimentar a confrontación“, afirmou, á vez que lamentou que, a pesar de que Vigo foi un dos concellos máis afectados polos incendios en 2017, o Concello non se adheriu ao convenio de protección das aldeas promovido pola Xunta para axudar aos municipios nos labores de prevención.

RISGA

Por outro lado, a Xunta criticou este martes os atrasos na tramitación dos expedientes, por parte do Concello de Vigo, para a concesión das Rendas de Integración Social (RISGA), e sinalou que os servizos municipais vigueses tardan unha media de 5 ou 6 meses en facer os informes de valoración, “cando a lei marca claramente que debe ser un mes”.

A delegada territorial do goberno galego lamentou eses atrasos “inadmisibles” nunha cidade que concentra a metade dos perceptores de RISGA da provincia e sinalou que o cambio no sistema de inicio dos expedientes por parte do Concello (que agora achega a solicitude con “apenas documentación” e con entrada directa no rexistro da Xunta) “retarda se cabe aínda máis uns prazos xa de seu inaceptables”.

Así, explicou que antes a Xunta recibía o informe completo de valoración e o proxecto de integración dos solicitantes, mentres que agora ten que requirirllo ao Concello para poder continuar a tramitación. “Ademais, unha vez chegado ese informe, é moi habitual que se teña que requirir máis información, polo que os prazos dispáranse”, engadiu.

Por outra banda, Fernández-Tapias apuntou que a entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital complicou a tramitación, porque houbo que revisar moitos expedientes.

En todo caso, precisou, a entrada en vigor desas axudas non supuxo un descenso no número de solicitantes de RISGA. Así, Vigo pechou 2020 cunha media de 77 solicitudes ao mes, e esa media elevouse a 107 no que vai de 2021.

Un total de 26 investigadores da UVigo aparecen entre os máis citados dunha base de datos da Standford University

0

A Universidade de Vigo conta con 26 investigadores no ranking dos máis citados que elabora a Standford University, co catedrático David Posada á cabeza e que, no campo da Bioloxía Evolutiva, é o máis citado de España e o noveno do mundo.

A base de datos enumera a case 160.000 investigadores de primeiro nivel internacional, que se sitúan no 2 % superior de citas, e que traballan en 22 campos científicos e 176 subcampos. A lista publicada recentemente permite coñecer os resultados dos investigadores tendo en conta a súa traxectoria ou ben os datos relativos a 2019.

Así, hai 2.290 científicos e científicas españois referenciados, e 26 da UVigo, entre os que destaca David Posada no campo da Bioloxía Evolutiva (no posto 9 do mundo) e Armando Caballero (no posto 450). En Biotecnoloxía está Juan Carlos Parajó (posto 149 do mundo); Jesús Simal no campo das Ciencias dos Alimentos (posto 232 do ranking mundial); así como outros investigadores: Carlos Lago (Ciencias do Deporte), Jorge Domínguez e María Jesús Briones (Agronomía e Agricultura), Alberto Velando (Ciencias do Comportamento e Psicoloxía), José L. Soengas (Fisioloxía), Emilio Marañón (Bioloxía e Hidrobiología Mariña), ou Isabel Pastoriza (Nanociencia e Nanotecnoloxía), entre outros.

Vigo é o concello con máis aulas pechadas de Galicia

0

O sistema educativo galego conta con 375 positivos en activo actualmente dos que 102 correspóndense coa área de Ourense. Estas cifras representan 14 máis que os informados polas autoridades sanitarias este venres, e 10 máis no caso da zona de influencia do municipio das Burgas.

Ademais dos casos en Ourense, o informe das autoridades sanitarias desvela, ademais, varios casos de centros que se suman ao cómputo nos municipios da Coruña, A Laracha, Betanzos, Culleredo, Ortigueira, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Arnoia, Avión, Barbadás, Maceda, San Cristovo de Cea, Xinzo de Limia, Pontevedra e O Porriño.

VIGO LIDERA O PECHE DE AULAS

Xunto a Ourense, A Coruña segue como unha das áreas de maior incidencia nos centros e gardarías, con 76 positivos, ademais de Pontevedra cuns 50 casos.

Vigo, pola súa banda, conta con tres contaxios en activo menos que este venres (uns 43 en total), pero si máis da metade das aulas pechadas de toda Galicia, unhas 12 dun total de 28 clausuras decretadas.

Salvo no peche do Calasancio en Pontevedra polos diversos casos confirmados no profesorado (xa reaberto), non se volveu a adoptar ningunha medida de clausura que afecte á totalidade do edificio e a todos os grupos, salvo algunha aula en concreto.

NOVOS CENTROS CON CASOS


Así, detectáronse positivos no CPR Calsanz-PP Escalapios, o Santo Domingo e a EOI coruñesas, ademais de dous no IES Agra de Leborís na Laracha e outro no das Mariñas, de Betanzos. Tamén se rexistrou un contaxio no IES Universidade Laboral de Culleredo, e en dous centros de Ortigueira: o CEIP José María Lagae e no IES da localidade.

En Lugo, os novos casos localizáronse no EASD Ramón Falcón de Lugo, no CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira, e o CPR Fundación Educativa Torre de Lemos.

Na provincia de Ourense, engádense á listaxe o CEIP San Salvador de Arnoia, o Virxe de Guadalupe de Avión, O Ruxidoiro en Barbadás e o IES de San Mamede, en Maceda, xunto a outros dous positivos no CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea, e o IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia.

O resto de novos centros afectados pola COVID-19 son o CPR Sacro Corazón de Jesús de Pontevedra e o CEIP José Fernández López do Porriño, con dous positivos.

Un estudo da UVigo sobre a toma de medicamentos, recoñecido a nivel internacional

A Sociedade Americana de Medicina Interna recoñeceu un estudo da Universidade de Vigo (UVigo) sobre hipertensión no que participaron facultativos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) como unha das sete publicacións do ano pasado con maior impacto a nivel internacional.

A maior parte dos 292 profesionais do Sergas que colaboraron no ‘Proxecto Hygia’ corresponden á Área Sanitaria de Vigo, segundo detallou a súa xerencia nun comunicado. Tamén indicou que se implicaron 40 centros de saúde na investigación, iniciada fai máis de seis anos.

En concreto, o comité de expertos da Sociedade Americana de Medicina Interna seleccionou este estudo como un dos sete que poden favorecer en maior medida o cambio da práctica clínica neste ámbito de especialización. Así, publicouse un artigo co resumo dos sete traballos seleccionados en liña en ‘The American Journal of Medicine’.

Ademais, os últimos resultados do ‘Proxecto Hygia’ publicáronse no outono nunha revista científica de cardioloxía de gran impacto a nivel mundial, ‘European Heart Journal’. A investigación analizou como afecta o momento do día no que se realiza unha toma de medicamentos antihipertensivos sobre o risco de problemas cardiovasculares.

Á fronte dos traballos situouse o coordinador da Unidade Compartida de Investigación de Atención Primaria e doutor no centro de saúde vigués de Bembrive, Juan Crespo. Ademais, o responsable do Laboratorio de Bioinxañería e Cronobioloxía da UVigo, Ramón Hermida, exerceu como director do proxecto.

Deste xeito, o estudo mostrou que as persoas con presión arterial alta deben tomar os seus medicamentos antes de deitarse, en lugar de facelo pola mañá. De feito, evidenciou que os pacientes que os inxeren pola noite presentan un 45% menos de risco de falecer por un ataque ao corazón, un infarto de miocardio, un derrame cerebral ou unha insuficiencia cardíaca ou que precise dunha revascularización coronaria. A investigación foi levada a cabo sobre unha poboación de máis de 19.000 persoas diagnosticadas como hipertensas con criterios de monitorización ambulatoria.

Así, comprobouse que o cambio de hora da toma da medicación reducía o risco de falecemento por problemas cardiovasculares nun 66% e o dun infarto de miocardio nun 44%. Mentres, a posibilidade de requirir un revascularización coronaria rebaixouse un 40%, a de padecer fallos cardíacos nun 42% e o risco dun derrame cerebral nun 49%.

Unha persoa empréndea contra un merdeiro do entroido vigués

0

Este martes un dos merdeiros tivo un percance cun individuo “alterado” que “non entendeu a dinámica do entroido” vigués e emprendeuna contra un deles rachando a súa máscara.

Quenes son os merdeiros

A personaxe típica do entroido vigués é dende a súa recuperación no ano 2006 a figura do merdeiro. O Merdeiro é unha personaxe de carácter popular que desapareceu durante a década de 1920 debido a ordenanzas municipais que limitaron e suprimiron os costumes transgresores da personaxe. O Merdeiro era habitual nos barrios mariñeiros da cidade, coma no Berbés, e o seu obxectivo era alporizar á xente refinada durante a festa, emporcando a xente con restos de peixe podre. De esta actividade ven o seu nome.

O traxe destes merdeiros era unha imitación do tradicional traxe de escabicheiro, labregos adicados a recoller restos de peixe e argazo para abonar o campo, co que o motivo da figura desta festa sería a rivalidade entre mariñeiros e labregos.

Vigo selecciona máis de 1.500 beneficiarios de axudas vivenda, comida e subministracións

0
O goberno local de Vigo deu luz verde ao pago de axudas para o aluguer ou a hipoteca de vivendas, alimentación e subministracións para 1.612 beneficiarios de 2.469 solicitantes, por un importe de 1.619.000 euros. O alcalde, Abel Caballero, detallou en rolda de prensa que a maior partida destinarase ás axudas de vivenda, concretamente 878.000 euros para 1.442 familias, mentres que a alimentación dedicaranse 435.000 euros e a subministracións, 307.000 euros.
Caballero especificou que a franxa de idade maioritaria dos beneficiarios destas axudas é a comprendida entre os 41 e os 51 anos, seguida da de 51 a 60 anos e dos 31 aos 40 anos. A partir de agora, procederase á notificación e ao pago das axudas, indicou o alcalde, quen lembrou que para evitar desafiuzamentos existe un fondo municipal de emerxencia de 800.000 euros e que é “ampliable ilimitadamente”.
Tamén informou da apertura esta tarde do primeiro tramo do carril bici que percorrerá a cidade desde Samil ata Teis. Trátase dun treito de 1,5 quilómetros na avenida de Castelao ao que dará continuidade, en aproximadamente un mes, un novo tramo na avenida de Venezuela. Caballero lembrou que neste proxecto a Deputación de Pontevedra inviste 3,5 millóns de euros por 900.000 euros o Concello de Vigo.

A Xunta confirma o seu apoio ao Marisquiño e pide reforzar esa colaboración para o Xacobeo

A Xunta de Galicia reiterou este venres o seu compromiso co festival O Marisquiño, que se celebra este fin de semana en Vigo, e avogou por reforzar esa colaboración, coa vista posta no próximo Xacobeo 2021.

Así o trasladou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que visitou as instalacións do certame acompañado polo secretario xeral para ou Deporte, Xosé Ramón Lete, e pola delegada territorial da Xunta na cidade, Corina Porro.

O conselleiro expresou o seu “contento” pola participación da Xunta nesta 19ª edición de O Marisquiño, para a que o goberno galego triplicou a súa achega, cuns 120.000 euros, e felicitou á organización do evento pola súa “valentía e traballo” nesta cita, a pesar de que “non era fácil” tras “o que pasou o ano pasado” (en alusión á caída dun peirao durante un concerto, que causou decenas de feridos).

Así mesmo, Román Rodríguez apostou por manter a colaboración entre o Goberno galego e O Marisquiño, do que lembrou que que é un evento “referencia” da cultura urbana e xerador de turismo e actividade económica.

O Marisquiño 2019 celébrase este ano con varias novidades. Así, ademais das tradicionais probas de ‘skate’, BMX ou o descenso de MTB polo Casco Vello, incorpóranse probas de ‘Football Freestyle’, ou un gran salto dentro da competición ‘Dirt Jump’.

Entre as disciplinas deportivas non faltará o basket 3X3 FIBA Satellite, en cuxas probas colabora directamente a Xunta. E todo iso completarase con exhibicións doutras modalidades, grafiti, zonas de compras, espazos gastronómicos e actuacións musicais en varios escenarios.

A moda xoga ao ‘Un dous, tres, escondite inglés’

A Casa Galega de Cultura en Vigo (Pza. da Princesa, 2) acolle a exposición ‘Un, dous, tres, escondite inglés. O xogo como transgresión na creación da moda’, organizada pola Universidade de Vigo, en colaboración da Concellería de Cultura.

Comisariada por Lola Dopico, a mostra conta coa participación das deseñadoras Susana Fall, Xoana Medraño, Maria Lazara, Africa Abadín, Atusto Oda, Nerea Rodríguez, Zaira Margae, Paloma Malvar, Andrea Piñeiro e Miriam Cartagena.

As creacións presentes na mostra comparten compoñentes moi teenager, xa que o xogo non é algo reservado ao territorio da infancia; pola contra, está indisolublemente ligado ao conxunto da cultura humana. O xoguete aínda así non é un obxecto sen sombras, é capaz de espertar toda a imaxinación e especialmente impulsar incontables expectativas, pero tamén é o primeiro resorte capaz de frustralas á mesma velocidade que as esperta.

Solicitan ao Ministerio novos informes para defender Vigo das secas e inundacións que traerá o cambio climático

A Xunta urxiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica a tramitación dos informes para asinar o convenio de colaboración que permita realizar un estudo sobre unha solución estrutural ao abastecemento de auga na área de Vigo.

Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen lembrou que tanto a Xunta como o Concello olívico están en disposición de asinar o acordo, pero levan meses esperando polos informes que faltan por parte do Goberno (un informe do Ministerio de Administracións Públicas e outro do Ministerio de Facenda).

A ese respecto, a conselleira expresou a súa esperanza de que se poida asinar o convenio antes das eleccións xerais do 28 de abril “porque é algo que urxe” e porque levan “moitos meses tramitando”.

Segundo lembrou, devandito acordo debe permitir a elaboración dun estudo para implementar a mellor solución aos problemas “estruturais” de abastecemento de auga na área de Vigo, e debe facerse “sen apriorismos” e “con consenso”.

Ethel Vázquez, que fixo estas declaracións antes de participar na cidade olívica nun xantar-coloquio con empresarios (para falar, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, da xestión da auga), lembrou que as políticas sobre abastecemento deben idearse nun escenario de cambio climático, e permitir prepararse “para futuras secas ou inundacións”.

Mentres, a directora de Augas de Galicia constatou que o fenómeno do cambio climático “chegou para quedarse” e, aínda que a demarcación Galicia-Costa ten “reservas de auga adecuadas e suficientes”, hai sistemas que sofren “grandes presións”. Entre as “preocupacións” da Xunta, recoñeceu, está o sur da provincia de Pontevedra, así como as áreas do rural.

Finalmente e, por outra banda, a conselleira fixo referencia, a preguntas dos medios, ás obras do corredor do Morrazo, e confirmou que a intención da Xunta é pór en servizo o terceiro tramo “antes de verán”.

A ese respecto, Ethel Vázquez lembrou que a conversión deste viario en autovía é a maior obra en materia de estradas que está a levar a cabo a Xunta, cun investimento de 55 millóns de euros.

Constitúese a Eurocidade Cerveira-Tomiño, fito para seguir avanzando na cooperación

0

A historia do irmandamento existente dende hai moitos anos entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira deu este xoves un paso máis coa constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Hai catro anos creouse a Axenda Estratéxica de Cooperación Amizade Cerveira-Tomiño, cunha programación anual conxunta de actividades culturais e deportivas con participación da cidadanía, dentro do denominado “Orzamento Participativo Transfronteirizo” (OPT).

Constitución da Eurocidade Tomiño-Cerveira/ Concello de Tomiño

Todo ese traballo conxunto derivou na aprobación da constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa que ámbolos dous concellos buscan seguir avanzando na cooperación e na xestión compartida de equipamentos e servizos públicos.

O acto oficial tivo lugar hoxe no medio da Ponte Internacional da Amizade, coa presenza dos dous rexedores locais, Fernando Nogueira e Sandra González; da xefa territorial en Pontevedra da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e da vicepresidenta da Comissao de Coordinaçao e Desenvolvemento Regional do Norte (CCDR-N), Ester Silva.

Constitución da Eurocidade Tomiño-Cerveira/ Concello de Tomiño

Tamén asistiron representantes da Armada Española e da Marina Portuguesa; da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal, valedoras transfronteirizas, concelleiros, concelleiras e o deputado provincial Uxío Benítez.

Abriu o acto a Academia de Música Fernandes Fao de Vila Nova de Cerveira, logo do cal as concelleiras de Cultura de Cerveira e Tomiño leron a Carta da Amizade Cerveira-Tomiño, necesaria para a constitución da Eurocidade.

Constitución da Eurocidade Tomiño-Cerveira/ Concello de Tomiño

A continuación, tomou a palabra a alcaldesa de Tomiño, para comezar lembrando a longa historia de cooperación entre as dúas vilas, coa participación veciñal coma piar fundamental.

“Estou convencida de que a participación dos veciños e veciñas será tamén o éxito da Eurocidade. Será moi importante que a sintan como súa, como unha ferramenta máis para buscar solucións compartidas para necesidades comúns”, salientou.

A situación estratéxica de Tomiño e Cerveira foi outro dos puntos que enunciou con optimismo.  “Temos próximas metas nesta Eurocidade, como a consolidación dese gran parque transfronteirizo a través da pasarela peonil”, avanzou, lembrando ao mesmo tempo a necesidade de solucionar a nivel estatal trámites que permitan unha maior mobilidade na fronteira e consolidar unha vella aspiración da raia, coma é un tren que una o Eixo Atlántico.

Constitución da Eurocidade Tomiño-Cerveira/ Concello de Tomiño

O presidente da Cámara de Cerveira, pola súa banda, salientou a consolidación real da vontade política e cidadá de traballar e convivir xuntos. “Hoxe estamos a dar un paso histórico para o ben das nosas comunidades, con mellores condicións de vida e excelentes relacións” precisou o mandatario luso. O peche do acto estivo a cargo dun dúo da Agrupación Musical de Goián.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed